Portugués V

Despois, cando chegaron, fomos deixar as súas maletas na consigna para poder ir dar unha volta polo centro.
Botaron unha partida de xadrez nun taboleiro con fichas xigantes, que sería totalmente imposíbel de concebir en Galiza porque seguro que a xente levaba as pezas para casa. Gañouna o catalán, pero estivo moi interesante. Había xente que pasaba por alí e ficaba mirando.
Ao rematar foron tomar unha cervexiña mentres Eduardo e mais eu, acompañabamos a Juanjo a facer as últimas compras para levar para Galiza. Mercou Maultaschen, Spätzle, Semmelnknödel e Kartoffelknödel. Todo bo :-)
Despois xantamos nun Biergarten que había no centro do parque que hai detrás onde atopei un cachiño de cristal entre os Spätzle, que lle amosei ao camareiro para que tomasen atención do que servían, pero de bo rollo, aínda que seguramente non o conseguise, debido a que me é imposíbel estar de bo rollo nesas situacións :-)
Ao rematarmos marchamos cara o aeroporto onde me despedín deles xa até a próxima vez que os vise. Vouvos botar de menos, rapaces...
Á volta, como aínda tiña media horiña, fun até Schloßplatz, onde hai un punto de acceso aberto e sentei xusto debaixo da árbore que sinala a frecha. Incríbel estar sentado nese xardín co portátil a ler o correo, falar co gaim... O malo é que só puiden estar unha cuarto de hora, que despois tiven que marchar a clase de portugués.
Foi incríbel, escoitar a un fato de alemáns, falar portugués con sotaque brasileiro, por mor da profesora, por suposto :-) Agás unha, que supoño que estaría en Portugal algún tempo, ou ten familia ou algo...
Á volta de clase estiven a ler un pouco cousas do proxecto e despois fun cear coa xente de aquí para xa vir para casa, que estou moi canso e ademais teño que erguerme mañá para presentarlle algo ao meu director :-)
0 comentarios