Blogia
Calvaris in Deutschland

Network Simulator 2

Network Simulator 2 Pois onte, xa por non trocar a rutina, tamén me erguín para traballar. Fun xantar á unha menos algo á Mensa, sen agardar polos demais porque tiña cita con Dominique ás 13:30 . Chegaron e sentaron todos os españois arredor miña. Até me sorriu Carolina cando chegou tarde e lle deixei o sitio para se sentar, xa que eu marchaba. A verdade, non sei que carallo lle pasa comigo, será porque falo mal da Igrexa, porque é devota de Escrivá, ou porque son nacionalista e esta xente non soe aturar nin unha cousa nin a outra...
Pois iso, que onte practicamente só estiven no despacho de Dominique, que me estivo a amosar código que teño que tocar e esas cousas para implementar o meu protocolo no simulador Network Simulator 2. Verdadeiramente é unha merda espichada nun pau. Non ten outro nome. Está deseñado co cu. Hay que facer unhas cousas rarísimas con portos, que non teñen nada que ver cos portos de TCP e UDP, é dicir, cada protocolo ten un porto ns2 que hay que pór. O carallo é que ese porto gárdano na cabeceira IP, tendo como ten, unha cabeceira común. Tamén tes que especificar a dirección do paquete, é dicir, se vai cara arriba na pila de protocolos ou cara abaixo, porque no código se fan comprobacións do tipo, se o paquete vai cara arriba fago esta cousa, se vai cara abaixo fago outra. É dicir, que me vai tocar loitar contra esta merda incríbel. Cando rematou a explicación, marchei para o laboratorio a rexerar o repositorio CVS que puxen nunha máquina, para ter backup á parte de control de trocos. Outra das cousas que me pareceu un pouco rara, é que Dominique utilice o propio simulador para xerar código TCL. Non me soubo responder cando lle preguntei por qué non utilizaba simplesmente un programa externo...
Despois vin a ver Batman Begins, que andaba xa pola rede de Direct Connect e despois de falar un chisco con Laura, que xá so faltan 3 días, subín a unha minifesta que facían na cociña de enriba da miña. Alí tomei un par de cervexas até que chegou a hora de saír pitando para coller o derradeiro S-Bahn da noite con Eloi e compaña. Fomos a un bar "español", onde puxeron catro cancións en español e despois o resto en inglés. Alí tomamos uns chupitos, bailamos e xa despois a tomar o Kebap de rigor e para casa no Nachtbus, ou bus nocturno. Aínda estivemos un chisco a facer coma corridas de touros en Allmandring, así que nos deron as catro e media cando nos deitamos.

0 comentarios