Blogia
Calvaris in Deutschland

Parece que esta vez xa vai de verdade

Pois iso, que hoxe me erguín para ir a falar co meu director de proxecto, pero ao chegar alí non estaba. Resulta que me trabucara de hora e en vez de atopármonos ás doce, tiñabamos que nos atopar ás dúas, así que voltei a casa e agardei até a hora de xantar, que fun á mensa.
Despois pois fun alí a falar con el até as catro da tarde, hora á que fun ao centro a ver se podía mercar uns novos auriculares porque os que teño, de vez en cando, non se oen na orella dereita. Cousa que me fode moitísimo porque non podo oír música a partir das 10, que é cando se ten que deixar de facer ruido. Pois os máis baratos que atopei foron uns de 9€, co cal decidín buscar un alongador de cable stereo e poder usar os do discman, pero resulta que un alongador valía 6€! Así que por 3€ máis teño uns cascos novos, que case me vai mellor.
A miña conversa con el foi interesante. Ensineille como instalara todo, e gustoulle bastante como estaba facendo as cousas. Deume algo máis para ler e ímonos atopar outra vez outra vez o mércores xa para facer o contrato e o plan que vou seguir. O contrato é unha formalidade que se fai aquí, pero de cartos non vou ver un peso.
Despois voltei para facer uns cantos deberes e marchar a clase de alemán, onde o pasei bastante ben, porque tiven que preparar unha presentación sobre unha viaxe, e aos do lado tocáronlle as Illas Canarias, así que pedínlle que nolo trocasen para poder falar de Teneriffa, que é o que coñezo despois de ir alí dous anos seguidos. Lembreime moito do ben que o pasaramos alí. E incluso lle contei cousas á profesora, co que me dixo que se algún día ía a Tenerife, que me preguntaría... Máis sorte tivo a moza grega, que lle tocou falar da súa propia Illa :-) Por certo, estaba hoxe de cumpreanos e fun a tomar uns cachiños de tarta á cociña, que nos invitara. Por fin podo esquecerme do gorro de cumpreanos, do que estaba en posesión dende o meu.
Pois nada, xa me deito, que mañá teño unhas clases de alemán sobre "Landeskunde: Aktuelle Themen in Deutschland", onde nos ensinan a ler xornais, e de paso, nos enteramos do que pasa por aquí, como a caída do SPD (partido socialista alemán), en Nord-Rhein Westfalen, en favor da CDU (partido popular alemán), polo cal, Schröder está pensando xa en convocar eleccións anticipadas ao non ter todos os apoios que lle gustarían...

0 comentarios