Calvaris in Deutschland

Temas



publicidad

¿Y estos anuncios?

Enlaces

Migración

Outros blogs

Outras webs

Novas varias

Archivos

 

Se muestran los artículos pertenecientes a Marzo de 2005.

03/03/2005

Por el mar corren las lieeeebreeees...

En principio vou falar da miña viaxe, que non me deixou indiferente. Despois de pagar 101€ (89 de billete + 12 de taxas) a Iberia agardaba ter un servizo mellor que o de Air Berlin, que me levaría dende Palma de Mallorca até Stuttgart. Pois non, resulta que para comezar, como estamos co mundo ó revés, os voos que tomei de Iberia chegaron a tempo e o de Air Berlin (operado por Hapag Lloyd) chegou unha hora e pico tarde.
Para rematar a miña exposición sobre o asco que me dá Iberia, comentar que fun parvo no voo de Air Berlin, xa que me daban comida e non a pedín porque pensei que había que pagala. Quen ía pensar que nunha compañía de baixo custo podían dar comida? Isto lémbrame a certo incidente en Budapest...
Pois iso, que Iberia apesta. Que non me conten que non se pode dar un bo servizo a baixo custo. Por certo, o avión da Hapag era enorme, con nove columnas de asentos e moitas, moitas filas.
Pois nada, que ó chegar collín as maletas e fun buscar o meu contacto. Unha china. Eu supoñía que ía falar ben alemán, e faino, pero a súa pronunciación é peor que a miña :-) Paguei os correspondentes 44€ para o meu abono mensual de transporte para dúas zonas e fun para o S-Bahn, con tan mala sorte que apareceu a revisora de súpeto pedindo billetes. O meu abono é para dúas zonas e o aeroporto está máis lonxe destas dúas zonas co cal a fulana que quixo meter outra multa de 40€, pero ó final a china non sei que carallo lle dixo que me fixo un billete de 5€.
Até agora non sentira o frío. Ó saír da estación topeime con medio metro de neve, agás nos camiños, nos que só había unha fina capa de xeo. O camiño fíxoseme longuísimo sobretodo tendo que tirar das maletas que pesaban de carallo. Case escorrego tres veces, pero por sorte non caín.
Teño que dicir que a habitación é pouco acolledora, pero polo menos ten calefacción, cousa que non teño na Coruña e isto faina máis agradábel :-) O que non tiña eran cortinas, que non me fixeron falta porque tiña que erguerme ás sete da mañá e aínda non amencera, ou iso pensaba eu...
03/03/2005 21:31 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Estou mallado

dscf0001.jpgÁs sete a pé. Pensaba que amencía máis tarde pero non, ás sete menos cuarto, así que tampouco tiven problema.
E a vista que me atopei ás sete da mañá dende a miña fiestra é a que podedes ver na foto. Moi bonita a verdade.
Pois nada, á ducha onde tiven que agardar a que rematara unha das persoas que estaba dentro, xa que non temos nin WC nin duchas dentro da habitación, só un lavabo.
Pois ala, sen almorzar ó S-Bahn. Menos mal que ó chegar á Hauptbahnhof (estación principal), había unha especie de bares pequenos onde vendían cafés e croissants e cousas desas.
Outra cousa rara, eu cheguei a tempo, pero a polaca á que agardabamos a china e maís eu non. Así que marchamos para a proba de nivel de alemán. Alí alivieime porque por fin, puiden falar en español. Atopei a xente de Coruña que coñecera nos intensivos e todo foi un pouco máis lixeiro. E outra vez estúpido: había café e bretzel para almorzar. Mañá non sei, así que almorzarei por se acaso.
O a primeira parte do exame comezou sendo doada, pero foise póndo máis chunga co cal me fixo dudar se coller a segunda parte. Quen dixo medo? Pois ala a pola segunda tamén. Esta nin de broma a acabei porque preguntaban cousas que eu aínda non coñezo. A nota, mañá. De aí saíra o nivel, dos doce que hai, ó que teño que asistir ás 8:00 no quinto carallo, non mellor dito, no sexto carallo.
Despois fun con Miguel (un de Industriais da Coruña) ó centro a ver se podiamos mercar algo. Alí atopámonos a dúas italianas de Erasmus e el, que creo que quería algo con elas, xuntounas á nosa causa. Visitamos o Corte Inglesen de turno, pero non merquei nada, que aínda teño que comparar prezos.
E ala, outra vez coa china a presentar papeis. Primeiro a abrir a miña conta bancaria, a primeira nun banco alemán, que preciso para pagar calquera cousa da universidade, dende a fianza até a roupa da cama... Simpático o fulano do banco, co que non tiven problemas, porque era alemán e pronunciaba ben e amodiño!
Despois puiden recoller as miñas cortinas laranxas e deixar lista todo o trámite sobre a habitación agás a conexión.
Pola tarde collemos un autobús para ir ó pobo de Vaihingen onde presentei os papeis no concello co que me van a agasallar co bono semestral de transporte a partir de abril. Tamén puiden visitar algo parecido ó LIDL, que curiosamente se chamaba ALDI e algo un pouco máis grande no que lle botei o ollo a unha tixola de 5,99€. Había moitas cousas ricas de chocolate e tamén moitas salchichas, inclusive coma as de Nürnberg, que xa probara en Munich e que algún día probarei aquí.
Quedei até o carallo de andar, e aparte diso, famento. Menos mal que tiña os tres iogures (con cereais?) e unhas galletas de chocolate bastante interesantes.
Non contento con iso, a solicitar a miña conexión a internet. Outra hora facendo cola ó frío, pero vale a pena. IP estática interna por 15€ de alta maís 10€ cada mes. Aproveitei para baixar o kernel 2.6.11 a una velocidade de 2.77 Megabytes/s (si, Megabytes). O problema é que temos unha cota de 8 GB de baixada e 2GB de subida cada mes. Pero é o que hai, e agora voume deitar que mañá teño que erguerme ás 6:30 para ir ás miñas clases no sexto carallo.
03/03/2005 22:05 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

05/03/2005

Erste Deutschunterricht

Hoxe tiven que erguerme ás 6:30 para ir ás clases de alemán, que como dixen no anterior artigo, estaban no sexto carallo. Collín ós dous colegas polacos (dous mozos que me presentou a china, pero que teñen un acento moi chungo e que non entendo moi ben) e ala, para o S-Bahn. Collemos un atallo un pouco complicado, pero ó final conseguimos chegar sen problema. Estou no nivel 4 (Grundstufe III oder Mittelstufe, é dicir, nivel 3 do elemental ou 1 do medio) de 12, se non me trabuco.
Hoxe clase lixeira, de unha hora máis onde nos coñecemos un pouco. Teño un ianqui na clase, pero non é dos do tío George. E como o curso de alemán inclúe un curso de orientación na cidade, leváronnos a dar unha volta por ela. Subimos a unha torre cunha enorme estrela de Mercedes onde se pode ver boa parte da cidade. A verdade é que parece que Munich era máis interesante, pero agora son cidadán de Stuttgart, así que con Stuttgart a morte (son cidadán de verdade, estou inscrito no Concello, que ademáis, por ser estudante, me vai agasallar cun bono semestral de transporte).
Despois de amosárnola cidade, deixáronnos tempo libre e funme con dous cataláns, cos que creo que vou andar xa toda a miña estancia aquí O:-) Kein Deutsch zu lernen!
Viñemos ao campus a abrir unha conta para un deles e despois a xantar a Mensa, que non é un club de tipos listos elitistas, senón un comedor universitario, que segundo a miña opinión non é mellor que o de Elviña. Aparte diso, creo que teriamos que ter presentado a nosa Ausweis (identificación) para que puidesen saber que eramos estudantes e así sería máis barato. Pois iso, que non hai menú. É coma un buffet no que ti colles un plato e eles pésancho e pagas segundo o que colles. Por certo, a moza catalana cumpre perfectamente co estereotipo de racanería :) Iso, 6.75€ que paguei por xantar. Outro día pillo menos :-)
No camiño que fixemos cara o Campus pasamos por unhas paisaxes preciosas que a ver se podo voltar a velas para sacarlles fotos.
Pola tarde fomos a ver se nos colliamos unha tarxeta de móbil alemana. Despois de visitar tamén T-Mobile e E-Plus, quedámonos con O2. O primeiro mozo que atendeu a Cristian debía de ser medio Nazi, porque nos tratou coma merda, en plan que non sabía se o pasaporte non sei que, que se a nosa dirección non sei canto... un merdento. Á saída, Cristian meteuse sen vergoña ninguna na tenda de T-Mobile para coller un vaso de auga na máquina automática, da que xa beberamos antes todos, e saiu, mentres Désirée e máis eu nos escarallabamos coa risa.
Fomos facer a conta dela e outra vez para facer os nosos contratos, que son rarísimos. Resulta que teño dous números de teléfono. Un fixo e un móbil. Cando estou preto da casa actívaseme un dos número e é coma se tivese un número fixo, dende o que podo chamar moi barato incluso a España (por só 11 centimos). E aparte tamén teño outro número que é o móbil real ó que se me pode chamar sempre pero dende o que eu podo chamar cando estou fóra dun radio de 2km da casa (o móbil avísate de se estás na casa ou non cun "home" e aparte, este Siemens ponme unha casiña na parte superior). Quen queira os números, que mos pida.
Por suposto, teño que comentar que hai un Zara en Königstraße, que é a rúa máis importante de Stuttgart :-)
Despois fomos a un bazar moi grande onde merquei unha tixola, una pota pequeniña, dous platos, dúas culleres, dous garfos, dous coitelos, unha almofada un pouco mellor que a que teño, vasos e unha culler de pau. E o máis importante. Teño localizadas as máquinas de pan! Andan por uns 40€, pero buscarei máis porque quero comparar outros prezos e ademáis estas só fan bolos grandes.
E para rematar, Döner Kebap para cear. Marta, lembreime de ti :-) Moi bo.
E nada máis por hoxe. Mañá a ver se podo facer algunhas fotos de paisaxes.
05/03/2005 00:59 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

06/03/2005

Primeiro día "libre"

dscf0003.jpgPois este foi o primeiro día libre que tiven para facer o que nos petou, pero non foi tanto así porque houbo que facer compras.
Para comezar non puiden durmir todo o que quixen porque espertei dúas horas antes do que debería, aínda que non foi tan problemático porque puiden usar o tempo para a falar coa persoa máis importante no mundo para min, á que boto moito de menos.
Nada, pois marchamos a Vaihingen, pero no S-Bahn, que agardar na parada do autobús co frío que facía era unha tolemia. Así que alá fomos os catro (de esquerda á outra esquerda, Valetin de Bulgaria, Cristian, eu e maís Désirée). Simpático rapaz o búlgaro este porque ó vir da órbita soviética, non fala máis ca búlgaro, ruso e un pouquiño de alemán, así que aínda que con el si que temos que falar alemán. Xa me vou soltando un pouco máis.
Pois o deste rapaz é un pouco chungo, porque para poder vir aquí, tivo que traballar 12 horas diarias e ó mesmo tempo estudar, co que durmía dúas horas diarias. Ademáis, polos poucos cartos que ten, ás veces pasa sen xantar ou sen cear. Triste, pero certo.
Pois iso, a Vaihingen onde controlei máis máquinas de pan. A máis barata vale 40€. Ademais, alí tamén tiñan moitísimos DVDs, e bastante baratos, entre eles, natürlich, Der Herr der Ringe, Star Wars e outros moitos máis. O día que me dea un ataque de consumismo vai ser máis grave do normal. E tamén merquei un cable para conectar o móbil por USB.
Para xantar, unha pizza no centro comercial por 3€ que era bastante xeitosa. A verdade é que Cristian ten unha cara de carallo, porque antes de pedir a pizza a súa idea era sentarse nunha das mesas da pizzeria a xantar unha especie de "Doritos" que mercaramos no super, pero ó final non o puidemos resistir e fomos a por unhas pizzas.
E despois fomos facer a compra para cociñar despois Ovos á Extremeña, que é un dos meus pratos estrela. Eu, se fose vós, viñame a vivir para aquí, porque por dous quilos de cebola pagamos 0,49€ e por outros dous de patacas, 0,89€. O chungo foi atopar chourizo. Cómo poder ser que haxa tropecentos tipos de salchichas e non teñan chourizo? Houbo que mercar algo que semellaba chourizo, pero que simplemente lembraba a el.
Como o búlgaro seguro que non ceaba, invitámolo a cear e como eramos 4, foi bastante chungo o de cociñar para tanta xente, pero tiven axuda. Sen o chourizo non foi o mesmo, pero mellor que a comida do comedor xa era. Gustoulles bastante, a verdade. E despois a deixar todo coma unha patena.
E despois alá vamos 4 cataláns, un polaco que apareceu despois e un galego a tomar unha cervexa á cervecería do campus, que estaba pechada. Así que vamos á discoteca que está ó lado do campus onde había unha festa privada. Por que carallo non pecharán as portas se a festa é privada? E á volta, como non podía ser doutro xeito nunha viaxe tan nevada coma esta, caeu Désirée e eu detrás cando tentei axudala. Según me dixeron, dei antes coa cabeza no chan que co resto do corpo, co que a hostia foi bastante grande. Por agora creo que todo vai ben e agardo que non me pase nada chungo, porque xa sabedes o hipocondriaco que son....
06/03/2005 03:17 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Cidade deserta os domingos

dscf0027.jpgEstá claro que van a ser tres meses de durmir pouco, porque a partir das 10, aquí xa non se pode durmir :-)
Nada, a xantar ó centro, pero dá a casualidade de que hai moi pouca xente pola rúa os domingos. Ou ó mellor era hoxe que coa nevada que caeu a xente non quería saír á rúa, como se pode ver na foto.
Xantamos en McDonnalds de un café en Königstraße, e investigar os cines para ver que pelis botan. A pena é que "El Hundimiento" xa non a botan aquí porque quería vela en alemán.
Marchamos cedo para casa, porque nevaba bastante e podiamos coller frío, de feito Désirée ten 38,2 de febre hoxe e mañá hai clase :-( A ver se se pon mellor.
Vimos dúas pelis e agora estou oíndo o partido do Depor en RavioVoz por internet. FORZA DEPOR!
E xa me deito, que mañá hai clase moi cedo.
06/03/2005 22:17 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

07/03/2005

Gripe

Hoxe primeira clase seria de alemán. Puxo uns exercicios de vocabulario dos que non entendín nin papa, pero para iso estou, para aprender.
Despois fomos xantar a Mensa, onde por suposto voltei a pagar un ollo da cara para comer merda e ó saír funme hasta Geschwisterschollstraße, onde está a Oficina de Relacións Internacionais para apuntarme para a excursión do próximo domingo. Pechaban ás catro e cheguei ás catro e sete minutos. Menos mal que lle insistín un pouco, porque case non me deixa.
Despois viñemos aquí para ir a falar cos de Selfnet, que son os que levan a rede da residencia para apuntar a Cristian e para que a min me solucionasen o problema cos emails. Pois non sei por que, ó chegar trocaron algúns permisos do exim e non podía enviar emails, pero agora xa está todo ok.
Despois collemos o autobús para Vaihingen para facer a compra e poder cear algo decente e como rematamos agora e estou baldado, marcho para a cama.
07/03/2005 23:37 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

08/03/2005

Hoxe si que teño gripe

20050308.jpgEsta mañá foi chunguísima en clase, con isto da gripe non se pode... Na foto podedes ver de esqueda a dereita a Désirée, eu, a profesora de alemán e Cristian.
Nada, despois a xantar a Mensa a toda présa porque pecha ás dúas. Resulta que no sitio onde xantamos os días anteriores non era Mensa, senón a cafetería. Comín hoxe por só 3,50€, pero noxento de todo. Co que fun toda a tarde para encher a despensa. Collín o bus a Vaihingen para mercar e de paso pedir un papel na sucursal do concello de Stuttgart, que está fronte ao centro comercial. Merquei todo (ou iso pensaba) e voltei. Cando viña de volta decateime que me faltaban un par de cousas de dei a volta, así que cheguei a casa finalmente ás 19:15, que usei para facer os deberes de alemán. Agora voume deitar, xa, que quero curar a gripe dunha vez.
08/03/2005 23:42 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

10/03/2005

Stadtmuseum

dscf0026.jpgO que fixemos hoxe foi ir coa profesora de alemán a que nos ensinase o museo da cidade de Stuttgart onde hai obras de arte bastante interesantes, entre elas, varios Picassos. A verdade é que a esta profesora é unha auténtica erudita, porque fala de todo o que lle poñas diante. Alí falou de varios artistas que nos deixou parvos, de feito, sabía máis de Picasso que os catro españois que había alí. Por certo, temos nova compañeira sevillana na nosa clase. Chámase Carolina.
Despois xantamos no mensa que está preto de Charlottenplatz onde tomei unha sopa china (lembreime moito de Marcos e as súas sopas nos chinos) e salgo que semellaba paella, pero que en vez de azafrán levaba curry, e estaba un pouco picante.
Despois pola tarde nada, na habitación a coidar a gripe até a noite.
A foto fíxena nun U-Bahn dende Charlottenplatz até Möhringen, bonita, nonsí?
10/03/2005 17:31 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

11/03/2005

Meine Fakultät

dscf0039.jpgHoxe xoves tivemos profesor novo de alemán, e eu pensaba que non nos ía preguntar polos deberes do día anterior, pero si. Eficiencia alemana. Cristian directamente dixo que non os fixera porque fora ver o fútbol, pero eu díxenlle que pensaba que tiñamos que entregalos o luns á outra profesora. Nada, tamén é bo tipo, pero non deixa abrir a boca en clase, sobre todo en español O:-), así que moitas veces teño que contar en algo o que falo con Cristian.
Tamén tivemos un USAno novo na clase, pero este creo que ten algún problema que o fai virar un pouco á dereita. Porque tivemos que falar sobre o paro e empezou con que en Conneticut ou como carallo se chame, que case non teñen paro e que en parte, era porque pagabamos moitos impostos! Ó cal lle preguntei que como carallo mantiñamos entón o estado do benestar e que aquí en Europa se vivía moito mellor nese senso que en USA, pero nada, non entraba en razóns. O fulano dicía que alí todo o mundo tiña seguro e tal, e eu díxenlle que había xente que tiña un seguro que non lle cubría operacións coma as de corazón e que viñan a España a pórse chungos para seren operados aquí e púxome unha cara de que non cría nada sobre esas patochadas de países tercermundistas. Tamén me dixo que un profesor del de macroeconomía (xa me diredes que carallo de macroeconomía lle fan estudar a un Enxeñeiro Industrial, de feito, facer notar o mercantilismo do asunto, nada de cultura, só cartos) lle dixera que o sistema americano era mellor que o europeo! Por suposto eu suxerinlle que que carallo lle ía contar un profesor americano, ó que el me respondeu que viñera de Lituania. Por suposto, resentido co comunismo da URSS. Nada, non fago nada bo del.
Tivemos que ir xantar ao Mensa de Vaihingen, porque os outros cataláns tiñan que estar cedo alí para facer non sei que, así que alí fomos. Como chegamos ás 14:04 non nos quixeron deixar entrar, pero subimos á cafetería de arriba e paguei, coma sempre moito máis :-( Se tivesemos comido no Mensa da Escola de Música...
O único bo foi que atopei a Dani! Dani é o outro Erasmus da FIC que está facendo aquí o proxecto e casualmente, o seu titor é o coordinador de Erasmus da facultade, co cal me amosou directamente a facultade, onde fixen esta foto! Freak, nonsí? Pois si, que teño que buscar titor para facer o proxecto. El ofreceume algo de CAD, pero a verdade, é que as cousas de Julianen Doraden non me van, así que me buscarei outro un pouco máis do meu estilo :-)
Como colofón comentar que o meu Bundesland se chama Baden-Württenberg, pero a miña rexión é Schwaben, que en galego se di Suevia. Como podedes imaxinar, estou co pobo que fundou o noso Reino de Galiza, é dicir, o Reino Suevo. Estou coma na casa!
11/03/2005 20:25 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

12/03/2005

Visita ó médico.

dscf0041.jpgEsta mañá xa non puiden aguantar máis na clase, até o profesor me dixo que fose ó médico, así que ó saír fomos xantar. Ó sairmos pasamos pola tenda de O2 (que é a miña compañía de telefonía) para arranxar o teléfono de Cristian, que estaba escarallado. Tamén solicitei a rebaixa de 5€ (ó mes, creo) que fan nos contratos ós estudantes e que non coñecía. Moi simpático o fulano que nos atendeu hoxe e decateime de que cada vez vou falando e entendendo mellor o alemán :-)))))
Pasei pola oficina de Relacións Internacionais da universidade para que me comentasen que trámites tiña que facer para ir ó médico, posto que non chega con presentar a tarxeta no médico. Hai que convalidala, ou algo así, pero estaba pechado así que fun ao médico sin facelo, que malo habería de ser...
Para atopar un médico en Vaihingen pasámolas putas. Ó final, nun otorrino, déronnos a dirección dun médico que pechaba ás catro, porque ningún outro traballaba o venres pola tarde. Chegamos ás 5 menos algo, pero o fulano atendeume igual pola pena que lle dei :-) Non puiden usar a tarxeta sanitaria, así que tiven que pagar 32,18€ de médico + 15,04€ de medicamentos, que cando convalide a tarxeta, me devolverán, ou iso agardo eu. O médico completamente informatizado, iso si, en Hasefroch, pero informatizado. Cada cousa que lle dicía, tecleábaa no ordenador e tal... Non tiven moitos problemas porque busquei no diccionario "tus" (husten) e xa non pasou nada.
O máximo foi cando chegamos á farmacia do centro comercial e comecei a escoitar o... tachán... ASEREJÉ, pero máis difícil aínda, EN ALEMÁN! Non o estribillo, pero o resto da cancion si. Con dicir que o único que entendín foi "chulería"... Teño probas de audio desfe feito, pero só do estribillo :-(
E nada, a ver se me poño mellor :-)
Skype works now!
Sobre o fulano da foto, comentar que é un tipo que se pon na rúa principal (Königstraße) á darlle á manivela con cancións interesantes coma Heide, Que será, será e outras moitas que serán típicas alemanas... O mellor da cidade.
12/03/2005 01:57 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Eu que pensaba que deixaba de nevar...

dscf0004.jpgPois iso pensaba eu, que deixara de nevar, pero cando me erguín esta mañá atopeime na miña fiestra o que vedes na foto.
Tanto foi así que só saín do edificio un pouco pola tarde para xogar coa neve, xa que Cristian e compañía colleron a bandexa do forno e usárona de trineo. A verdade é que aínda se collía unha boa velocidade, pero acababas todo cuberno de neve, así que marchei pronto para casa.
Por fin teño configurado o Skype para falar con outras máquinas, pero non para chamar a fixos. En canto o teña, que non vos sorprenda que vos chame algún día ;-)
12/03/2005 23:37 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

13/03/2005

Ulm

20050313.jpgSí, está ben escrito, é Ulm e non UML. Aquí foi a onde fomos de excursión hoxe. Recolleunos una autobús e levounos, tras unha hora de camiño ata Ulm. O primeiro que fixemos foi visitar o Museo do Pan, onde non non cheirei nin migalla de pan, pero era interesante ver curiosidades sobre o pan. Sobre todo que en Galiza e come moito pan de millo, polo que creo que levan uns cantos anos de retraso :-)
Despois a xantar, onde se sentou con nós o americano, pero o americano simpático, non o chungo.
E ala, á catedral de Ulm, dun gótico moi interesante.
De todos os xeitos, o máis interesante de Ulm non era a catedral, senón que foi a cidade onde naceu Albert Einstein e onde viviu os 15 primeiros meses.
Fixemos tamén unha rota polo casco vello da cidade onde vimos un edificio feito por Carlos V de Alemaña (e I de España) onde os cataláns se empalmaron todos porque había un escudo de Cataluña. Cando vin que non había escudo de Galiza tiven que explicar como a nobleza galega tivo unhas tiranteces coa puta da nai de Carlos V, polo cal, o Reino de Galiza foi anexionado ó de Castela.
Despois á volta, como non tiña nada para cear, fun ó centro a por un Döner Kebap.
13/03/2005 22:54 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

14/03/2005

Clase intergaláctica

Hoxe non tivemos clase de alemán no sitio habitual, senón no Campus, polo cal puiden erguerme un cuarto de hora más tarde. Trocamos de clase para ir á clase de idiomas. Impresionante, ordenadores con auriculares e micrófono no que se facían exercicios, de conversa non que o profesor podía intervir para corrixir ó alumno ou axudalo. Despois puxéronnos un vídeo sobre como se facía cervexa caseira, tamén de exercicio.
Despois xantar en Mensa, un dos poucos días no que houbo algo bo para xantar.
Ó rematar, tiven que tirar o lixo porque xa había formigas na cociña, co cal era un pouco noxento.
Marchamos a relacións internacionais para ver que precisabamos para a matrícula, que comeza hoxe, pero antes, tiñamos que facer a convalicación do seguro. Andaba por alí cerca, pero os moi capullos non me quexero devolver os cartos que xa paguei polo médico, din que teño que facelo ó chegar a España.
Fixemos a compra en LIDL, onde atopei moitas das cousas que merco na Coruña e ala, para casa xa.
E hoxe Laura xa me confirmou que ten os billetes para vir a verme, que será o día 20 de abril. Estou devecendo por que chegue ese día...
14/03/2005 22:58 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

15/03/2005

Hoxe primeira Erasmus

20050315.jpgHoxe tamén clase de alemán, pero ó final, en lugar de clase tivemos unha charla onde nos ensinaron cousas sobre a vida en Alemaña, como por exemplo, como separar o lixo.
Despois pola tarde, limpar cociña e facer un pouco o parvo ata a hora de Zapping en Radiovoz, que é algo que me estou afacendo a oír para ter un pouco máis preto Galiza e de paso, rirme un pouco. Un pouco de Los Serrano e ala, festa Erasmus. É algo tradicinal aquí reunirse os días 15 de cada mes para tomar unha cervexa e pasar un rato, así que alí fun. Volvín ás dez a casa para falar por Skype para falar coa persoa que máis quero no mundo.
15/03/2005 23:24 Enlace permanente. Hay 1 comentario.

16/03/2005

Hoxe clase outra vez coa profesora simpática

20050316.jpgHoxe outra vez clase en Vaihingen. Menos mal, porque así podo erguerme un cuarto de hora máis tarde. Hoxe voltamos a ter clase coa profesora que aparece na foto do outro día. Fomos tamén ó laboratorio futurista, que podedes na foto adxunta.
Descubrimento de hoxe. Carolina, a moza de Sevilla tiña unha foto dun curioso "Santo" na carteira, de "San José María Escrivá de Balaguer", que quixo tapar, pero non puido. A movida foi que nos dixo que hoxe ás catro chegaba o seu mozo. Huseyin, pediulle a ver se tiña algunha foto e ela sacou a carteira, pero ó lado da foto estaba a de San José María (non Azkar, Escrivá).
Quixemos matricularnos, pero resulta que nos traducamos de horario e non puidemos ir ó final. No seu lugar fun ó centro a ver se trocaba as lámpadas que non me valen para poñer na mesiña de noite. Quixen unhas, pero as que atopei eran carísimas, así que xa buscarei outro día.
E nada máis por hoxe.
16/03/2005 23:17 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

19/03/2005

San Patricio

20050317.jpgO día 17 de marzal, foi a véspera de San Patricio, pero sen piedade ningunha, clase coma sempre ás 8:00. Pero hoxe na Pausa tiven que ir facer a matrícula, que só abren pola mañá. Só tiven un problema que me levou 20 minutos solucionar. Resulta que aquí para pagar certas taxas, precisas meter un papeliño nunha caixiña do banco, pero con este sistema, non me puxeron ningún selo no recibo. Co cal, eu pagara, pero non tiña constancia, co cal tiven que ir ó banco a facer o extracto de movementos onde se vise reflexado o cargo de 68€ da universidade. E por fin descubrín para que servía o cartonciño azul que nos deran e é para meter estes papeliño que che dá a máquina dos extractos.
Despois pola tarde, véspera de San Patricio, fomos ó centro a ver se atopabamos un pub irlandés onde puidesemos tomar unha pinta, pero despois de dar un rodeo tremendo, voltamos ó do principio, que estaba ateigado de xente, o que nos fixo ir ó bar do lado a tomar unha cervexa ben boa.
De esqueda a dereita: o finés simpático, eu, a autraliana egocéntrica imbécil, o australiano tremendamente gay, pero moi bo rapaz. A australiana simpática e os tres cataláns.
19/03/2005 01:56 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Deutschprüfung

20050318.jpgHoxe pola mañá exame de alemán. Tres partes, gramática, comprensión de texto e comprensión oral. A parte de gramática empezou xa rara, porque nos fuxo preposicións por valor de 20$ máis raras ca os pelos do cu. Non podían ser as de sempre, warten auf, denken an, tiñan que ser estilo sich kümmern um ou peores. A parte de comprensión de texto foi bastante ben, agás porque ó final, me quedaron dous textos en adxudicar, que por suposto, puxen ó chou. A parte oral, foi doada porque, ó ser na aula de idiomas, puidemos repetir o exercicio nós mesmos as veces que quixemos.
Despois do exame, a profesora deixounos ir un pouco antes e fomos co mozo turco a comer uns Döner Kebap, que estaban caralludísimos.
Pola tarde tocou ir a Vaihingen a mandar o fax para Carlos e a facer un pouco de compra para cear decente hoxe á noite. Fomos cos dous polacos, cos que ceei un pouco despois. A verdade é que da miña cociña, non trago ós búlgaros, porque non sei que carallo son, pero os tres levan o pelo curtísimo e están fortes, o cal me fai pensar. Os polacos son boa xente.
Despois de ver o trailer de Star Wars Ep. III, gravei unha necromantux para o polaco, que tivo problemas co ordenador, pero creo que o seu discoduro non ten solición.
Despois liáronme para ir ó centro, pero cando me dixeron que tiña que pagar 5€ para entrar e eu só ía estar unha hora, así que decidín marchar no seguinte bus, que non tardou moito.
A foto que teño hoxe é sobre a barbacoa que fixeron estes fulanos onte, pero moi profesional, con pipas de fumar inclusive estilo mouro.
19/03/2005 02:27 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

21/03/2005

Hoxe nada interesante

20050319.jpgHoxe nada interesante. Durmir até tarde e despois pola tarde un pouco de facer a compra e nada máis.
Pola noite ceei con estes langráns uns Ovos á Extremeña, aínda que despois nos quedamos un intre na cociña falando e ríndonos un pouco.
Deitarse cedo, que ó día seguinte, tocaba erguerse coas galiñas para ir a Munich.
21/03/2005 00:22 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Munich contraataca

20050320.jpgPois iso, que hoxe tocou erguerse moi cedo para ir cun Wochenendeticket para Munich. O Wochenende é un ticket que serva para viaxar en transporte urbano e tres rexionais durante unha fin de semana para 5 persoas, por 30€ en total. Está moi ben.
Alá marchamos 10 persoas para Munich, aínda que case non chegamos por culpa do Cristian, que chegou tarde. Menos mal que collemos os billetes xa na parada da Universidade porque tiñamos o tempo moi xusto en Hauptbahnhof (estación principal), de feito chegamos por dous minutos.
Despois de tres horas, chegamos a Munich onde atopamos a Johanna, que xa estaba alí e fomos cara Dachau, ó campo de concentración. Foi o primeiro, aberto 50 días (si, días) despois da ascensión de Hitler ó poder. Agás a parada do autobús, que está noutro lugar distinto, o resto case igual. Esas cousas non trocan moito :-) Iso, si, non había pedregullos no monumento do "Nunca Máis" en honra ós xudeus mortos...
Despois fomos xantar preto de Marienplatz a un restaurante que eu xa coñecía (o do camareiro simplático que nos falaba en italiano e onde tamén había Pata de Porco e Struddel ou como se escriba). Iso si, esta vez nada de camareiro simpático. Tocounos un vello que non sabía o que facía. Non se enteirou de nada nas contas, trouxo as cousas ó revés... Por suposto voltei xantar Pata de Porco e de postre, outra vez Struddel, pero a medias con Jero. De beber, auga do grifo bo baño, que os cartos non están para tiralos nunha cervexa de tres euros. Para iso, xa terei tempo...
E non fixemos nada máis, porque despois do tempo que nos levou ver o campo de concentración, eu por segunda vez, e xantar, xa non tivemos máis tempo.
Á volta tocounos facer tres transbordos, pero o tren que chegaba a Ulm, derradeiro transbordo, chegou con 5 minutos de retraso, e só tiñabamos 7, así que outra vez a correr, coma pola mañá. Tivemos "sorte", porque non outro tren chegou con 30 minutos de retraso. Incríbel isto en Alemania, pero así foi.
E por último, unha chea de Hooligans de non lembro que equipo, deixaron o tren no que nos montamos cheo de botellas e os cuarto de baño case (e sen case tamén) inutilizábeis.
Como colofón, comentar que todos os fineses que coñezo, cando me preguntaron pola miña camiseta de GPUL e lles comentei de que ía, todos dicían "Linus ist Finisch" :-)
E agora, a durmir, que mañá teño clase moi cedo.
21/03/2005 00:42 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Nova profesora

Hoxe pola mañá tivemos nova profesora. Unha tipa chunga que vén chunga bóla e tíracha cando quere que abrir algunha conversa ou algo así e despois ti pásaslla ó outro. Ademais fala mooooooi amodiño e fai a clase moi aburrida.
Pola tarde fun a que me desen o bono semestral de transporte co que me agasalla o concello de Stuttgart por ser estudante por primeira vez. Despois ó LIDL a facer a compra, pero como non había chourizo, tiven que ir tamén ó Kaufland de Vaihingen.
Ó voltar pasei pola miña facultade a mendigar algún proxecto. En principio, quería falar co meu coordinador Erasmus, pero como non estaba fun a falar directamente co director do Instituto (departamento) de Enxeñería do Software. A súa secretaria díxome que as súas horas para os alumnos comezaban a partir do día 29, ó que lle respondín que non podía agardar tanto, así que entrou e ó final si que me recibiu. Preguntoume cando comezara a estudar a carreira, canto levaba aprendendo alemán, canto tempo pensaba ficar en Alemaña e cal era a miña especialidade. Díxenlle que comezara no 1998, que levaba ano e medio estudando alemán e que en España non existían as especialidades na miña carreira, que por iso non tiña ningunha, pero que traballara nunha empresa de software facendo un ERP. Como non sabía que era díxenllo e ó final respostoume que aí os proxectos duraban seis meses (a pesar de que son 15 créditos, é dicir, 150 horas), e que era un pouco difícil, porque tiña pouco tempo, que tiña dificultades co idioma (a pesar de que tiven toda a conversa co alemán de ano e medio, entendéndolle o 95%) e ademais, puxo unha cara en plan o fulano este do terceiro mundo que non ten especilidade... pero se somos especialistas en todo, polo menos un pouco, que por algo estudamos un ano máis de carreira, que non é que sexamos burros :-) O único bo que fixo foi dicirme que na facultade había un profesor de Zaragoza, que quizais me puidese aconsellar mellor ca el.
E despois pola noite ceei con Jero, Eloi, e despois chegou Cristian coa súa moza, pero tiven que marchar cedo, porque pola mañá teño clase outra vez no quinto carallo.
21/03/2005 23:40 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

22/03/2005

Hoxe cervexiña e compras

20050322.jpgHoxe tocou unha cervexiña despois de xantar, xusto na praza que se ve na foto, é dicir, Schlossplatz. Iso si, antes diso apuntei a unha nova excursión a Gutenberg, a ver que tal está esta...
Tamén atopei á miña buddy, a china que me guiou os primeiros días aquí en Stuttgart.
Despois a facer as compras, coma por exemplo unha especie de xersei moi fino que me costou 5€. Despois para casa a facer os deberes de alemán e cear unhas pizzas con Jero e Eloi.
22/03/2005 23:20 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

24/03/2005

Interkulturell

Hoxe mércores clase normal coma sempre aínda que esteamos en Semana Santa (de feito mañá Xoves Santo, teño que erguerme ás 6:45). Esta profesora non me cae nada ben, porque, por exemplo, cando non sei unha palabra, dígolle que non o sei e ela dime que xa a vimos non sei cando e pasa ao seguinte. Unha borde.
De xantar Kebap en Stadtmitte que pola tarde tocaba Interkulturell Training ás 14:15, que é coma unha clase de 3 horas onde a xente conta cousas sobre os seus países, as ideas que ten sobre os demais e como reaccionan ante determinadas situacións, coma podería ser unha cea, etc... Aquí puxemos en cintura aos americanos un pouco bastante :-)
Despois cea con Cristian e a moza aquí na miña cociña e nada máis por hoxe, que mañá me teño que erguer demasiado cedo...
24/03/2005 00:27 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

25/03/2005

Xoves Santo, pero traballando

20050324.jpgNada, que aquí ós alemáns lles gusta moito traballar e até o día de Xoves Santo, así que pola mañá clase coma sempre. Agás porque na pausa das clases, vimos coma un coche envestía por detrás a un BMW X5 e pola esquerda a un U-Bahn! (é dicir, un tranvía). Non pasou nada grave, o que pasa que ao vello que conducía o coche pequeno, que non me lembro cal era, tivérono que levar na ambulancia, supoño que por algunha crise de ansiedade ou algo así. A verdade, non me extraña o máis mínimo, porque pensar que tiña que pagar o arranxo do tranvía e do BMW... De todos os xeitos, supoño que tería seguro.
Pola tarde fun á compra co polaco e coa a súa amiga (eu xuraría que é algo máis ca amiga) e despois a cear con Jero e Eloi unha ensalada e de postre, morangos con zume de laranxa... :-),,,,,,,
Ás dez, fomos á festa de Liisa (ou como se escriba), que é a que estaba onte de aniversario (coma se pode ver no seguinte gráfico). Como a moza esta é finesa, había fineses por un tubo na festa :-)
Despois, cando todos marcharon ó centro da cidade, Jero, que ten o pé mal e mais eu, que tiña sono e non tiña ganas de ir, ficamos aquí a ver "Los Serrano" por cortesía de "Carlos F.".
25/03/2005 13:37 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

26/03/2005

Todo pechado

20050325.jpgHoxe foi un día no que todo, estaba pechado, así que fixen de xantar unhas "Setas al ajillo con Kartofelknödel" e despois, pola tarde, Los Serrano.
Ás oito, unhas pizzas e uns panini (ou como carallo se escriba) e á festa que organizaban no edificio do lado. Bebín dúas cervexas, pero nada serio. Iso, si, Jero e Eloi colleron un cagallón de carallo. De feito non paraban de tentar ligar coa australiana ou coa finesa. A australiana non sei se ten mozo, pero a finesa si que o ten, e aínda que me gustaría que Eloi ligase con alguén posto que está só, non así Jero, que tamén ten moza. De todos os xeitos ela deixábase levar, así que realmente non sei de quen sería a culpa dunha hipotética infidelidade...
Pois nada, festa grande, pero non era o mesmo sen a persoa que máis quero no mundo...
Por certo, o que se ve na foto son os edificios que se vén dende preto do lago e a fiestra que está sinalada é a da miña habitación...
26/03/2005 18:44 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

27/03/2005

Onte Serrano

Erguémonos hoxe sábado e fomos a un mercado de segunda man nalgures e que non conseguimos atopar, así que voltamos á cidade a xantar un Döner Kebap e despois un xelado en McDonnalds. Ó rematar fomos facer a compra Eloi e mais eu e despois vimos un capítulo de Los Serrano.
Pola noite ceamos un pouco arroz cun ovo e tentamos ir tomar algo aquí ao pub que hai no campus, pero estaba pechado, así que fomos ao centro, pero tentamos entrar nun pub no que que pedían ser o mesmo número de homes ca de mulleres, así que mandámolo a tomar polo cu e marchamos. Como non atopamos ningún, voltamos para o campus e puxémonos a xogar ó burro (ese xogo no que cada un ten catro cartas e vaille pasando unha carta ao da dereita e cando xunta catro iguais ten que pór a man no centro da mesa) e o que perdía tiña que beber un pouco de viño procedente dunha botella de 2 litros por 2€, é dicir, o peor do peor :-)
Despois xa nos deitamos.
27/03/2005 14:07 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

28/03/2005

Hoxe tortilla española

20050327.jpgHoxe foi un día no que tampouco saímos do Campus, e nin falta que fai, porque con xantar aquí, ver Los Serrano (que aínda imos atrasados) e despois pola noite, morriña. Porque quedamos de facer unhas tortillas de patacas para ensinalas ao mundo. A verdade é que sendo tan doadas de facer, non sei como non se fan en todo o mundo... Ao final viñeron a vikinga (finesa) o australiano gay (Clifford) e o USAno-Portugués (co que falo en galego ;-) ). A verdade é que case me dan ganas de chorar, porque dende que marchei da Galiza que non probaba unha tortilla, e a morriña... Por suposto, as tortillas encantáronlle a todo o mundo.
Despois ficamos un pouco a falar até as 2:30 da madrugada.
28/03/2005 12:37 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Día de estar tirado

A verdade é que xa ía necesitando isto para descansar, pero de todos os xeitos esta fin de semana longa foi un pouco aburrida.
Hoxe erguinme practicamente para xantar. Fixemos pasta con carne que nos saiu caralluda.
Despois pola tarde non fixen nada máis ca dos deberes de alemán e buscar proxecto. Barallo varias posibilidades, pero aínda teño que buscar moito máis, algunha das máis atractivas son facer a interface contra base de datos dunha máquina de estados, no cal non descarto o uso de Fisterra, ou a mellora do Planner (antigo MrProject). Este último tería que facelo cun colega do profesor que xa me mandou a tomar polo cu, pero así tamén lle podería amosar o que se perdeu :-p .
Agora pola noite, cea de conxelados, é dicir, pizza e despois 5 minutos que paseu na festa de despedida de Elisabeta (ou como se escriba), que é unha moza italiana que marcha de volta para italia nun par de días.
E mañá outra vez a erguerme a estas horas inexistentes na vida de calquera bo galego, ás 6:45 da mañá.
28/03/2005 23:50 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

29/03/2005

Stuttgart! Stuttgart!

Hoxe clase outra vez con Frau Andreaedou (de pais gregos, así que moi simpática), que polo menos, pon poucos deberes :-) Aínda que quizais me viña mellor ter máis porque así traballaba un pouco máis, que parece que ultimamente o alemán me vai a peor. É coma se me costase máis expresarme, non sei...
Despois a xantar á Mensa do centro. Si que fomos hoxe moitos, así coma 18 persoas que estamos nos diferentes niveis do curso de alemán. E despois a mercar as entradas para o VfB Stuttgart - Hannover 96, que a pesar de que o Hannover está no posto 10, semella que vai estar cheo. Mercamos unhas prazas sentados que nos custaron 14,68€ co prezo de estudante. Eles querían que collesemos unha praza para estar de pé (si, na Bundesliga está permitido) que valía só 10,65€ fronte aos 18 e pico que era esta, pero cando fomos coller a entrada a fulana preguntounos se eramos estudantes. Ao decatármonos, preguntamos o prezo a entrada de praza con asento co desconto de estudante e eran 14,68€, co que ao final nos decidimos por esa. Tremenda entrada de grande...
Despois de mercar as entradas metémonos na boca o S-Bahn en Hauptbahnhof, onde vimos unha farmacia. Alá imos nós. Resulta que o xa non teño aos alemáns en tan alta estima coma antes de vir para aquí, porque as rúas do campus non están tan limpas coma eu agardaba e rouban nas cociñas. A min xa me voou un prato e aos meus colegas roubáronlle iogures, pizzas, etc. Aínda que o máis probábel sexa que precisamente os que rouban non sexan alemáns... Por esa razón fomos á farmacia, para mercar laxante. A fulana deunos o máis forte que tiña, pero era en supositorios, así que non nos servía. Deunos outro líquido, pero tamén era para meter polo cu. Ao final preguntounos para que era, porque nós lle insistiamos en que fose o máis rápido posíbel, e nós contámoslle a verdade e a fulana escarallouse coa risa, tanto ela coma a clienta que había ao lado :-) Ao final mercamos un por vía oral (obviamente, aínda que aos meus colegas lle daba o mesmo, pero eu tiña medo a que realmente lles pase algo moi chungo por inxerir algo que se debería meter polo cu) e unha xiringa con agulla para poder metelo ben no iogur máis apetitoso que atopamos despois no supermercado. O fulanos que nos roube vaise cagar, e ademais, literalmente ;-)
Ala, pois por hoxe xa chega, que mañá outra vez clase ás 6:45 :-(
29/03/2005 23:18 Enlace permanente. Hay 1 comentario.

31/03/2005

Altofalantes e nota do exame.

Hoxe déronme a nota do exame de alemán que fixera hai unha semana e pico. Pois tiven un 3 sobre 5 (1 o mellor e 5 o peor, apróbase con 4), pero fiquei a 1,5 puntos sobre 60 do 2 :-( . En comprensión de texto tiven un 1 ou un 2 e en comprensión oral un 3. Creo que estou máis ca satisfeito, porque para ter estudado media hora, está basante ben, sobre todo se livese lido algo máis das preposicións, por exemplo...
Pola tarde fun facer un pouco de compra, das cousas que esquecera onte, e tamén para mercar un tendedeiro para a roupa para min e para Jero, pero ao final decidimos agardar ata ir a Ikea, por se atopamos outro alí máis barato.
De paso pasamos polo Media Mark (antes de ir ao súper) porque Jero quería ver uns altofalantes. Estivemos alí bastante rato con Simo, un mozo finés. Comparamos prezos e calidade (podíanse acender cuns botóns) vimos uns que 2.1 Logitech estaban de Angebot (oferta). A verdade é que nos mosqueou porque enchufamos o walkman de Jero, que é co que os ía usar, pero non tiña tanta potencia coma a música que tiñan na tenda para probar. De todos os xeitos pensamos que quizais puidese ser que as pilas estaban un pouco gastadas e quizais ao enchufalo aos catro voltios de medio do transformador fose outra cousa, pero ao chegar aquí nada, no foi ben. Polo cal, en canto eu os probei no meu portátil, que van xenial xa llos mercou ao momento Cristian, que ten o mesmo portátil ca min, e agora tamén os mesmos altofalantes :-) Merquei tamén un tambor de 50 CDs Sony por 8,99€.
Ao facer abaixo a compra no Kaufland, cando saïamos, vimos que os mesmos CDs que mercada valían alí 5,99€, pero os mesmísimos, co cal fun arriba devolver os outros e merquei os de abaixo. :-)
E por hoxe nada máis, que mañá tamén me ergo moi cedo.
31/03/2005 00:14 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.


Plantilla basada en http://blogtemplates.noipo.org/

Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras, y Evento Blog España. Vota en los Premios Bitacoras.com [Blog Oficial en LaInformacion.com]