Calvaris in Deutschland

Temas



publicidad

¿Y estos anuncios?

Enlaces

Migración

Outros blogs

Outras webs

Novas varias

Archivos

 

Se muestran los artículos pertenecientes a Septiembre de 2005.

01/09/2005

Traballo, traballo e tamén traballo

Hoxe e onte estiven a traballar con Dominique a reo. Onte até as sete da tarde e hoxe até as nove menos cuarto. O carallo é que estivemos a seguir os paquetes que maxicamente desaparecen da simulación e ao final chegamos á conclusión de que é por mor das colisións e toda esa merda, xa que os paquetes chegaban á capa de ligazón (non sei se se di así en galego, pero alomenos, tenteino), pero non á capa MAC, e aparte, ao reducirmos o número de paquetes chegaban sen problemas.

Outra merda foi o memory leak duns 100MB que teño nunha simulación de menos de 10 segundos, cousa totalmente inadmisíbel que se debe á merda de deseño do puto ns2. As cabeceiras dos paquetes non están definidas coma obxectos que se poidan estender, senón que son estruturas que ademais automaticamente inicializa a 0x0, co cal non hai posibilidade de usar os contedores da biblioteca estándar de C++. Tenteino con arrays dinámicos pero tampouco é posíbel porque as liberacións que fai ás veces non me liberan esta memoria (outra razón para facelo coma obxectos, xa que se poderían usar destrutores), así que non me quedou máis remedia que recorrer aos noxentísimos arrays estáticos, coa conseguinte limitación de capacidade, que aínda non probei con valgrind.

Tamén estivemos a falar de como será a presentación, ao parecer 30 minutos de falar eu e 15 de preguntas, pero só con el e con Rothermel, aínda que ao final non virá e o faremos con algún dos colaboradores, entre os cales poida que haxa algún español co que poderei falar no mesmo idioma. En xeral díxome que o que estiven a facer tiña moi boa pinta e que se sorprendía que que funcionase todo tan ben, así que creo que ao final terei unha boa nota.
01/09/2005 22:35 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

03/09/2005

Markus

20050902.jpgPois nada, que onte batimos o record e ficamos Dominique e mais eu até as 22:15 da noite, iso supondo o ritmo de vida alemán, así que podedes imaxinar a alguén saíndo a facultade un venres ás doce e media da noite. Completamente tolo.

Cheguei cunha fame que xa non vía e xusto cando me dispuña a cociñar un ramen para ver cun capítulo de Naruto veume procurar o señor da foto, Markus Schneider para a festa da súa despedida. Estivemos alí un bo cacho, a falar de moitas cousas e a beber cervexa e tequila, co cal podedes imaxinar como rematei a noite...

Fomos tamén á cidade ao Schocken onde tomei outras dúas cervexas que axudaron a erguer ese estado de ánimo xa de por si alto. Collemos o bus das dúas e media de volta onde Markus ía case a durmir.

Hoxe pola mañá foi bastante complicada a despedida, porque a verdade é que Markus é unha destas persoas que se fai querer bastante, así que se pode dicir que o imos botar todos de menos, supoño que tanto coma el bota a Melisa, a súa moza mexicana, que cotilleo{parece ser que está disposta a vir vivir a Alemaña}, así que lles desexo todo o mellor. Falamos de que estou tamén invitado á súa casa durante o mundial para ver algún partido dos que sexan en Gelsenkirchen e que el virá despois facer un curso de español para poder aprender a dicirlle algo á súa namorada.

Tamén comentar que teño veciños novos, unha catalana filla de emigrantes andaluces, que coñece a Jero e Eloi, e un valencián. Teñen pinta de ser boa xente.

Hoxe ao mediodía tamén xantei con Cristian e co seu novo veciño alemán, un brandenburgués simpático que nos invitou hoxe e co que estivemos a botar unha partidiña de naipes. Despois lle ensinaremos o xogo do Tute que de seguro que lle vai gustar.
03/09/2005 20:15 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

04/09/2005

Tempo en Stuttgart

Para que queira ver o tempo que está a haber aquí en Stuttgart basta con ver o servicio do tempo de Yahoo.
04/09/2005 12:00 Enlace permanente. Tema: Parvadas No hay comentarios. Comentar.

06/09/2005

O veterano

Pois iso, que se me fai un pouco raro, porque nunca fun veterano. Marchei o segundo ano de Rialta, así que xa nada, pero agora comeza aquí en Allmandring a chegar a xente nova, que vai facer o curso intensivo de alemán que eu fixen en marzal. Síntome raro explicándolle a todo o mundo como ten que facer para ir mercar, os trámites burocráticos, dándolle internet coa miña tarxeta wireless a todo o que o precisa, tal Santa Tareixa de Calcula. O raro foi explicarlle as cousas a un alemán, moi simpático de Brandenburgo e que por suposto fala o seu dialecto ultrachungo, coma por exemplo decir, "iut" en vez de "gut", co cal ás veces se me fai moi complicado entendelo. Onte chegaron tamén dúas mozas que estudan en Madrid, que estarán no edificio de Cristian, co cal xa son tres españolas, ás que por suposto xa lles está botando un pouco a cana.

Pois iso, que sigo a traballar. Xa concretei moitas cousas con Dominique e seguramente poidamos entregar a fin de mes, ou o día 4 de outubro, así que ao mellor o día 7 ou así xa estou de volta :-)

Hoxe quizais vaimos xogar ao bolos, así que terei que traballar duro esta tarde e xa temos que ir entrenando para a Volksfest, que é a festa da cervexa e que comeza o día 24, e para mostra, unha canción que casualmente atopei en megaupload típica de ferias cervexeiras e que por suposto tocarán nesta ocasión.
06/09/2005 12:15 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

07/09/2005

Vou ficar sen casa!

20050907.jpgPois iso, que á miña volta parece que vou ficar en casa... Segundo se pode ler en moitos xornais, entre eles La Opinión van urbanizar a parte de atrás dos edificios de Investigación e da FIC. Segundo se ve no plano, semella ser que non vai tocar a miña casa, pero non me fío, así que teremos que buscar outra nun prazo inferior a un ano, supoño, que non sei como van de rápido estas cousas... Eu xa sabía que isto podía pasar, pero non imaxinaba que fose tan cedo...
07/09/2005 11:55 Enlace permanente. Tema: Novas varias No hay comentarios. Comentar.

08/09/2005

Os novos

20050908.jpgEstes días estiven a traballar bastante para ver se pechamos xa a implementación. Hoxe por sorte, puiden rematar dúas cousas que falei con Dominique e ademais, descubrín onde carallo estaban ese 100MB de memoria que estaban camiño a Cuba de memory leaks e resulta que todos os paquetes Hello que enviaba non estaban a ser ceibados. Iso quería dicir, cada nodo xeraba un paquete por segundo que se multiplicaba adecuadamente para entregalle unha copia a cada veciño, así que xa podedes imaxinar. Agora aínda teño algúns, pero de menor importancia e a maioría que creo que non son meus. Por exemplo e podo ceibar todo iso, pero cando o simulador me bota fóra un paquete sen me avisar, a memoria céibaa el, pero ao seu xeito, é dicir, os vectores que eu reservo, vanse ao carallo. Agora o único que fica por facer é enviar correctamente aos nodos a información e que estes a usen para o enrutamento, mais moito soporte para isto xa está feito.

Pois nada, que os españois novos xa están a se xuntar, así que adiviño que o van pasar moi ben todos xuntos, porque parecen moi boa xente. Eu estiven con moi boa parte deles onte no centro, ao que teoricamente iamos xogar ao bolos, pero o sitio ao que iamos estaba cheo e non podiamos agardar por dúas rúas, por sermos 15 persoas. Asi que marchamos á feira do viño, que estaba petadísima, co que só ficaba dar unha volta por aí. Rematamos a noite onde se ve na foto, que é a terraza a modo de praia da que xa falou Laura cando estivo aquí e que eu aínda non visitara. Estivemos aquí un bo cacho e despois algúns marchamos para casa, porque nos tiñamos que erguer cedo. Na foto pódense ver algúns dos novos, pero terei que facer mellores fotos. De todos modos explícovos:

  • O que está sentado na cadeira á esquerda da foto é Juan Pablo, un chileno novo.

  • Á que está de costas que se lle ven as bragas é Iris, unha que estuda arquitectura en Madrid

  • Xusto á dereita dela, está Mario, o alemán de Brandenburg, moi simpático e que parece que lle estaba a facer as beiras a ela, coma di Shin Chan, enchíalle o ollo.

  • O que está na cadeira á dereita de Mario é Juan Gabriel ao que non se lle ve a cara

  • Á dereita de Juan Gabriel está Elena, que parece que lle encheu o ollo ao polaco que está ali ao lado e que non paraba de meter fichas a ver se conseguía o premio. Eu acho que non lle ha faltar moito.



Sen seren novos, pero que aínda non presentei a ninguén, están xusto á miña dereita Jasper, un holandés un pouco raro e despois Till un suevo supersimpático, co que iremos ao fútbol para animar ao Stuttgart.

Hoxe ao saír da facultade tamén, ceei con eles, aínda que me vin antes para falar con Laura e deitarme, iso si despois de botarlle a bronca a un italiano novo, que cría que as miñas cousas eran comúns, pero non contento con iso, deixábaas alí arriba sen lavar, así que ao final entrou polo aro...
08/09/2005 23:59 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

09/09/2005

Calico Electrónico

A verdade é que é unha serie flash xenial coa que te ris moito, así que vola recomendo a todos en www.calicoelectronico.com.
09/09/2005 00:27 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

O primeiro partido da selección galega de fútbol será en San Lázaro a finais de decembro

Cito textualmente a nova de Vieiros:

BUGALLO E OLVEIRA PERFILAN COS XOGADORES GALEGOS A NOVA SELECCIÓN DE FÚTBOL
O primeiro partido da selección galega de fútbol será en San Lázaro a finais de decembro

[09/09/2005 09:30] O estadio de San Lázaro, en Compostela, acollerá o primeiro partido da nova selección galega de fútbol o día 28 ou 29 do vindeiro mes de decembro. Así o acordaron este xoves a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, nun xantar que mantiveron en Madrid cos xogadores galegos, Michel Salgado, Xurxo Otero e Fran. Durante a reunión, os tres xogadores profesionais amosaron a súa satisfacción por botar a andar -"despois de tantos anos tentándoo", en palabras de Fran- a primeira selección galega desde os tempos da segunda República.


A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, manifestou o seu desexo de que "este partido sirva para que todos os nenos e nenas se animen a practicar deporte e para iso é fundamental que teñan un espello no que mirarse".

Domínguez Olveira, promotor desta iniciativa, afirmou que "nos queda conversar con adestradores emblemáticos para conformar definitivamente o equipo, aínda que xa falamos de Xurxo Otero e Fran para seren os capitáns como os veteráns do fútbol galego". Sobre a selección rival para este primeiro encontro, o director xeral comentou que se están a barallar varias posibilidades de combinados competitivos "e que teñan relación con Galiza".

Míchel Salgado, actualmente xogador do Real Madrid, amosouse moi feliz "logo de tantos anos agardándoo" e expresou o seu desexo de que "perdure e que sexa un punto de partida para que o fútbol galego mellore e que os nosos deportistas teñan máis oportunidades". "Creo que vai ser unha xuntanza bonita para os afeccionados e para o pobo galego", agregou.

Pola súa banda, tanto Fran como Xurxo Otero manifestaron a ilusión que lles produce pechar as súas respectivas carreiras inaugurando a andaina da selección nacional. O ex celtista afirmou que "en Galiza hai moito potencial para facer unha selección altamente competitiva".
09/09/2005 10:35 Enlace permanente. Tema: Novas varias No hay comentarios. Comentar.

10/09/2005

Grella

20050909.jpgPor sorte, onte rematei unha boa parte do traballo e a outra boa parte agardo rematala hoxe, é dicir, telo xa todo preparado para poder facer as simulacións e extraer os resultados que presentaremos tanto na memoria coma na presentación.

Pola noite fixemos carne á grella, aínda que ao final so tiñamos para Cristian, Mario e máis eu, que os demais só tiñan unhas tristes salchichas, así que nós os tres xantamos o que quixemos e os demais fixérono na cociña e algúns prepararon algunhas pizzas no forno. O que si fixemos despois foi estar alí un pouco de festa na terraza, fumando pipa de auga con tabaco de mazá e de coco e sobre todo, ríndonos coas cancións dos debuxos animados de antes, nada de Pokemon, cousas como os Fragel, Caballaros del Zodiaco, etc.

Había moita máis xente, pero eu ensínovos a xente da que aínda non falei e que apenas coñeceredes:


  • Jasper, o meu veciño holandés, un pouco raro, pero boa xente.

  • Juan Gabriel o valencián.

  • Juan Pablo, o chileno.

  • Anabel, residente en Barcelona, de familia andaluza

  • Elena, de Logroño, pero estuda en Madrid

  • Iris, estuda en Madrid

  • Silvia, tamén estuda en Madrid

  • Till, un suevo que vive aquí porque a súa casa está lonxe.

  • A francesa nova, que creo que se chame Claire e que aínda non coñezo moi ben, pero á que parece que Jasper lle enche o ollo

  • Mario, o de Brandenburg, un alemán do leste simpático e co que estamos a facer un bo curso intensivo

10/09/2005 12:54 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

17/09/2005

Festa de Estrada

20050910.jpgSinto escribir algo agora tan tarde, pero é que andei cheo de traballo esta semana, iso si o venres 9, ou o sábado 10, xa non me lembro ben, fomos á festa de Estrada na cidade. Estrada é un dos españois.

Pois alá fomos todos a un festón tremendo no que estaba case todo o campus a pesar de que a festa era no centro. Alí tiñan o xogo do funil, que consistía obviamente nun funil, que remataba en dous tubos, ao que lle botaban sangría e por suposto, que se facía en modo competición. Isto é o que se pode verse na foto. Tamén tiñan xelatina que estaba feita coa metade de vodka. Eu tiña que erguerme cedo ao día seguinte, así que tentei marchar cedo, pero convencéronme para ficar un chisco máis. E menos mal que fiquei porque puiden presenzar o intre en que Elena e Silvia caeron cara atrás e tiraron unha tenda de campaña que había debaixo dunha cama (si, a verdade un pouco incríbel, pero era así).

Elena, que bebera media botella de vodka do malo, colleu un cagallón de carallo e tivemos que acompañala a dar unha voltiña para que evacuara todo o que levaba no estómago e despois Anabel e mais eu xa a levamos para casa. Jaume explicoume como podía facer para chegar ao Nachtbus (bus nocturno), pero ao chegarmos ao suposto sitio, non había parada ningunha. Preguntei e dixéronme que tiña que baixar cen metros. Ala nos fomos, Elena, Anabel e mais eu cara abaixo. Ao chegarmos abaixo, tampouco había parada, así que voltamos preguntar, onde nos indicaron que tiñamos que tirar cara Marienplatz. Chegamos alí e atopamos unha parada, pero xa faltaba pouquísimo tempo para pasar o bus e a que atopamos ía na dirección contraria, así que outro momento de pánico. Pero pensei que se había esa parada, tiña que haber outra por alí pretiño. Por sorte foi así, chegou o bus e subimos a el. O carallo foi cando a Elena lle deron ganas de botalo todo outra vez, co conseguinte susto ao fulano que tiña diante. Outra cousa foi que o fillo de puta non parou en Schranne, así que tivemos que nos baixar en Johannesgraben. Que fillo de puta! A andar coa borracha 300 metros máis dos que deberiamos. Ao chegarmos á súa casa, Anabel deixouna na cama e todos a durmir.
17/09/2005 21:59 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Código rematado

20050915.jpgPor sorte, esta semana, puiden rematar o código do proxecto, co que só me queda por facer as simulacións. Fixen un script para poder lanzar todas as simulacións e deixalas traballar mentres podemos facer algo máis mentres está a traballar o ordenador. Púxenlle dous modos, modo "nice" e modo normal. O modo "nice" é para cando estou a facer algo máis e que as simulacións se lancen con menos prioridade e no modo normal deixo 30 segundos de descanso entre simulacións para non queimar o procesador.

O carallo é que atopei un erro un pouco raro, no que un paquete no entrega dúas veces, pero falando con Dominique chegamos á conclusión de que tampouco era problema noso e que mellor seguir cara adiante, así que troquei o código para que seguise e comecei as simulacións.

O carallo é que duran unha chea e tiven que paralas varias veces, así que non me valeu nada da computación que fixen onte e hoxe, pero vai cara adiante, así que xa veremos o que lle podo presentar o luns.

Como se pode ver na foto do escenario, está cheo de puntos onde non se pode facer a comunicación e sen uso da información conseguimos unha efectividade na entrega dos paquetes dun 55%, pero co uso da información, dependendo das optimizacións e onde almacenamos esta información, chegamos ao 75%, 79% e incluso 92%, así que non nos podemos queixar dos resultados, porque os problemas que temos, sabemos razonales, que tamén é superimportante. Agora a computar!
17/09/2005 22:21 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

18/09/2005

Exclusiva! Exclusiva! Nova parella!

20050915b.jpgPois o xoves houbo unha pequena festa improvisada na cociña de Cristian, da que merchei moi cedo porque me rallei. Pero ao día seguinte, Cristian díxome:

  • Teño que che contar algo.

  • Bo ou malo

  • Bo

  • A ver, con quen te liaches?

  • Adiviña



Eu atei os meus cabos e botei as miñas contas, que descartaban a Anabel e a Elena e xa só ficaban Iris e Silvia, así que apostei por esta derradeira e acertei.

Levan xa xuntos dende o xoves e por agora vailles xenial, nótase que hai amor o cal me fixo pórme tan parvo coma no derradeiro capítulo de Los Serrano.

O único que lles desexo é toda a felicidade do mundo e que lles dure, porque Cristian xa o ía merecendo.
18/09/2005 13:02 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Simulacións.

O venres pola mañá, erguinme despois non durmir demasiado, e incribelmente despois de pensar como podía facer o script para lanzar todas as simulacións sen que desen problemas. Escribin o que pensara na cama medio a durmir, mandeillo a Dominique e encantoulle, dixo que non vira nada igual, o cal me fai pensar que non traballou nada con bash, porque era bastante sinxelo, en comparanza con outras cousas. O carallo é que coma tivera gula esa mañá (almorcei dous mini bocatas de tortilla francesa con chourizo), non tiña moita fame e me petara unha simulación, co cal xa me comecei a pór un pouco eléctrico, pois decidín non ir xantar e arranxar o problema. Era unha cousa rara, que me ocorre de cando en cando xa que una paquete me chega dúas veces. É unha cousa rara, así que falando con Dominique, chegamos á conclusión de que daba igual e que un paquete así non ía perturbar moito as nosas estatísticas, así que deixeino seguir cara adiante e vía.

Diversas causas da vida (apagar o ordenador sen querer, inicialización incorrecta dos parámetros do script) fixeron que tivese que recomezar varias veces. Unha delas foi decatarme que o zoquete de Dominique, inicializaba a semente aleatoria co reloxo cada vez que creaba unha traza, así que algunhas trazas eran iguais e daban os mesmos erros e no mesmo lugar, iso tamén me fixo lembrar que tamén debería inicializar eu a semente, cousa que non facía porque así nos permitía seguir un erro forzando que se seguise a producir na seguinte execución, pero que esquecera por completo arranxar, así que unha vez que todo estivo listo, volteino deixar a traballar esta noite.

Iso si, esta mañá descubrín que ficara colgado nunha simulación, pero como xa teño iniciada a semente aleatoriamente, imposíbel seguilo, así que fixen a vista gorda e voltei a executalo, esta vez sen problemas.
18/09/2005 13:25 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Festa e Carmen

20050916.jpgO venres, despois de deixar todo a simular, fun buscar a Carmen á estación de tren, que viña de Köln (Colonia), onde está a facer un cursiño de alemán. Fomos xantar un Kebap ao Anatolien e xa para casa, porque chovia moitísimo.

Despois estivemos un pouco na festa da Batida de Coco (Mangaroca!) que fixo Till na que mesturaba isto con leite, que estaba moi bo.

Despois marchamos todos cara a festa dos cócteis onde había de todo, como Bloody Mary, Rusos Brancos, Ananás Coado, Auga de Valencia, etc... Así que houbo ao final estado etílico para todos. Aquí non había o tema do funil coma na festa de Estrada, pero había o sentar nunha cadeira, que che botasen os ingredientes do cóctel na boca, que cha abaneasen e a bebelo todo. O que se pode ver na foto é Cristian. Eu non me sometín porque non me gusta a xenebra. Iso si, coa chega de galegos que nos xuntamos alí, cantamos a Rianxeira, o Andar Miudiño, Pousa, pousa e ao final eu rematei co Eu de Marín ausenteime, que me fixo lembrar que xa levo moito tempo fóra, pero que estou aí en menos de tres semanas!

A verdade é que a festa estivo xenial e Carmen tamén o pasou moi ben!
18/09/2005 14:04 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Visita a Stuttgart

20050917.jpgOnte pasei todo o día con Carmen a pasear pola cidade facendo a rota que vén no mapa, que permite ver todo o interesante da cidade e de colleita propia foi a idea de tomar os transportes raros coma o Zahnradbahn, o Seilbahn a liña 15 cara o mirador de Bubenbad, que é o que se ve na foto.

Pasamolo moi ben e tivemos a oportunidade de falarmos de todo.

Pola noite iamos ir un pouco ao centro, pero perdemos o S-Bahn e como tiñamos que agardar ao Nachtbus, xa marchamos para casa, para durmir e erguernos cedo hoxe, e deixala subir ao ICE, que puiden ver por dentro e que en comparanza cos nosos TRDs, ou incluso os AVEs, fan que sinta por estes últimos algo semellante á pena. Teño que montar nun aínda que sexa cara Ulm, ida e volta.
18/09/2005 14:32 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

A Xustiza rexeita o 'La', unha vez máis

20050918-pacov.jpgEste foi gráfico que atopei por aí nun blog e que me fixo moita coña, así que para completar, engado a nova de Vieiros:

A Xustiza rexeita o 'La', unha vez máis

[16/09/2005 09:33] O xuíz Fernando Fernández Leiceaga anulou nunha sentenza a decisión do pleno do Concello da Coruña respecto do topónimo, considerando que o consistorio non ten competencias para decidir o nome da cidade. O xuíz xa decidira en abril a suspensión cautelar do acordo, que fora acadado cos únicos votos favorábeis do PSOE, e dálle agora razón definitiva á Xunta no seu réxime de competencias.

A lei de Normalización, do ano 1983, sinala que é competencia do goberno autonómico a determinación dos topónimos do país. Pero a Lei de grandes cidades, aprobada en 2003 polo goberno de Aznar, rexía a forma en que as cidades máis populosas do estado podían alterar a súa denominación. Nesta lei era na que se apoiaba Vázquez para reclamar as competencias para colocar como nome oficial da cidade a dobre forma La Coruña - A Coruña.

O xuíz analiza na súa sentenza a lei de grandes cidades, e advirte que non introduce ningunha novidade sobre as competencias para decidir o nome das poboacións, senón única e exclusivamente sobre as maiorías que cómpren para adoptar o acordo. "A reforma que realiza a lei 57/2003 non autoriza a reabrir o debate sobre a denominación do Concello, e moito menos permite considerar que prive a Comunidade Autónoma de Galiza das súas competencias lingüísticas", destaca Fernández Leiceaga. O xuíz lembra tamén que o concello non respecto o procedemento estabelecido, que é solicitarllo á Xunta para que sexa a administración competente o que o autorice, e conclúe que o acordo do pleno coruñés é "nulo con todo o dereito".
18/09/2005 21:55 Enlace permanente. Tema: Novas varias No hay comentarios. Comentar.

19/09/2005

Eleccións en Alemaña

20050918-wahlen.jpgPois como supoño que teredes oído, houbo eleccións en Alemaña esta domingo. Por suposto o que eu agardaba era que a Merkel da CDU-CSU (Unión no gráfico e equivalente ao PP alemán) non puidese coaligarse cos liberais do FDP, como finalmente así ocorreu, por sorte. Agora o problema está en que os socialdemócratas do SPD con Gerhard Schröder á cabeza e os Grüne (Verdes) de Joschka Fischer se deciden a pactar finalmente cos Die Linke (postcomunistas) de Oskar Lafontaine para polo menos formar goberno. O problema é que tando CDU-FDP como SPD-Grüne non se van reunir cos Die Linke, así que non sabemos o que vai pasar.

Aquí tamén hai escano díscolo en Pontevedra, porque no bundesland de Sachsen (Saxonia) morreu unha canditada ultradereitista (menos mal) e haberá que agardar supoño a que elixan outra candidata.

Máis información en galego en Vieiros e en alemán no Tageschau.
19/09/2005 11:17 Enlace permanente. Tema: Novas varias Hay 2 comentarios.

30/09/2005

Fußball

20050922.jpgLevabamos xa unha chea de tempo a cavilar nelo, pero ninguén fixera nada e ao final tivemos que ir a ver que pasaba. Do que falo é do tema do fútbol. Pois iso, que alá nos fomos Till e máis eu a recoller aos demais que viñan ao fútbol connosco onde se dan as clases de alemán, en Schreiberstraße. Puiden mercar algo de merenda, que morría da fame e alá nos fomos todos ao fútbol. Ao chegarmos comprobamos que as taquillas non están xa arestora onde antes, senón que lles trocaron o sitio. Ao chegarmos alí pedimos e non tiñan as que nós queriamos, que terían que ser uns 10€, así que tivemos que coller as únicas que ficaban, que eran unhas de 17. Con isto, xa tivemos a baixa de Silvia e Elena que non quixeron entrar por mor do prezo.

Alá entramos nós ao VfB Stuttgart-HSV (Hamburg), partido da Bundesliga.

O partido comezou ben, pero o cabo dun cacho marcou o HSV, e coido que así fomos ao descanso, no que por suposto, probei a tradicional salchicha do estadio, unha boa Bratwurst con mostaza, moi boa, por certo.

Xa na segunda parte conseguimos facerlle un gol, co cal xa estaba todo de novo aberto, pero o carallo é que non sei que pasou ao final que o HSV marcou un gol parvísimo, ficando cos 3 puntos. Así que marchamos fodidos para casa.

Xa na casa, tiven a oportunidade de escoitar o Depor-Atlético que deixara a gravar en mp3 aquí no portátil dende a internet.
30/09/2005 23:47 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Cumpreanos de Silvia

20050923.jpgOutro día de traballo de carallo, pero a noite tivo a súa recompensa: festa de cumpreanos de Silvia e posterior velada á beira da lagoa.

A festa foi sorpresa. Decoraran toda a cociña. Eramos catro gatos cando comezou a chegar xente e máis xente. De repente, aparece o seu veciño negro (que non ten nada que ver a cor da pel) e púxose a cociñar. Comezou a protestar porque había xente a fumar e despois tamén polo ruido, todo iso mentres estaba cociñar. Despois enterámonos de que estaba picado porque non o invitaran á festa e incluso foillo dicir á interfecta, que por suposto, non sabía nada da súa festa sorpresa. Imaxinade a escena do fulano dicíndolle á outra que por que non o invitara á festa...

Pois iso, que Cristian a levou a cear fóra para os outros poderen arranxar a cociña para a festa e xa cando chegaron démoslle a sorpresa, que non sospeitara nada e todo xenial. Fixeron unha tarta riquísima.

Despois fomos todos á festa da lagoa que xa mencionara antes e onde o resto dos españois estaban a facer unha pequena fogueira. Coma o ambiente era agradábel, fiquei alí até case as catro da mañá, despois de falar con moita xente, entre eles Sergio, un madrileño moi boa xente que estaba moi borracho e que me seguía para dicirme que iso do nacionalismo estaba moi mal, que el se sentía tan galego coma min, que falase galego con el, que me entendía (non chegou á segunda frase) e que Madrid, sendo a capital de España! tiña que ter as mellores infrastructuras de todo o estado e ser moito mellor que as demais. En fin, non quero comentar nada máis ao respecto :-)
30/09/2005 23:35 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Voksfest

20050924.jpgComeza a Volksfest. Así que alí nos vamos uns cantos a ver como estaba o tema, pero de relax, sen ánimo de moita festa. Chegamos e constatamos que efectivamente era moito meirande que a Frühlingfest. Alá nos imos todos cear unha boa salchicha de medio metro e despois como tiñamos ganas de algo doce, mercamos un Waffeln, que é coma unha especia de gofre feito da masa das filloas, boísimo.

Demos outra volta e ao final dubidamos entre a montaña rusa ou meternos nunha Bierzelt a degustar unha tradicional cervexa de litro e fartarnos a cantar cancións alemás... Coma se pode ver na foto, optamos pola derradeira opción e pasámolo bastante ben, aínda que non ficamos moito porque a xente e eu estabamos cansos e voltamos para casa cedo.
30/09/2005 23:43 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Outra vez Volksfest

20050927.jpgAlá fun despois de traballar todo o día con Dominique. Estaban alí unha chea de españois, entre eles bastantes galegos, cos que tiven a oportunidade de confraternizar en honra á patria, como tenta ser a foto, aínda que a sevillana de rosa de abaixo se negou a saír da foto, así que ao final non hai só galegos.

Trocaron o sistema do dous por un e a primeira cervexa tívena que pagar completa, pero despois díxome Cristian o que había que facer e coma el quería outra, pois alá fomos ao mostrador para recollermos as nosas fichas que despois poderiamos trocar por cervexas.

Pasamolo xenial, e despois cando xa estabamos un pouco calcados, fomos dar unha volta por aí Juanga, Silvia, Cristian e máis eu, a dicir o moito que nos queriamos, o fantásticos que eramos e até subimos na montaña rusa, que non era tan boa coma a outra vez, pero estivo ben.

Á volta atopei ao que está á dereita da foto coa camisola branca, que tiña unha ferida na man e estaba a agardar pola ambulancia. Alá fun con el, porque o pobriño non falaba moito alemán e porque para colmo non levaba a tarxeta sanitaria europea enriba. Leváronnos na ambulancia ao posto a Cruz vermella, onde nos fixeron agardar un cacho por coche para nos levar ao hospital, porque o tiñan que coser. Ao final collemos un taxi, por suxerencia do médico, que lle cobrou 8€ por cruzar unha ponte de merda. Alí, por sorte, curárono sen pagar os 200€ que sería máis ou menos o tema todo.

Despois collemos o U-Bahn cara Hauptbahnhof. El tiña para voltar a Untertürkheim, pero o meu derradeiro xa pasara, así que marchei a ver se podía coller o Nachtbus, que resultou que só funciona as fins de semana, así que chamei a Juan Pablo, que avisou a Till para me viren recoller ao centro.
30/09/2005 23:57 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.


Plantilla basada en http://blogtemplates.noipo.org/

Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras, y Evento Blog España. Vota en los Premios Bitacoras.com [Blog Oficial en LaInformacion.com]