Blogia
Calvaris in Deutschland

Máquina do Pan

Máquina do Pan Estes días non fixemos nada raro. Nada máis que a traballar, a dar unha voltiña pola tarde ao saír Laura das clases e despois a traballar outra vez, cear, Los Serrano e deitarnos. O carallo foi que o luns, que xa contamos que estivemos de compras por aí, vendo máquinas de ferver arroz e de cocer pan, pois non atopamos ningunha que tivese dous compartimentos coma unha que tiñan Dores e Juanjo, que está xenial para persoas, xa que as demais son para facer un pan grande dun quilo e iso para dúas persoas coma nós é moito. Aparte de que podes facer dous pans distintos nas dúas cubetas. Por iso, que marchamos decididos ao Kaufland para mercar a que viramos alá, que custaba 40€, un prezo moi asequíbel, contando todo o que viramos anteriormente e ademais, tiña dúas cubetas. Que sorpresa a nosa, que cando chegamos, a máquina estaba rebaixada 10€, co cal a mercamos a 30€ (alí puña un aforro do 68%). Mercamos tamén unha masa especial para facer pan, que xa vén mesturada con todo, é dicir, coa fariña e levadura xa para meter na máquina.

Collemos e traducimos o manual completo, que está só en alemán, e xa nos iamos marabillando con todas as cousas que podía facer a máquina, pero o chasco chegou cando a enchufamos e vimos que o display non se vía ben. Decidimos non facer nada con ela e levala ao día seguinte para trocala por outra. Non se vía ben, pero iso dentro de 1 ano xa dá igual, pero cunha máquina nova non gusta.

O carallo é que o martes fómola trocar, todo menos o manual que xa o tiñamos traducido ;-) Ao voltarmos a casa, lemos as instruccións que viñan coa masa e puxémolo todo nas cubetas. Puxemos para Laura un pouco máis escuro e para min un pouco máis clariño. Incríbel como dunhas cubetas con auga, unha culler de aceite e fariña, só botando iso, pode saír un pan como o da foto, pero é certo. No modo normal para pan branco fai o seguinte.


  1. 5 minutos de amasado: ao principio amodiño e despois xa lle mete caña

  2. 5 minutos de fermentación

  3. 20 minutos de amasado: a toda caña

  4. 40 minutos de fermentación

  5. 30 segundos de "descanso", no que move un chisco a masa

  6. 30 minutos de fermentación

  7. 60 minutos a cocer



O carallo é que con cada programa avísache despois dun tempo, por se queres botarlle algo máis á masa, en plan uvas pasas ou algo así, no caso do programa que usamos é aos vinte minutos, no cal podemos abrir a portiña e botarlle algo, pero non o fixemos. Este programa dura un total de 2:40 minutos.

Para hoxe temos pan integral que ten 50 minutos na última fase de fermentación e 50 minutos a cocer, o cal fai un total de 2:50 minutos.

Para impacientes, dicir que a máquina tamén ten modos "Rápido" (pan branco en 1:40) e "Express" (pan branco en 55 minutos) e tamén ten outros programas para facer outros tipos de masas (sen cocelas), coma masa de pasta, boliños, pizza e "bagels", que non sabemos o que é, pero pola receita ten pinta de ser algo coma donuts. Probaremos a facer unha empanada no programa da masa de pizza e algún día faremos tamén pizza, xa que onte vimos un mesturado especial para facer pizza. Tamén ten outros programas para cousas que non levan levadura, coma masa de pasteis, mermelada e forneados rápidos.

Por suposto, ten o modo de comezar con retardo, o cal se pode deixar por exemplo todo preparado pola noite e dicirlle que che teña listo o pan para as 8:00 da mañá, para almorzar un pan quentiño. O que estivemos facendo estes dous días é poñelo para as 10 da noite e tomar pan con Nocilla de postre da cea.

Noutra orde de cousas, descubrimos de onde vén a historia dos Maultaschen, que unha especialidade da cociña sueva (que foi o pobo que fundou o antigo Reino de Galiza). Esta vén do tempo na que a xente pobre non podía comer carne (os ricos si, porque pagaban as bulas), así que enrolaban a carne en pasta e dicían que Deus dende arriba non a podía ver.

Por certo, quen queira unha que a pida, que me transfira os cartos e mándolla sen problemas, que teño unha oficina de correos case diante do centro comercial. Supoño que os gastos de envío encarecerían uns 20€ a máquina...

1 comentario

Ricardo Rodríguez -

Caray! Me he quedado realmente impresionado con el maquinillo!! No sabía de la existencia de tal cosa... si comiese más pan, me compraría uno, jejeje Un saludo ós jallejos en alemaña!! :)