Se muestran los artículos pertenecientes a Febrero de 2006.
O deportivo clasificado para a semifinal da Copa do "Cidadán Borbón" (segundo terminoloxía de Pilar Rahola). Despois de oír cómo o adestrador do Deportivo Joaquín Caparrós alenta aos siareiros coruñeses de cara ao partido desta fin de semana contra o Violencia F.C., non me queda máis remedio que preguntarme onde está esa marrullería da que me falaba algún amigo meu cando se enteiraba de que se convertera no noso adestrador. Polo que levo visto de Caparrós, paréceme un auténtico cabaleiro, en contraposición do seu homólogo do Violencia, que incitaba aos seus siareiros (aínda que acho que a palabra "sicario" sería moito máis axeitada) a ter un ambiente bronco, tanto dentro como fóra do campo.
E o que xa me parece incribel, é o feito de a federación actuar de oficio contra o Deportivo, por defender os seus dereitos, iso si, despois non actúan de oficio para impoñer unha sanción a ese adestrador que conseguiu tanto o que quería, que chegou a pasarse, de xeito que un dos seus sicarios (perdón, siareiros), lle tirase unha moeda ao árbitro.

Segundo leo no weblog de Elena, unha colega miña de Stuttgart, que viaxou a Budapest en xaneiro, parece ser que o mellor restaurante de Budapest (aínda mellor que o de restaurante ese de luxo con violinistas) sigue a estar á altura das circunstancias e aínda por enriba dos comentarios das guías. Como se pode ver na foto, é imposible rematar un prato e tampouco se paga moito máis de 10€! Recomendado!
Pois levo xa un par de semanas a traballar na nova web e o novo blog. Teño listo o zope, pero resísteseme a configuración do apache para a xestión dos dominios... Así que por iso non posteei nada estes días, porque xa queria postear no novo blog, pero é imposible, así que decidín facelo xa, para que os meus poucos lectores saiban que sigo vivo.
De todos os xeitos, tampouco teño moito que contar, quitando que teño á hamster parida, aínda que non sei cantos trouxo desta vez e que resolvín unha chea de papeleo que tiña que facer, como por exemplo, a devolución das taxas de matrícula de Enxeñería do Software, xa que aprobei na convocatoria extraordinaria Fin de Carreira, que paguei aparte, tamén un problema que tiven cos billetes electrónicos de Renfe.
Resulta que os cabróns eses me anularon os billetes que collera para volver a Coruña hai dúas semanas e tiven que pagar no tren, e que segundo me dixeran non me cobraran porque estaban anulados. Mentira. Despois de explicarllo mil e unha veces á atención telefónica do servizo de internet de Renfe, comprendeu o que me pasara e pediume que tamén mandara un mail para que quedase tamén constancia escrita. Aínda non tiven resposta, pero o inicio está feito.
Están entregados tamén os papeis da miña Erasmus, é dicir, unha enquisa e un xustificante e tamén os de Stuttgart, mandaron a documentación que me permitirá en xuño convalidar o proxecto, no que por certo teño un Sobresaliente e poder pedir o meu título.
Agora o que me falta é pedir a devolución dos gastos médicos, que serán uns 75€ que paguei en Alemaña os sete meses que estiven alí e o resto estará listo.
No resto da semana, dicir que onte foi o cumpreanos de Dores, á que lle regalamos un muiño de café manual deses antigos que lle gustou moito e á que lle mando os meus mellores parabéns, e fóra diso, nada máis importante.
Iso é o que lle pasará en breve a este blog, porque agora xa teño listo o novo. Non só teño listo isto, senón tamén a nova web, que aínda está en construción, pero que tratarei de ir enchendo pouco a pouco, incluso con estes contidos, xa que sería unha mágoa perder toda esta chea de posts.
E o dito, este blog, deixa de estar mantido dende agora e nalgúns meses, incluso chegarei a desactivalo, porque xa non ten sentido manter isto con este título... Moitas paranoias escribín aquí, pero non vos preocupedes, que o seguirei a facer, pero aquí:
Plantilla basada en http://blogtemplates.noipo.org/