Blogia
Calvaris in Deutschland

Por el mar corren las lieeeebreeees...

En principio vou falar da miña viaxe, que non me deixou indiferente. Despois de pagar 101€ (89 de billete + 12 de taxas) a Iberia agardaba ter un servizo mellor que o de Air Berlin, que me levaría dende Palma de Mallorca até Stuttgart. Pois non, resulta que para comezar, como estamos co mundo ó revés, os voos que tomei de Iberia chegaron a tempo e o de Air Berlin (operado por Hapag Lloyd) chegou unha hora e pico tarde.
Para rematar a miña exposición sobre o asco que me dá Iberia, comentar que fun parvo no voo de Air Berlin, xa que me daban comida e non a pedín porque pensei que había que pagala. Quen ía pensar que nunha compañía de baixo custo podían dar comida? Isto lémbrame a certo incidente en Budapest...
Pois iso, que Iberia apesta. Que non me conten que non se pode dar un bo servizo a baixo custo. Por certo, o avión da Hapag era enorme, con nove columnas de asentos e moitas, moitas filas.
Pois nada, que ó chegar collín as maletas e fun buscar o meu contacto. Unha china. Eu supoñía que ía falar ben alemán, e faino, pero a súa pronunciación é peor que a miña :-) Paguei os correspondentes 44€ para o meu abono mensual de transporte para dúas zonas e fun para o S-Bahn, con tan mala sorte que apareceu a revisora de súpeto pedindo billetes. O meu abono é para dúas zonas e o aeroporto está máis lonxe destas dúas zonas co cal a fulana que quixo meter outra multa de 40€, pero ó final a china non sei que carallo lle dixo que me fixo un billete de 5€.
Até agora non sentira o frío. Ó saír da estación topeime con medio metro de neve, agás nos camiños, nos que só había unha fina capa de xeo. O camiño fíxoseme longuísimo sobretodo tendo que tirar das maletas que pesaban de carallo. Case escorrego tres veces, pero por sorte non caín.
Teño que dicir que a habitación é pouco acolledora, pero polo menos ten calefacción, cousa que non teño na Coruña e isto faina máis agradábel :-) O que non tiña eran cortinas, que non me fixeron falta porque tiña que erguerme ás sete da mañá e aínda non amencera, ou iso pensaba eu...

0 comentarios