Blogia
Calvaris in Deutschland

Laura

Laura Pois onte tocoume, por milésima vez consecutiva, erguerme para traballar. Teóricamente non ía ir xantar con Eloi e Jero á Mensa, porque andarían de papeleo por Stuttgart adiante, pero ao final avisáronme, pero ás doce e media. Fun para alá e despois a traballar outro chisco ao laboratorio até que chegou a hora da cita con Dominique, que chegou un cuarto de hora tarde.
Estivemos a discutir unhas cantas cousas respecto á implementación, que mas trocou aí a última hora, menos mal que non comezara aínda. Despois fun con Eloi a imprimir as carátulas dos CDs que lle iamos dar aos fineses. Tentámolo na sala de informática, pero as impresoras non ían, así que a min se me ocorreu a idea de ir á Fakultät, pero non imprimir dende o portátil, senón lanzar un lp dende outra máquina, co cal saiu todo sen problemas. Ao carallo foi que a porta principal estaba pechada, así que se me ocorreu a idea de ir á de atrás e agardar a que saíse alguén para poder entrar, pero ao irmos cara alí, Eloi atopou un porta auxiliar aberta, e ao entrarmos, a porta que tentaramos abrir antes, estaba aberta. Foi coma isto de tentar aparcar, dar unha volta de carallo, e cando tes que pasar despois a pé polo sitio onde querías ter aparcado antes, atopar un sitio libre e amplísimo.
Despois fomos até a cociña de Liisa, que é a mesma que a de Cristian e cando os franceses marcharon fóra, démoslles os CDs, que lles molaron moito, sobre todo a portada, que é a que se pode ver na imaxe da nova.
Despois marchei ao aeroporto para recoller ao meu amor, que tamén chegou un cuarto de hora tarde, coma Dominique.
Deixamos as maleta na habitación, despois de perderlle unha roda, por iso era chunguísimo andar con ela, fomos outra vez á cociña de Liisa, onde me agardaban "as bólas de Pasi", que dito así soa mal, pero que son unhas albóndigas moi boas, carne de reno, e a supertarta de Johanna, que coma sempre estaba caralludísima.
Ao rematarmos, fomos ao Unitekle onde non puiden pedir nada, porque xa estaban a pechar. Estivemos un cachiño alí e despois fun deixar a Laura a casa, que se atopaba mal. Voltei, non porque fose un maleducado con Laura, senón porque sería un maleducado con Eloi e Jero, que marchaban xa para Barcelona, aos que vou botar moito de menos despois de todas as aventuras que vivimos xuntos por aquí.

0 comentarios