Blogia
Calvaris in Deutschland

Cea cos Scouts

Cea cos Scouts

O venres pasado, día 23, quedara coa xente dos scouts para unha cea de Nadal, así que alí fun no tren até Pontevedra, onde me recolleron Guille e María, que me levaron coas maletas até o restaurante. Alí ceamos todos, lembrando vellos tempos e non tan vellos. Foi superagradable divertirme con esta xente, aínda que non estaba moi católico, pero si que o pasei ben, sobre todo cando nos puxeron as botellas de licores, entre eles unha de caña tostada e outra de herbas, así que empezou aí a festa.

Despois fomos até un local do casco vello de Pontevedra, no que estivemos a bailar un chisquiño, até as dúas e media, hora á que eles decidiron trocar de local e eu marchar para casa, xa que ao día seguinte tiña unha cita relativamente cedo con Luis, antigo compañeiro de colexio e amigo, en Vigo, para xantar e facermos unhas compras. Acompañáronme Guille e María até o seu coche, onde estaban as miñas maletas e agardei ao bus (ou trole, como o coñecemos aquí) para ir a Marín, onde ao chegar a casa, merquei o billete de tren para ir a Vigo.

0 comentarios