Blogia
Calvaris in Deutschland

Zoo Wilhelma

Zoo Wilhelma Hoxe erguémonos cedo para ir ao Zoo en Wilhelma. A verdade é que chovía e tiñamos medo de que non se puidesen ver os animais, pero era, agás a semana que vén, a nosa derradeira oportunidade de vermos xuntos este Zoo. Así que alá fomos, choiva incluida. A entrada foi barata, 5€ para estudantes. Tentamos seguir unha visita guiada que comezaba ás 10, pero a fulana non apareceu, así que seguimos os sinais e fixémola pola nosa conta seguindo os "elefantes amarelos" até chegar ao outeiro, onde tivemos que seguir os "elefantes azuis".

O Zoo, a verdade é que é completísimo, teñen monos, serpes, hipopótamos, xirafas, peixes, focas, de todo o imaxinábel. Unha das cousas que maís me chamou a atención foron os monos, porque os demais animais non teñen raciocinio, pero en particular, os monos teñen o ollar dun ser humano. E cando os miras aos ollos é coma se estiveses a ver a un home que está dentro dunha gaiola, mentres todo o mundo está fóra dela. Iso si que me impactou. De feito, houbo un que "mandaba a tomar polo cu" á xente que lle petaba no cristal para que mirase para fóra. Cando llo facían, el viraba a cara e pegaba coa man no cristal coma dicindo, "déixame en paz"!

Outra das cousas que me chamou foron os pingüinos, aínda que non sei como os teñen así, porque fai bastante calor. De feito, creo que os teñen bastante mellor no Loro Parque de Tenerife, onde polo menos, tiñan neve e xeo. O que se pode ver na foto é un exemplar de pignüino, que foi un que toquei un pouco de "estrangis" (e que case me mete unha trabada), para poder morrer tranquilo sabendo que toquei un.

Outra chasco foi os 7,50€ que pagamos por un paquete de seis pilas Kodak, que quedamos sin batería para sacar fotos das serpes, arañas, insectos, peixes...

De todos os xeitos, o resto foi incríbel e recomendo a todo o mundo a súa visita, porque até tiñan unha vaca marela, non puña que fose típica galega, pero eu creo que era unha marela galega de toda a vida ;-) . Outra anécdota foi cando entramos na sección de roedores e lle comentei a Laura (no seu weblog podedes atopar máis fotos da visita) que a ver se tiñan unha chinchilla, que me lembraba ao capítulo de Los Serrano de Antes Muerta que Chinchilla e alí a atopamos (a chinchila, como dicían os alemáns).

Outras cousas típicas galegas que atopei foron os fentos, porcos bravos, porcos e demais animais de granxa, incluso había moitas árbores iguais ás da Alameda de Marín.

Outra cousa curiosa era unha pequena especificación das Leis de Mendel da xenética e co que puiden comprobar que a xente non tiña nin puta idea de que ían, porque ficaban a mirar para os ratos e dicían: "Ala, mira! Hainos branquiños e negriños!"...

A que non vos podedes imaxinar cal era o peixe máis visto polos rapaces? Pois como non podía ser doutro xeito, o peixe paiaso de Buscando a Nemo.

Unha das partes maís noxentas foi a dos insectos, porque había escarabellos, arañas, alacráns, e todo tipo de bichos noxentos que non facía máis que darnos ganas de pisalos. Iso si, despois viñeron os canguros, e os pingüinos que melloraron bastante a impresión.

A anécdota do día foi ver correr a un paxaro con outro enriba, de razas completamente distintas e aos que non lle tiramos unha foto porque Laura mexaba coa risa, así que ficamos sen momento estelar :-) .

0 comentarios