Blogia
Calvaris in Deutschland

Outra vez Volksfest

Outra vez Volksfest Alá fun despois de traballar todo o día con Dominique. Estaban alí unha chea de españois, entre eles bastantes galegos, cos que tiven a oportunidade de confraternizar en honra á patria, como tenta ser a foto, aínda que a sevillana de rosa de abaixo se negou a saír da foto, así que ao final non hai só galegos.

Trocaron o sistema do dous por un e a primeira cervexa tívena que pagar completa, pero despois díxome Cristian o que había que facer e coma el quería outra, pois alá fomos ao mostrador para recollermos as nosas fichas que despois poderiamos trocar por cervexas.

Pasamolo xenial, e despois cando xa estabamos un pouco calcados, fomos dar unha volta por aí Juanga, Silvia, Cristian e máis eu, a dicir o moito que nos queriamos, o fantásticos que eramos e até subimos na montaña rusa, que non era tan boa coma a outra vez, pero estivo ben.

Á volta atopei ao que está á dereita da foto coa camisola branca, que tiña unha ferida na man e estaba a agardar pola ambulancia. Alá fun con el, porque o pobriño non falaba moito alemán e porque para colmo non levaba a tarxeta sanitaria europea enriba. Leváronnos na ambulancia ao posto a Cruz vermella, onde nos fixeron agardar un cacho por coche para nos levar ao hospital, porque o tiñan que coser. Ao final collemos un taxi, por suxerencia do médico, que lle cobrou 8€ por cruzar unha ponte de merda. Alí, por sorte, curárono sen pagar os 200€ que sería máis ou menos o tema todo.

Despois collemos o U-Bahn cara Hauptbahnhof. El tiña para voltar a Untertürkheim, pero o meu derradeiro xa pasara, así que marchei a ver se podía coller o Nachtbus, que resultou que só funciona as fins de semana, así que chamei a Juan Pablo, que avisou a Till para me viren recoller ao centro.

0 comentarios