Blogia
Calvaris in Deutschland

Papeleos e festa de despedida

Papeleos e festa de despedida O mércores erguinme pouco antes das 10 para facer todos os trámites que precisaba para marchar do país. Posto que aproveitando unha visita ao supermercado, xa fixera o Abmeldung (desempadroamento no concello), só ficaba a exmatrikulation, a baixa consular, o contrato telefónico e o papel firmado polo coordinador conforme voltei para casa. Nesta orde fíxeno todo:

Para o tema da exmatrikulation, fun até o edificio de relacións internacionais onde me explicaron que só tiña que encher un formulario e conseguir o carimbo da biblioteca universitaria, conforme non tiña ningún libro en empréstito. Así o fixen e voltei a relacións internacionais onde concluin con este tema.

Despois collín o transporte público cara o Konsulat de España en Stuttgart para a baixa, na que enchín outro formulario e listo. A alta no consulado foi por mor das eleccións. Aproveitei para que me deran un sobre pequeno onde meter a carta de solicitude de cancelación do contrato do teléfono, que botei en Schloßplatz. Despois voltei ao campus para recoller a Cristian e xantarmos.

Pola tarde recollín as copias que deixara a encuadernar do proxecto e dei un paseo con Dominique para me despedir del, xa que tiñamos un chisco de tempo libre.

Despois voltei para casa de Cristian a comprobar o peso das maletas e empacar todo na caixa que tiña que enviar con Till. As maletas comprobei que levavan un sobrepeso duns catro quilos e a caixa non puiden pesar correctamente, porque non podía ver o display da pesa eran uns 31 quilos. Alá imos Till e máis eu coa caixa cara Ulmenstraße a entregalo a GLS para que mo enviasen a Igalia, xa que eles están sempre alí en horario de oficina (grazas, rapaces).

Ao chegarmos á oficina de GLS, que resultou ser unha tenda de informática, pero que tamén recibían os paquetes de GLS, pesaba todo 44 quilos! Así que non quedou máis remedio que abrir a caixa e tirar algunhas cousas, que tería que deixar ou que empaquetaría dalgún xeito na equipaxe de man, que non pasaba pola pesa. Saquei fariña para a máquina de pan, unha pota, uns pratos e unha táboa de cortar. Cando a fulana viu que pesaba menos dos 40 quilos voltei a meter a táboa dentro e pechamos a caixa, enchín o formulario e envieino.

Despois fixemos un pouco o parvo até que chegou a hora de cear, á que fun ao meu antigo edificio á festa que me tiñan preparada. Resulta que estaban a facer Spätzle a man, que o final ficaron caralludos. Ceamos e probamos toda a repostería que podedes ver na foto, firmáronme o meu caderno e marchei case entre bágoas para a casa de Cristian a deitarme para erguerme cedo e coller o voo.

0 comentarios