Blogia
Calvaris in Deutschland

Zahnradbahn, Seilbahn e pizzas

Zahnradbahn, Seilbahn e pizzas Pois estes días tamén o único que fixemos foi traballar, porque Laura tiña as súas clases e eu tiña o meu traballo no proxecto, agás onte, que xa era fin de semana e marchamos a dar unha volta pola cidade que nos durou case todo o día.

Comezamos polo museo de Mercedes, ao que chegamos aproximadamente as 12 da mañá, onde estivemos a mercar cousas para a familia de Laura. Tamén estivemos a comprobar como non sería quen de mercar calquera dos coches que había por aí. O máis asequíbel, agás o clase B, claro, esixía o pago dunha entrada duns 13000€, uns 380€ ao mes durante 3 anos e unha clausura duns 30000€, así que a cousa está bastante fodida. Agardo que para mercar algún modelo de BMW un pouco bastante máis modesto sexa máis doado.

Ao saírmos tentamos ir xantar ao restaurante grego que teñen o prato Schwaben Teller, cun pouco de todas as delicias da comida sueva, pero estaba pechado, así que marchamos ao Anatolien a por un Lahmacun Spezial, que é unha especie de pizza con carne picada, á que tamén lle poñen carne de Döner.

Ao saírmos fomos até Marienplatz para coller o Zahnradbahn (o primeiro da foto) ou Zacke, como lle chaman aquí, até Degerloch, que é unha atracción turística polas vistas que ten durante o seu percorrido. Fomos de ida de volta, porque despois tiñamos que tomar a liña U1 do U-Bahn outra vez para coller en Südheimer Platz o Seilbahn (o segundo da foto), até Waldfriedhof que resultou ser un campo-santo precioso cunha chega de xente importante alí enterrada así coma moitos soldados das guerras mundiais. A pesar de ser un campo-santo, é un sitio precioso para pasear. Tamén tiña unha campá que me trouxo algunhas lembranzas da miña xuventude en Marín. Alí atopamos a unha señora vella, á que lle preguntei se se podía beber aquela auga, e que a raíz diso nos deu unha conversa duns 15 minutos, sobre todo o que falou ela, porque lle pillei aproximadamente un 30% :-). Falounos da Universidade, de como eles eran os únicos estudantes que pagaban impostos (estaba na universidade para maiores) e como eran os libros e as bibliotecas importantes, de como alemaña estaba chega de adolescentes maleducados. O carallo é que a vella traballou na forza aérea na Segunda Guerra Mundial.

Despois baixamos outra vez no Seilbahn para coller de novo o U-Bahn cara Vaihingen para mercar as últimas cousas e voltar a casa para traballarmos un pouco e cear.

De cea puxemos un pouco de fariña premesturada con levadura para pizzas e puxémola na máquina de pan. Custounos un chisco darlle forma coa man porque se rompía, até comezamos a usar un rolo de amasar, que como se pode ver na primeira foto, deu mellor resultado que tentar facelo só coas mans (segunda foto). Botámoslle tomate, queixo, champiñóns, carne e a unha delas un ovo estilo Pizza Calzone de Pizza Pepe. Ficaron xeniais, de verdade, estaban riquísimas, así que acabouse o tema de pedir pizzas e ir recollelas!

0 comentarios