Blogia
Calvaris in Deutschland

Viaxe de volta

Viaxe de volta Alá me ergo ás 7:05 para evadir o espertador de Cristian, que ten de melodía o Cara al Sol, por suposto para apagala canto antes e erguerse rápido, pero conseguín evadilo :-) Ducheime e metín todo nas maletas.

Saímos cara alá Cristian e despois alcanzounos Juanga. Semella que a Juampi se lle pegaron as sabas e non puido vir. Collemos o S-Bahn en dirección ao aeroporto e dispúxenme a facturar.

O carallo foi que me mandaron pesar as duas maletas e tamén o que levaba de man! Pesaba todo 40 quilos, estando o límite en 20... Comentáronme que eran 126€, un 50% máis cá pasaxe! Mandáronme a outro mostrador a pagar ou negociar. O fulano díxome que me rebaixaban 5 quilos, pero que tiña que pagar o resto, que seguía sendo aínda máis de 100€. Discutín un pouco con el e despois Cristian e Juanga comentáronme a xogada final :-)

Sacamos alí diante dos fulanos unha chea de cousas que me terían que enviar hipoteticamente por correo, pesámolo, e aínda que seguía pasando do peso, ao final deixáronme pasar. Ao recoller a tarxeta de embarque, saímos dalquela zona e voltei a meter todo na maleta.

Despedínme de Cristian e Juanga e montei no avión, coa sensación estraña do moito que deixaba atrás.

Cheguei a Barcelona e preguntei a que hora podía facturar con Spanair. Dixéronme que ao momento e aí o mandei todo, porque me estaba a imaxinar a escena de ter que ir ao baño con catro maletas... Non me puxeron ningún problema co peso esta vez.

Coma o Pans and Company non me convencía, preguntei onde podía comer e comentáronme que tiña que pasar á zona de embarque. Como me dixeron que non había problema para saír e voltar a entrar (quizais me viña a ver Jero ao aeroporto, pero ao final non puido ser), alá fun. Pitoume o aparello pola cremalleira e os zapatos, pero nada máis. Alí estaba todo carísimo, así que decidín ir xantar abaixo ao Pans... Pedín un bocata de xamón serrano con tomate untado no pan e unha ensalada, que viña con aceite de oliva Carbonell e que me soubo a gloria, todo.

Despois voltei a pasar á zona de embarque e quedei parvo a mirar os Simpson en A3, despois de 7 meses de sequía. Vin tamén o telediario, o cal que lembrou o moito que odio a prensa deste estado, despois de sete meses de descontaminación relativa, que lía os xornais.

Cheguei a Compostela e resulta que as miñas maletas chegaran noutro voo anterior, que facturei moi cedo e atopeime co deputado no congreso Francisco Rodríguez do BNG. Díxenlle que seguisen así a traballar polo país e preguntoume un par de cousas sobre o que fixera na viaxe, felicitoume e xa me atopei coa miña curmá Luisa, que me viñera a recoller.

A miña curmá entregoulle a meu pai a memoria do proxecto mentres eu agardaba no ascensor. Coma non tiña as gafas, non se decatou en que estaba escrito, así que saín e á fin na casa!

0 comentarios