Blogia
Calvaris in Deutschland

Estou mallado

Estou mallado Ás sete a pé. Pensaba que amencía máis tarde pero non, ás sete menos cuarto, así que tampouco tiven problema.
E a vista que me atopei ás sete da mañá dende a miña fiestra é a que podedes ver na foto. Moi bonita a verdade.
Pois nada, á ducha onde tiven que agardar a que rematara unha das persoas que estaba dentro, xa que non temos nin WC nin duchas dentro da habitación, só un lavabo.
Pois ala, sen almorzar ó S-Bahn. Menos mal que ó chegar á Hauptbahnhof (estación principal), había unha especie de bares pequenos onde vendían cafés e croissants e cousas desas.
Outra cousa rara, eu cheguei a tempo, pero a polaca á que agardabamos a china e maís eu non. Así que marchamos para a proba de nivel de alemán. Alí alivieime porque por fin, puiden falar en español. Atopei a xente de Coruña que coñecera nos intensivos e todo foi un pouco máis lixeiro. E outra vez estúpido: había café e bretzel para almorzar. Mañá non sei, así que almorzarei por se acaso.
O a primeira parte do exame comezou sendo doada, pero foise póndo máis chunga co cal me fixo dudar se coller a segunda parte. Quen dixo medo? Pois ala a pola segunda tamén. Esta nin de broma a acabei porque preguntaban cousas que eu aínda non coñezo. A nota, mañá. De aí saíra o nivel, dos doce que hai, ó que teño que asistir ás 8:00 no quinto carallo, non mellor dito, no sexto carallo.
Despois fun con Miguel (un de Industriais da Coruña) ó centro a ver se podiamos mercar algo. Alí atopámonos a dúas italianas de Erasmus e el, que creo que quería algo con elas, xuntounas á nosa causa. Visitamos o Corte Inglesen de turno, pero non merquei nada, que aínda teño que comparar prezos.
E ala, outra vez coa china a presentar papeis. Primeiro a abrir a miña conta bancaria, a primeira nun banco alemán, que preciso para pagar calquera cousa da universidade, dende a fianza até a roupa da cama... Simpático o fulano do banco, co que non tiven problemas, porque era alemán e pronunciaba ben e amodiño!
Despois puiden recoller as miñas cortinas laranxas e deixar lista todo o trámite sobre a habitación agás a conexión.
Pola tarde collemos un autobús para ir ó pobo de Vaihingen onde presentei os papeis no concello co que me van a agasallar co bono semestral de transporte a partir de abril. Tamén puiden visitar algo parecido ó LIDL, que curiosamente se chamaba ALDI e algo un pouco máis grande no que lle botei o ollo a unha tixola de 5,99€. Había moitas cousas ricas de chocolate e tamén moitas salchichas, inclusive coma as de Nürnberg, que xa probara en Munich e que algún día probarei aquí.
Quedei até o carallo de andar, e aparte diso, famento. Menos mal que tiña os tres iogures (con cereais?) e unhas galletas de chocolate bastante interesantes.
Non contento con iso, a solicitar a miña conexión a internet. Outra hora facendo cola ó frío, pero vale a pena. IP estática interna por 15€ de alta maís 10€ cada mes. Aproveitei para baixar o kernel 2.6.11 a una velocidade de 2.77 Megabytes/s (si, Megabytes). O problema é que temos unha cota de 8 GB de baixada e 2GB de subida cada mes. Pero é o que hai, e agora voume deitar que mañá teño que erguerme ás 6:30 para ir ás miñas clases no sexto carallo.

0 comentarios