Blogia
Calvaris in Deutschland

Mercedes Museum

Mercedes Museum Hoxe erguínme media hora máis tarde porque non tiñamos clase de alemán, senón que iamos ao museo de Mercedes e ademáis, atopámonos coa mestra en Hauptbahnhof, que é máis doado para chegar que as clases.
Collemos o S-Bahn até a parada de Gottlieb-Daimler Stadion a onde tamén teremos que ir para ver o fútbol. Collemos o bus para o museo, que estaba preto e chegamos. A vantaxe, é que é completamente de balde, incluida a audioguía en español. A verdade é que o museo está xenial, e aparte de ter o coche de Raikonen de verdade, teñen unha réplica onde te podes montar, coma se pode ver no gráfico.
Merquei un coche deses de colección que me gustan e collín libros para Carlos e para Miguel, que si saben apreciar os bos coches ;-) Quen queira algún libriño que o diga, que levarei a Laura a velo e non haberá problema por coller máis.
Despois fomos á torre da televisión coa miña liña de metro favorita, que ten a vía un pouco máis estreita e os trens son máis vellos e que por suposto, ten unha vista bastante mellor cás outras, dende onde se pode ver toda a cidade. Non puxen ningunha foto disto porque xa tedes unha bastante semellante un pouco máis abaixo. Está ben, pero hoxe había unha pouca néboa e ademais tiñamos tamén frío, por iso marchamos cedo.
Xantamos Cristian e máis eu unhas ás de polo con tomate e patacas frixidas que nos saíron xenial.
Despois fomos facer a compra a Vaihingen, que tocaba pola noite facer tortilla de patacas, onde aparte diso, merquei unha pranta para a habitación. Na etiqueta pon Minze e ten pinta de ser menta. A ver se me deixa un bo cheiro na habitación...
Ao voltar fun falar cun fulano polo do proxecto e teño que dicir que son educadísimos, pero bordes coma eles sós. Preguntoume por WSDL, ao cal lle respondín que sabía o que era e algo vira, pero que cando o tivera que usar, foi xerado por unha ferramenta a partir dunha clase Java. Tamén me preguntou polo protocolo que por suposto non coñezo en profundidade. Tamén se extrañou cando lle dixen que non collera ningunha clase alí e preguntoume outra vez cal era a miña especialidade, ao que tampouco lle souben responder ben, co cal amabelmente me dixo que non podía ser. Sen darme oportunidade de preguntarlle polo outro proxecto, que ía sobre Bases de Datos, polo cal lle escribín un mail despois vendéndome un pouco e facendo publicidade, por suposto de Igalia e Fisterra. Tamén lle falei sobre a práctica de IS, sobre as bases de datos que coñecía, etc. A verdade, se non me quixese coller para iso, sentaríame bastante mal, porque creo que teño coñecementos de sobra sobre o tema como para facer a implementación dunha interface coa base de datos dunha máquina de estados...
Despois pola noitiña, xa a cociñar as tortillas, que nos saíron un pouco amorfas, pero moi saborosas, así pouco feitiñas...
Aos alemáns gustáronlle moito, sobre todo a Klaus, que aproveitando que o pai se dedica á cata de viños, nos trouxo algunha botella para beber durante a cea, aparte do xelado, claro. Tamén aproveitei para comentarlle a Beni o tema dos suevos, de cando viñeron a Galiza, ao cal me respostou que eu tamén era un pouco suevo :-) Tamén comentaron diversas peculiaridades sobre os cataláns, por exemplo, que eran un pouco agarrados e sobre os galegos, contaron que sempre respostabamos ás preguntas con outra pregunta, cousa que non tiven problema en pór en práctica. Como mostra diso, un chiste: "por que os galegos sempre respostades a unha pregunta con outra?" e di o galego "por que non?" :-)
Ala, xa chega por hoxe, que mañá teño que erguerme cedo para ir a clase e ademais, toca estudar para o exame do xoves."

1 comentario

Miguel González -

Home, agradécese que estando tan lonxe de nos te lembres diante desas obras de arte do museo de MB.

Unha aperta.