Blogia
Calvaris in Deutschland

Óscar Pereiro fai historia e gaña unha tirada no Tour

Nova en Vieiros:

[19/07/2005 20:58] Non o conseguiu no cumio do Courchevel. Tampouco en Saint Lary Soulan, onde só puido ser segundo. Mais á terceira foi, e Óscar Pereiro, logo dunhas xornadas sendo protagonista da paixón, venceu na liña de meta de Pau a súa primeira tirada do Tour. Pereiro saltou do grupo cando comezaba a subida ao alto de Aubisque, acompañado do tamén galego Marcos Serrano. Logo deixou atrás os compañeiros, e situouse na cabeza a canda o vasco Zandio, o australiano Evans e o italiano Mazzoleni. Quedaban só os quilómetros da baixada, e a distancia co grupo (uns seis minutos), podía abondarlles. E así foi: Pereiro ceibouse dos outros tres a 250 metros da liña de Pau, e conseguiu a primeira vitoria para un ciclista galego en toda a historia do Tour. O ponteareán Álvaro Pino quedara segundo nesta mesma tirada, xustamente hai vinte anos.

A cidade gascoa de Pau coñece así a primeira vitoria galega nun Tour, logo de que históricos como Álvaro Pino ou Blanco-Villar nunca o conseguisen. E aínda non dixo Pereiro a última palabra: loxicamente o podio está lonxe, pero o excelente estado de forma do mosense pódeno animar a rabuñar algúns segundos máis nas tiradas do Macizo Central francés e mais na última das contrarreloxos. O horizonte, mellorar a décima praza da edición de 2004. Para mañá, unha longa tirada de 239 quilómetros dende Pau ata a viliña languedociana de Revel, bastante chans. Pereiro, que acaba de renovar o seu contrato por dous anos co equipo Phonak, dedicoulle a vitoria á muller, coa que agarda un fillo para outubro.

O presidente en funcións da Xunta, Manuel Fraga, felicitou cun telegrama a Pereiro polo seu triunfo. Fraga transmitiulle a noraboa "no seu nome e no de toda Galiza" e cualificou a vitoria de "fito histórico" para o deporte galego. Fraga destacou que "é un orgullo para Galiza" contar cun deportista de tan gran valía.

Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, envioulle esta tarde unha mensaxe de felicitación a Pereiro polo "seu grande triunfo". Quintana seguiu a retransmisión televisiva da vitoria de Pereiro, e sinalou que o triunfo de Pereiro era un "bo exemplo de ata qué punto os galegos e as galegas son capaces de abrirse paso exitosamente en distintos campos a escala internacional, entre eles o deporte profesional ao máis alto nivel".

A mesma nova en La Voz de Galicia.

0 comentarios