Blogia
Calvaris in Deutschland

Presentación

Presentación En pouco menos de dúas horas e media, comezarei a presentación do proxecto. Xa tomei as miñas drogas para estar tranquilo, o cal seguramente sexa imposíbel.

Onte estiven a practicar unhas cantas veces a presentación que en ningún intre conseguín baixar de media hora, até que chegou Mario, un veciño de Cristian, para escoitarme. Según me dixo, podíaseme entender perfectamente, aínda que por suposto metía a gamba de cando en cando coa lingua, mais o único que a min me importa é que se me entenda. Incluso dixo que entendía boa parte do tema que presentara. Por suposto, non todo, pero que entendera boa parte. Con el duroume 28 minutos. Debo dicir que teño 30, más 15 para preguntas.

Despois chegou Cristian e compaña, todos borrachos, aos que tamén lle fixen unha presentación, que sorprendentemente me levou só 20 minutos nun alemán, do que incluso eu me sorprendía, tamén con fallos, pero extremadamente fluido, o cal me serviu para tranquilizarme, así que agora non farei ningunha proba máis até a hora da presentación. Despois irei a casa para ver se podo pesar todo e ver o que teño que deixar forzosamente por se pasar de peso. O carallo é que non poderei recoller a báscula até despois de vir da Volksfest, o cal non me garante ningún estado de consciencia humana por mor dos 2 homologados litros de cervexa (é dicir, dúas xerras), que hai que beber neste tipo de eventos.

Un dos datos curiosos nas presentacións de aquí, é que o tribunal é só do departamento, iso é bo, pero non teñen a memoria con eles, iso é malo, porque en caso de teren preguntas, tería que respondérllelas e non tería ningunha oportunidade de dicirlles "Das haben sie dabei im Dokument", coma na FIC. Outra diferenza é o non ir de traxe, así que o que levarei será un pantalón e a camisola da Universität Stuttgart para facer un pouco a pelota... Semella tamén que vou ter compaña amiga, é dicir, Cristian e algunha xente que quizais veñan. Xa sabedes que sempre é mellor ter unha cara amiga que che diga cun pequeno sorriso de complicidade o ben que o estás a facer.

En fin, non podo dicir, que ás cinco da tarde son enxeñeiro (a falla das taxas) porque aínda me queda a simpática asignatura de Enxeñería do Software do señor Javier Andrade Garda, á que seguramente irei en decembro, en febreiro e se teño coma dixo Carmen a posibilidade de pagar o dereito a un terceiro exame, tamén en setembro, todo sexa por se acaso...

1 comentario

_luara_ -

A esta hora o ya habrás acabado o estarás a punto de, así que ¡¡¡espero que todo haya salido muy bien!!! :-D