Blogia
Calvaris in Deutschland

Haberá selección galega de fútbol para o Nadal

Cito textualmente de Vieiros:

[26/08/2005 14:01] As xestións para crear a selección galega de fútbol comezarán en setembro e prevese que o primeiro partido amigábel se despute polo Nadal, conforme avanzou o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez. Será a primeira vez dende a República en que unha selección galega de fútbol xoga un partido oficial, aínda que sexa amigábel, e está por ver se o fará contra unha selección autonómica ou doutro país.

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, mantivo o xoves en Santiago unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Fútbol, Xulio Meana. Meana, que leva máis de quince anos de presidente da entidade e que sempre se opuxo á creación do combinado, amosouse agora de acordo coa intención do novo goberno e declarou que ata o momento non fora posíbel poñela en marcha porque "desde a Administración non se tiña claro o que representaba para o pobo galego". Para Meana, é xa o momento de que "Galiza deixe de ser a única comunidade autónoma que non dispón de selección".

O director xeral para o Deporte, o nacionalista Domínguez, anunciou que a mediados de setembro asinaría un protocolo entre a Xunta e a Federación para botar a andar a selección galega, e valorou a xuntanza de hoxe como "importante porque cómpre mirar ao futuro, a través do deporte, cun aire novo". Sinalouse o Nadal, data tradicional dos partidos das seleccións autonómicas, como días probábeis para a estrea da selección albiceleste, e recalcou que este é un proxecto que se sacará adiante "con absoluto consenso".

Santiago Domínguez quere fuxir dos localismos "creando un proxecto que ilusione a todos e que sexa representativo da sociedade galega". As vindeiras semanas Domínguez reunirase cos xogadores máis emblemáticos dos últimos anos do fútbol galego, Fran e Michel Salgado, e que xa apoiaran no seu momento a creación da selección, para presentarlles a proposta. E tamén falará con Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez para o posto de adestrador.

1 comentario

Miguel González -

Se dúbidas unha boa nova (e moi agardada)... E o adestrador/seleccionador debe ser D. Arsenio Iglesias, "o raposo de Arteixo"...