Blogia
Calvaris in Deutschland

Traballo e grella

Pois onte foi un día de traballo no que agardaba rematar o tema do enrutamento no proxecto, pero que non foi posíbel pola falla de tempo.

Erguinme cedo para ir ao médico, co que afortunadamente xa rematei, é dicir, xa non teño que ir máis e á volta púxenme a traballar até a hora de xantar, á que fun á Mensa só con Ignasi porque Cristian estaba completamente desaparecido. Á volta voltei a traballar e chamei así coma 10 veces a Cristian que non daba sinais de vida. Ao final chamoume ao Skype así coma ás cinco e media da tarde. A iso das 18:41 collemos o bus cara Vaihingen para mercarmos algo para nós para a grella que iamos preparar pola noite con Felipe, moza e demais banda. Merquei tamén fariña para a máquina que xa rematara o paquete que tiña de fariña con pipas de xirasol.

Á volta seguín a traballar até a hora de subirmos á terraza, á que me veu buscar Cristian. Non tiñamos carbón, pero afortunadamente puideron "roubalo" no edificio do lado. Ao final non estivo tan mal, é dicir, a comida resultou estar saborosa e o pan causou furor.

Estivemos tamén a fumar un chisco de pipa de auga na terraza e despois voltei baixar para seguir traballando un pouco antes de me deitar ás 3:30 da madrugada. A merda foi erguerme hoxe ás 8:10 para a cita que tiña con Dominique, á que chegei case un cuarto de hora tarde, pero non pasou nada.

Estivemos arranxando un problema que tiña dende onte, aínda que me dixo que o código tiña unha punta caralluda, así que podo estar un pouco orgulloso. Non hai nada como traballar conxuntamente con outras persoas, por exemplo nunha empresa un proxecto para aprender a codificar de xeito claro...

0 comentarios