Blogia
Calvaris in Deutschland

GALIZA CALIDADE!

Pois hoxe pasei unha das maiores vergoñas da miña vida. Fun a clase de "Landeskunde: Aktuelle Themen in Deutschland", que é unha clase onde se len xornais e tal e aprendes linguaxe culta. O tema é que só se pode faltar dúas veces e xa levaban catro semanas de curso, así que a fulana me preguntou o meu nome. Díxenlle que era a primeira vez que ía, ao que me respondeu que non podía ser, e que tiña que marchar. Eu díxenlle que só quería aprender, que non me importaban os créditos, pero a ela dáballe igual así que me tiven que erguer e marchar. Merda para ela, que me fixo perder unha preciosa hora do meu proxecto para iso. De todos os xeitos, é mellor así porque non perdo esas horas semanais nese curso.
Despois pola tarde estiven traballando e tamén falando un bo cacho co meu bo amigo Mateo, da USAnia que me tratou de convencer das súas vontades, pero que non conseguiu ;-) . Pois iso, que van casar el e Cristina, así que moitos parabéns para eles!
E despois, fun até unha festa sorpresa de cumpreanos dun rapaz francés polo que tivemos que agardar un bo cacho, pero estivo ben que á fin puidemos xantar algo bo. Francés, pero bo. O mellor de todo, foi que por casualidade, o pai da moza del é galego, e el tiña unha botella de caña branca, da casa, desas de verdade, nada de merda de supermercado. Cunha cantidade equivalente a un ou dous "chupitos", foi máis que suficiente para se convenceren todos de que era a bebida máis forte que probaran nunca. Incluidos tamén os fineses, entre os cales estaba Simo, un fulano de 1,90 ou máis, inmenso, sempre fardando do seu vodka finés, sucumbiron ante a caña galega! Simo dixo algo como: isto é tan forte que queima todos os microbios da gorxa... Liisa dixo despois que aída sentía a quentura no estógamo... GALIZA CALIDADE!

0 comentarios