Blogia
Calvaris in Deutschland

ERC propón oficializar o galego en todo o estado

Cito textualmente de Vieiros:

Lingua e Administración
ERC propón oficializar o galego en todo o estado

[22/08/2005 08:55] Como xa anunciara hai meses, Esquerra presentará no Congreso dos deputados unha proposición de lei para oficializar o galego, o catalán e o vasco en todo o estado. Os republicanos xa asomen que vai ser moi difícil que se aprobe en todos os seus puntos, pero afirman que pode axudar a abrir un debate sobre o multilingüismo no estado. En todo caso, na proposta contémplase que os cidadáns se poidan relacionar en galego coa administración estatal alí onde se atopen, así como incorporar o galego en igualdade co castelán en moedas, selos e medios de comunicación públicos.

Os líderes de Esquerra presentaron a proposición de lei no marco da Universidade de verán de Prada, aínda que xa fora avanzada en apuntamentos ao longo dos últimos meses. No texto, recollerase que catalán, galego e vasco sexan oficiais "no ámbito da Administración do Estado e no de todas as institucións e organismos estatais", incluídos a policía e o exército, e na medida das posibilidades, nas embaixadas, así como para expresar "calquera actuación xurídica pública ou privada" e loxicamente en toda as actuacións administrativas que se fagan, nun sentido e noutro, a través de internet. O estado debería pois incorporar persoal capacitado para expresarse en todas as linguas, para a tradución e a interpretación, e obrigar a que os funcionarios que se incorporen de novo a territorios con fala propia acrediten o seu coñecemento, incluídos os de xustiza.

O galego debería incorporarse tamén a selos e moedas, na liña que vén reclamando a Organización a prol do Multilingüismo, garantir desconexións ou versións multilingües en cando menos a metade da programación dos medios de comunicación públicos, incorporar a "realidade plurilingüe" nos plans de estudo, así como facer efectiva a presenza do galego tanto nos órganos parlamentarios como na Unión Europea ou na Unesco.

O estado debería regular, conforme esta proposición de ERC, a protección efectiva e a promoción destas linguas, para o que crearía un comisionado que termase do cumprimento da lei e que puidese intervir en todos os niveis da administración central. O estado debería nesa liña impulsar o software e as producións audiovisuais nas tres linguas. Ademais, e con respecto ás "outras linguas do estado", o Goberno do estado debería determinar de qué medidas se poderían beneficiar, conforme a "súa situación sociolingüística, demanda social, posibilidades técnicas e opinión da autonomía ou autonomías onde se fale.

Josep Lluís Carod Rovira, o presidente de ERC, sinalou que que o Congreso aprobase o trámite desta iniciativa "é enormemente positivo e sen precendentes históricos". Segundo el, o camiño que vai iniciar esta iniciativa necesita "complicidades políticas, académicas e culturais", e engadiu que "normalizar a diversidade lingüística" é "unha asignatura pendente desde 1977". Sobre a posibilidade de que os socialistas rexeiten a proposición, declarou que "a cultura da ameaza non é a de Esquerra", aínda que cualificou de "improcedente" que Zapatero tivese un discurso para o estado e outro para Europa en relación coa oficialidade. Por parte de Esquerra, presentaron a proposición Carod, a súa responsábel de lingua, Xesca Oliver, así coma o senador Miquel Bofill, os deputados Tardá e Joan Puig e a deputada no Parlament catalán Maria Merc Roca.

0 comentarios