Blogia
Calvaris in Deutschland

Sen teito

Síntome pobre. Onte teoricamente tiña que deixar ceibe xa a miña habitación, de feito erguínme "cedo" para empaquetar todo. Iso era, meter todo nas maletas, organizalo de tal xeito que teña que tocar só unha ou dúas delas. Separar o que van "herdar" os meus colegas que fican aquí e todo iso e sobre todo limpeza, para que o que chega novo á miña habitación atope unha habitación mellor da que atopara eu, que tiña moito po.

Cando fun pedir cita para a entrega da chave (que teñen que vir controlar que deixaches todo en orde), preguntei se sería posíbel ficar algúns días máis sempre que non houbese xa alguén na habitación. Non puido ser, así que xa o xoves pola tarde tiven que buscar unha boa caixa onde mandar todas as cousas "extra" que fun mercando aquí, coma a máquina de pan, os altofalantes, os aparellos da cociña, aos que lle collín agarimo, roupa, etc. Percorrín o campus e case medio Vaihingen preguntando no Mediamarkt, no Kaufland, no LIDL, ALDI, no Schlecker e máis sitios aínda, pero non foi posíbel, até o final vin unha pequena tenda de colchóns e preguntei. Tiñan alí unha caixa que parecía medianamente grande, pero aínda me semellaba pequena. De todos os xeitos era a única oportinidade que tiña, así que a levei comigo. Resultou ser meirande do que agardaba, así que todo ben.

Ao día seguinte erguinme cedo para recoller todo. Juanga axudoume a moldear a caixa para ter o tamaño axeitado para enviala e por sorte puiden meter moitas cousas nela. Agora o que fai falla é pesala para ver se non me pasa dos 40 quilos e tamén as maletas de Germanwings, que coido que non poden pasar de 20 quilos. Terei que ver o que podo levar ou non e quizais deixar algo...

Custoume bastante limpala toda, de feito fíxeno cunhas toalliñas que mercara para limpar a pantalla do portátil, pero que o deixan máis porco do que estaba. Useinas case todas para limpar as superficies das estanterías e o armario.

O Hausmeister ao final non puido vir, así que aínda tivemos sorte e puidemos ficar unha noite máis. Digo puidemos porque o meu veciño holandés Jasper tamén estaba na mesma situación ca min. Iso si, púxenme un pouco tristo ao ver tan baleira a que foi o meu fogar alemán durante estes sete inesquecíbeis meses que pasei aquí. É dicir, comprendín un pouco a Ian o chileno cando na aperta de despedida me pediu que coidase da súa "pieza" (así lle chaman eles), xa que era a que conseguira Laura cando estivo aquí.

Teño todas as cousas entre a habitacíon de Cristian e a de Juanga. Na de Cristian están as cousas que levarei comigo nos voos, xa que vou vivir alí até marchar e na de Juanga as cousas que vou enviar, porque me axudará Till, que ten coche.

1 comentario

Miguel González -

Socio, la fiesta de bienvenida será sonada... Charles ya está buscando el aguardiente.