Blogia
Calvaris in Deutschland

Denuncia das cancelas do Sergas ao software libre

Nova de Vieiros:

PRESENTADOS DOUS RECURSOS NA DELEGACIÓN PROVINCIAL DA XUNTA
Denuncia das cancelas do Sergas ao software libre

[29/07/2005 11:48] As esixencias de marcas e tipos de software propietario nas licitacións do Servicio Galego de Saúde "incumpren a lei de contratación". Así o denuncian dende a empresa galega Igalia, especializada precisamente no desenvolvemento de solucións informáticas baseadas en software libre.

Igalia considérase "prexudicada e excluída" polo que pide que se dicten "novas resolucións onde as condicións económico-técnicas non resulten exclusorias para o software libre". Por este motivo veñen de presentar recurso de alzamento a dúas licitacións de proxectos do Sergas. A denuncia lembra que as respectivas peticións dende a administración de propostas vencelladas co despregue de contornos colaborativos e alugueiro de hardware e licencias de software que fan "referencia explícita a marcas e tipos de software" vulnera a Lei de Contratos das Administracións Públicas.

As alegacións de Igalia a estas licitacións subliñan tamén que a Proposta de Recomendacións á Administración Xeral do Estado sobre Utilización de Software Libre, remitida ao executivo polo Consello Superior de Informática establecen "claramente que o software libre e de fontes abertas non pode nin debe ser considerado de xeito desfavorábel con respecto ao software propietario".

Do mesmo xeito, citan a proposición de lei de 4 de xaneiro de 2005 que destaca "as vantaxes económicas, estratéxicas e sociais que o uso, promoción e desenvolvemento deste tipo de software proporciona en especial ás administracións públicas, en contraposición co software de licencia propietaria". A maiores, lembran que un informe do Tribunal de Contas en marzo pasado recolle que "as decisións sobre uso de software que impliquen custos para a administración deben xustificarse amplamente" precisando que "non é admisíbel legalmente a adopción implícita de decisións sobre a instalación de determinado software que supoñen a asunción de gastos millonarios para o Estado sen as debidas formalidades e garantías".

0 comentarios