Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2006.

Pois aquí estou despois de me erguer tras as escasas 7 horas que estiven a durmir dende as 11 e pico que me deitei. O de sempre, que chegas ás tantas e dormes unhas cantas horas. Concretamente eu decidín non durmir tanto como de costume, aínda tendo tempo, porque así cando me deite esta noite, terei algo de sono.
Como se pode ver na foto, esta noite de aninovo pasámola na aldea de Yago uns cantos, como Alex e Maria José, Marcos e Vero, Víctor, Yago, Laura e mais eu, e teño que dicir que é un dos mellores aninovos que lembro, porque aínda que estabamos a uns cantos quilómetros da civilización, non nos faltou diversión, sobre todo porque Yago trouxo a súa alfombra de Dance Dance Revolution e sumado ao futbolín e a mesa de ping pong que xa tiña abaixo...
O outro día xa foramos ao super mercar unha chea de cousas para a festa, coma vasos de plástico, pratos, algo de cava catalán, como ten que ser) e xelado (para o sorbete) e algo para picar.
Estivemos toda a noite a xogar, primeiro ao DDR e despois ao futbolín e ao ping pong abaixo, onde podo comentar con orgullo, que a parella formada por Marcos e mais eu, estivemos imbatidos durante unha chea de partidas, até que se nos acabou o maná e despois xa non voltamos pasar de gañar dúas seguidas. Desde aquí moitos saúdos a María José que se amedrentaba coa miña Tiger Eye e a Alex, que sempre estaba atento ao meu supersaque.
Cando xa estivemos cansos, acendemos a frixireira eléctrica que levara eu, e o meu amor, preparou os churros, xunto con María José, que preparou o chocolate, máis o pan, que xa levaba tempo a cocerse na máquina, tiñamos o almorzo tradicional de aninovo perfecto.
E despois, a recoller e para casa, que xa son horas. Grazas a todos por esa noite!
PD: no weblog de Laura tamén se pode ler unha boa crónica.
Lin no weblog de Juanjo Amor algo que xa sospeitaba, pero que non pensaba que fose tan besta. Pois iso, que a taxa que cobran as operadoras por Megabyte en cada SMS é de 984€!
Supoño que a estas alturas, todo mundo sabe o que pasou con ese militar idiota que avogou por un golpe de estado se algún estatuto, como o actual proxecto catalán, non respectaba a sacratísima constitucion do Imperio Pequeno. Segundo El País, o ministro de Defensa ordenou o arresto domiciliario deste imbécil e propuxo o seu cese. Quen carallo se cren estes fulanos para interpretar a constitución ao seu antollo? Que eu saiba, neste estado, esa responsabilidade recae sobre o Tribunal Constitucional, así que todo o que este tribunal dea por bo, será constitucional, co cal, calquera inxerencia militar, deberá ser considerada coma traizón e golpe de estado. A nova sobre as declaracións que inclúo neste artigo, provén de Vieiros:
POLÉMICA POLO DISCURSO NA PASCUA MILITAR DE SEVILLA
Un alto militar apela á intervención das Forzas Armadas se un Estatuto vulnera a Constitución
[07/01/2006 01:50] O tenente xeneral José Mena Aguado, xefe da Forza Terrestre do Exército español, comezou o seu discurso deste venres durante a Pascua Militar en Sevilla confiando en que ningún Estatuto ía sobrepasar os límites da Constitución, mais avisou "das graves consecuencias que tanto para as Forzas Armadas como institución como para as persoas que as integran podería conlevar a aprobación do Estatuto de Cataluña nos termos en que está formulado", e subliñou que un deses termos sería o de esixir o coñecemento "dunha lingua particular". Os portavoces de CiU e ERC cualificaron de "inadmisibeis" estas declaracións, o PNV chámalle a Mena "golpista" e o coordinador de IU pide o seu cesamento. O PP ve nas súas palabras un "reflexo da situación que vive o país". O xefe do Estado maior vén de pedirlle a Bono que cese o tenente, e o ministro xa se citou con el para este sábado coa posíbel intención de aplicarlle algún tipo de sanción.
Mena Aguado chegou a afirmar que "o feito de que nunha autonomía sexa esixibel o coñecemento da súa lingua particular é unha aspiración desmesurada que obrigaría nas Forzas Armadas a regularlle os destinos a esa autonomía da misma forma que actualmente se regulan os destinos no estranxeiro". De todos xeitos subliñou que "afortunadamente, a Constitución marca unha serie de limites infranqueabeis para calquera Estatuto de autonomía".
A última hora da tarde o xefe do Estado maior propuxolle a Bono o cesamento de Mena como xefe da Forza Terrestre, e o ministro de Defensa xa convocou para mañá o tenente xeneral. Nalgúns círculos xa anunciou que se prevé algún tipo de sanción.
Isto é o que se pode ler na nova que publica Vieiros. Acabo de facer a miña reflexión sobre a política española e a conclusión á que cheguei é que a maioría dos cidadáns do Pequeno Imperio (España) queren un estado moderno, porque así se demostrou historicamente dende a Primeira República, periodo no cal se trata de facer un avance político no estado que non se consuma por falta de consenso, pero que ten a súa vontade aí. Despois chega unha ditadura. Cando o pobo consigue outra vez proclamar a república, cos seus conseguintes avances políticos (máis que os que temos agora) e outra vez a ditadura, dá igual a de Franco que a de seu Primo.
Conclusión made in calvaris: O pobo quere realmente trocos na vida política española, pero unha pequena oligarquía do Pequeno Imperio empéñase en non facelo e como sempre son os que teñen as armas, os demais, temos que nos foder. Grazas, cabróns.
Pois xa levo unha chea de tempo sen escribir nada sobre a miña vida, así que os que habitualmente usen este medio para saber algo de min non o puideron facer dende o Aninovo.
Non sei exactamente cando foi, se o día dous ou o tres, resulta que me chamaron de Igalia para me ofrecer traballo outra vez sobre o proxecto Fisterra. Comecei o traballo o luns
e a verdade é que estou contento, xa que era o que quería. Tiven unha sorte de cabalo na miña vida profesional. Agora o que me falta é que me manden os papeis de Alemaña e a entregalos para poder ser Enxeñeiro. Tamén teño que entregar as cousas para que me devolvan os cartos que paguei pola asignatura de Enxeñería do Software, pola que paguei a convocatoria Fin de Carreira e a ordinaria, así que 109 para o peto.
Outra cousa, e ademais paradóxica, é que Jazztel me puxo o ADSL do 20 Megas. Digo que é paradóxico porque levo sen postear dende aquela, pero é porque pretendía montar o servidor xa co weblog aí e dar a nova sobre o tema, pero foi un pouco imposíbel. Ao final o que si puiden montar foi o MlDonkey e agora podo baixar unha chea de cousas. Iso si, estou a trastear co QoS para ver se o podo activalo no router para poder servir as cousas sen que interfira a mula. Outro problemiña que teño, é que o router sincroniza a 1.5 Mb dos 20, pero que creo que é un erro da central porque vendo as marxes posíbeis que podería ter, a de baixada está preto da sincronía, pero a de subida, que eu teño 800, ten a posibilidade de estar a 19000, así que vai ser que me puxeron o cano ao revés.
Noutra ocasión colgarei algo máis, xa que agora marcho ao fútbol!
Sigo cos relatos sobre estes días...
Outra das cousas que me pasou estes días, foi o de ir recoller a moto despois do golpe, que me costou 300¤ e aínda lle falta pór o gardalamas dianteiro...
O mércores pasoume o único desagradábel deste periodo, que foi o da moa do xuizo que me quitaron. Foi a esquerda de atrás e manda carallo o mal que o pasei ese día. Pouco a pouco vou mellorando, pero aínda hoxe domingo a teño un pouco inchada, pero polo menos xa non doe.
O xoves mercamos entre Laura e mais eu a Play 2, coa excusa de farcermos exercicio co Eye Toy Kinetic, que para os que non o saiban, é un dos "xogos" que usan a cámara coa consola e que ten un entrenador persoal que che programa unha rutina de exercicios durante 12 semanas (prorrogábeis). É un pouco máis barato ca un ximnasio e hoxe, que foi o primeiro día que o probei, dáme a impresión de que mañá vou ter maniotas, pero algún día había que comezar. O carallo é que non fixen case puntos, porque a cámara estaba mal
configurada, é dicir, para sala escura, cando co foco que teño para alumear teño que pólo para sala clara.
E a ver se xa non tardo tanto en escribir o seguinte post.
Pois esta semana non fixen máis que traballar. Apenas tiven un intre para min. Iso si, polo menos arranxei a moto de todo, que pola putada de me faltar o gardalamas dianteiro, enchíame de merda aínda sen chover, porque a auga suxa do chan me saltaba ao casco, á moto e a todo, incluso tiña que levar a roupa de augas para non mancharme. Iso si, costoume 75 euros, pero puiden xa por fin limpar a moto e andar nun vehículo digno.
Despois, no traballo a cousa vai amodo pero ben, o que pasa é que agora tamén estou no servizo técnico de AutoArte, que me está a obrigar a facer un traballo de administrador de sistemas con usuarios que non é sempre o máis enriquecedor, pero si agradable cando solucionas un problema e deixas a xente a traballar sen problemas.
O que menos me gusta do traballo é o de chegar pola mañá e oír a ao imbécil de Federico Jiménez Losantos na COPE, non porque en Igalia sexan uns fachas, senón porque lles vai a marcha e fanlles graza a cantidade de parvadas que din nesa emisora. Iso si, tamén server como medidor da saúde mental; o único que hai que facer é medir a cantidade de veces que estás dacordo con Losantos. Eu, onte, 3, e penso que xa é unha cousa preocupante...
A moa, por certo, xa me está a pasar, pero aínda me quedan algúns puntos. A ver se me cae todo dunha vez e se me pon todo no sitio, que esta sensación na boca non é nada agradábel.
Noutra orde de cousas, o Valencia segue igual, sendo un equipo que nada máis que sabe loitar e pelexar, pero no sentido literal, é dicir, a hostias, porque o que é fútbol non teñen nin idea. A verdade, estaba moito mellor en calquera outro sitio ca nese partido.

Pois si, ao mellor dentro de 18 días teño outra vez unha recua de bichiños rondar pola gaiola dos hamsters, pero bueno, haberá que esperar...

Pois xa o temos preparada para viciar! A play que mercamos Laura e mais eu xa ten as pezas que fan falla para podermos trocar de cd sen se decatar de que lle abrimos a porta. Que conseguimos con isto? Poder arrancar cun boot cd orixinal, e despois meter a nosa copia de seguridade dos xogos sen problema. Temos que dicir que foi chungo meter a terceira peza, pero de todos os xeitos, non imposíbel. O carallo é que lle había que atopar o xeito até que o CD comezase a xirar.
Manda carallo. O outro día xa lle deron leña de carallo os fillos de puta do Valencia e hoxe os do Mallorca. Iso si, a lesión parece ser que non foi culpa de ninguén, pero non deixa de ser unha putada.
Actualización: Acabo de ver unhas imaxes del na TVG e non sei como o pode levar tan ben, sempre cun sorriso. Valerón, es o mellor, non o dubides nunca, e agardarémoste até que esteas ben para podermos desfrutar outra vez da túa máxia.
Levo xa un par de días que me decidín a probar as salchichas tipo Bratwurst que tiña dende que cheguei de Alemaña e que mercara no LIDL. Fíxenas na grella eléctrica que mercara hai un mes ou así con Miguel en Santiago. Despois de bótolles un pouco de mostaza que trouxen de alá e a verdade é que están case tan boas como as que probaba alí.
Pois parece mentira que aínda non postease nada sobre estas dúas entidades que tan bos momentos me fan pasar que son o Real Club Deportivo de La Coruña e a cervexa Estrella Galicia.
Pois nada interestante esta semana, moito traballo, con stress e sen tempo case nin para escribir nin para preparar o servidor. Iso si, levoume unha semana, repito, por non ter máis que un par de horas en toda a semana para estes asuntos a configuración do servidor, no que tiña dúas cousas que facer. A configuración do QoS no router e a instalación do Zope para empezar a servir a web e o novo weblog. Tranquilos, que avisarei coa suficiente antelación antes de tirar o anterior. Tamén gardarei as novas antigas para as poderdes consultar.
Sobre o QoS, pois que ao final, coa axuda de Moebius, que fixo unha das consultas máis evidentes en google, pero que a min non se me ocorrera. Grazas a iso, puiden configurar o router perfectamente e agora o que me falta é que o mesmo Moebius me pase as súas prantillas, para as poder copiar eu vilmente e aproveitar o talento de este pequeno gran deseñador gráfico.
O xoves, se non me trabuco, tamén tivemos a asemblea de GPUL, onde se fixo a votación para a
nova directiva, que gañou por 3 a 1 en proporción ao voto en branco, pero visto en termos absolutos, non foi para tanto. Pois iso, que moitos saúdos e moita sorte ao novo presidente e a ver se é quen de poñer orde na configuración desas máquinas que ao meu xuízo, tanto o precisan.
Pois manda carallo que non me lembrara de comentar isto no post do outro día.
Resulta que o venres ao marchar Sergio ao mediodía, comentoume que ía botar o Euromillón, que había un bote de 140 millóns de euros, así que alí mesmo lle demos Alex e mais eu os nosos número e nos nosos dous euros e pola tarde xa nos trouxo o boleto. Á noite, que foi o sorteo, comenteille ao meu pai e ao mirarmos os números decatámonos de que acertara 3 números e 1 estrela, así que me tocaron 30,11€, que procedín a gastar en mercar unha alfombra de Dancing Stage para Play2, así que aí imos meu pai e mais eu a Pontevedra, a Centro Mail, que eu pensaba que estaría na rotonda de Fernández Ladreda con Avda de Vigo, pero nada diso, porque a rúa comezaba aínda máis para alá. Chovía, eu pensaba que non estaría tan lonxe, así que fun a correr, pero estaba no quinto carallo.
Molladura de ida. Non tiñan a alfombra que queriamos nós, así que merquei unha un pouco máis cara. A correr outra vez, e cando me monto no coche non funciona, non arranca. O único bo foi que estabamos na rotonda onde a miña amiga Sada (si, Sada), ten a súa tenda de decoración, e que amablemente me deixou chamar por teléfono a Asistencia en Estrada e que incluso me emprestou o móbil por se acaso tiñan que chamarme. Despois de 40 minutos chegou o fulano (de Vigo), que nos arrancou o coche e que nos comunicou que probablemente o problema sería tanto da batería, que xa tiña un tempo, como do alternador, que non cargaba ben.
O bo desta fin de semana, foi a práctica que collín no xogo de Naruto, porque onte merquei os billetes para voltar á Coruña, que non imprimín, xa que non tiña obriga, así que se supuña que mos tiña que dar o revisor. Non os tiña. Díxome que ao mellor era por ser o de primeira compra, ao que lle respondín amosándolle os billetes que mercara o venres. Consultou e díxome que estaban anulados! O revisor, moi atento, fíxome o desconto con carné xove e suxeriume que comprobase que tiña a devolución na tarxeta, cousa que acabo de facer e non é certa, ademais de serguir tento a opción de imprimir os billetes, co cal, debe de ser algún erro da operativa, que espero que arranxen en breve. Eu, polo de pronto, terei que chamar ao servizo de internet para preguntar que carallo pasou con eles.
Plantilla basada en http://blogtemplates.noipo.org/