Blogia
Calvaris in Deutschland

Luns e martes

Pois onte luns erguinme cedo para ir ao médico e poder almorzar xa a gusto :-) Despois voltei para casa para traballar un pouco e agardar até a hora de xantar. Non tomei café por mor de ter que voltar a casa a estudar para o exame de alemán de pola tarde.
A parte que tiven primeiro foi a de gramática, que me saiu bastante ben. O carallo foi coma sempre o Hörverständnis ou "listening" como se chama en inglés, que debido ao meu problema cos idiomas, nunca son quen de facer ben. Esta vez non foi moi difícil, pero houbo cousas que non puiden entender ben e outras que non me deu tempo a apuntar, porque sempre tes que apuntar varias cousas e como teño unha memoria de merda, non son quen de me lembrar que catro parvadas que me soltan xuntas. A parte de Textproduction foi sobre o tema dos "Studiengebühren", que é algo que queren pór agora en Alemaña e que consiste en que queren facer pagar aos estudantes como xa pagamos nós. Por suposto, parece que se popón tamén que os estudantes con poucos recursos non paguen e que se pague a partir do 12º semestre tamén. Eu dei a miña opinión, que no caso da Galiza, non acho mal o que se fai.
Despois a cear con estes e a deitarme.
Hoxe erguinme tamén para traballar para o documento que tiña que presentarlle a Dominique. Pensei que tiñamos a cita para as dúas da tarde, pero por sorte era ás catro, co cal tiven dúas horiñas máis para traballar, que boa falla me fixeron. Saín coas chanclas, pero como chegaba tarde, collinas coa man e fun sen elas a correr. É incríbel como se pode facer iso sen te cravares sete pedras por minuto. Eu nada máis que me cravei 2 en máis de 500 metros de camiño dende a miña casa até a facultade. De paso automento o meu nivel de frikismo, porque aquí hai moito friki que anda sen nada nos pés...
O carallo é que o que estamos a facer é bastante chungo, porque estamos a buscar unha solución que palíe todos os problemas, pero coma sempre, cando apretas por un sitio, estoupa polo outro, así que o tema está bastante fodido e haberá que tomar a decisión de que erros queremos que se toleren no protocolo. De todos os xeitos, en todos os papers que lin, non vin ningún que fose perfecto, así que tampouco me preocupa moito. Alén disto, terei que traballar aínda un cacho, polo menos até a fin da semana, que é cando terei que comezar a ver algo para comezar a picar código.
Despois de falar con el, saín pitando para casa a me mudar de roupa, porque levaba chanclas e pantalóns curtos e o ceu xa estaba con nubes de choiva, así que non podía facer outra cousa para ir á cea de portugués en Zuffenhausen, que está preto das fábricas de Porsche... Tardei unha chea en atopar o restaurante, pero paseino ben a falar galego coa profesora e cos demais alumnos, aínda que non me afago a escoitar un fato de alemáns con sotaque brasileiro. Pedín un "Bacalhau ao marinheiro", que non estaba nada mal, contando o estarmos nun lugar de terra adentro e fóra de Portugal. En canto a profesora, que tiña que voltar a Kalsruhe, marchou, xa comezaron a falar alemán, co cal non me quedou máis remedio que alguén se dirixise a min amodiño, porque cando falan rápido entre eles é complicado entendelos. Pero aínda estiven a falar un bo cacho con eles, sobre os tópicos dos EUA, sobre fútbol... Sobre os EUA comentamos algunhas estatísticas que non lles son moi favorábeis sobre cultura e algunha anécdota coma a de Llamazares co tema da lavadora (que lla amosaron coma se non houbese aquí) e as súas conclusións sobre Franco (que de tanto falar mal del, chegaron á conclusión de que era comunista). Sobre fútbol comentei que non me gustaba demasiado o fútbol alemán, porque ás veces semella que non saben xogar polas bandas...
E despois un deles levoume até a parada do S-Bahn en Bad Cannstatt, co cal puiden chegar de xeito cómodo até o campus.
Por certo, aínda que non o vaia ler: Parabéns para meu pai, que está de cumpreanos hoxe 12 de Santiago!

0 comentarios