Blogia
Calvaris in Deutschland

Ikea

Hoxe pola mañá, fixemos o Konjunktiv 1, que é unha especie de subxuntivo que só se usa no estilo indirecto que case só se usa nos xornais. Pois resulta que por exemplo o do verbo kommen é: (ich komme), du kommest, er komme, (wir kommen), ihr kommet, (sie kommen). Pero dá a casualidade que cando a forma coincide co presente de indicativo, nunha frase, ha de substituirse polo Konjunktiv 2, co que teriamos, a efectos prácticos o seguinte: ich käm, du kommest, er komme, wir kämen, ihr kommet, sie kämen. Pois por que carallo as táboas dos verbos non están sempre así, xa que é totalmente imposíbel usar esas formas, é dicir, totalmente incorrecto. Hai formas verbais que apenas se usan en galego ou castelán, pero que si nalgún caso moi raro se poderían dar. Neste caso é totalmente imposíbel, según dixo a profesora, polo cal, por que carallo non poñen directamente a segunda forma e xa din que é o Konjunktiv 1 así? Non o entendo. Aínda que mellor para mín, porque se no exame me preguntan só a conxugación, pero todo o dereito de escribir as formas que non se usan. Alá eles.
Xantamos en Vaihingen e despois, Cristian e mais eu fomos a Ikea, onde por suposto tiven un ataque consumista de 44€. Merquei un mantel para xantar na habitación, dúas cuncas, cubertos, papeleiras... Tamén collín moitos lapis que eran de balde, así coma oito. De todos os xeitos, mañá volto porque me quedou a cousa máis importante por mercar, que é unha especie de sillón por 25€, que vai ser a bomba. É un pouco unha parvada, pero cando marche lévoo ao mercadiño e véndoo, que seguro que non hai problema. Sobre as cousas que vou devolver, pois son, unha almofada, que por un erro collín a máis cara, un reloxo para a habitación que non preciso, un recipiente para os cubertos, que tampouco preciso, unha cesta para a roupa suxa, pero que tampouco preciso, porque a bolsa de Ikea é suficiente e un flexo, que tampouco preciso. Se precisar algo disto, xa o podería mercar máis tarde.
Nada, mañá visitamos o museo de Mercedes, así que me vou deitar.

0 comentarios