Blogia
Calvaris in Deutschland

Laura na clase

Laura na clase Hoxe erguémonos para podermos facer os papeis de Laura. Primeiro fomos ao Hausmeister. Ensinámoslle o xustificante da transferencia da fianza, Laura asinou o contrato e listo. Como só vai ficar un mes, non ten que rexistrarse no concello tampouco. Déronnos a chave e rematamos. Sorpredente a rapidez...
Despois fomos xantar á Mensa ás 12. Tamén incríbel o cantidade de xente que había, pero collemos buffet de pasta, así que non tivemos que facer cola. Ao rematarmos, acompañei a Laura até Charlottenplatz ás clases e voltei ao campus, onde me atopei con Marcin o polaco que estaba a recoller un ordenador do lixo. Resulta que ao marchar toda a xente, poñen un contedor de lixo e toda a xente bota as cousas que non quere. Había tamén tres televisións, de feito, unha delas fóra. Fun chamar á xente do meu edificio para recollérmola. Limpámola e deixámola na cociña de arriba de todo. Tamén collemos algunha cadeira. Eu fiquei con ganas dalgunha televisión tamén, pero eran excesivamente grandes. Se as houbese pequenas...
Despois pelexei un pouco co CVS, que é unha merda á hora de meter directorios e borralos. É dicir, para meter unha árbore de directorios hai que facelo a man. E borrar directorios non se pode. Pódense eliminar todos os ficheiros dun directorio, pero non os directorios en si. Pois iso, que engadín co GNU/emacs pouco a pouco os ficheiros e borrei os do outro lado, ficando os directorios baleiros, pero é o que hai.
Á volta de recoller a Laura, fomos dando un paseo até a Universidade a ver se podía recoller o meu diploma de portugués, pero non foi posíbel porque a Secretaría está pechada até o 19 de agosto. Por certo, xa no primeiro día puiden constatar os procesos que fixo, que sabe incluso palabras que eu descoñecía. Vai rematar sabendo máis ca min...
Voltamos para casa a recolocar as habitacións. Puxemos na de abaixo a oficina e na de enriba o dormitorio, que é máis silenciosa (podedes velas nas fotos) e agora imos cear, a ver algo no portátil e a deitarnos.
Observade con pracer a portada do DOG de hoxe ;-) .

0 comentarios