Blogia

Calvaris in Deutschland

Cea catalá

Pois onte, despois de deitarme tarde a noite anterior por mor de Naruto, erguinme para ir recoller uns papeis á oficina de relacións internacionais, pero estaba pechada, así que marchei dereito ao centro para xantar e despois ir a clase. Resulta que na clase de Landeskunde: Baden-Württenberg tocaba visita ao mueso de Porsche, así que lle preguntei se iamos ir a algún sitio máis, porque a verdade é que eu xa fora e non me gustara. Como me dixo que si, pois fun. O que pasa é que a outra cousa para ver era o concesionario, con todos os modelos novos. A verdade, é que estaba interesante, pero pasei todo o tempo falando coa profesora, de franco, do estado plurinacional e plurilingüistico e do resto da miña vida :-) Si, Laura, tamén lle falei de ti :-)
Despois, tocou ler papers até as 9, hora á que fixen unha ensalada e marchei a casa de Jero, onde había unha cea estilo catalán, con pan con tomate, embutidos e cousas desas. O carallo é que despois do xelado de postre, abriron unhas botellas dun licor catalán (Ratafia), que baixaba moi ben, pero que me puxo o intestino un tanto solto pola noite...
A queimada, deixarémola para San Xoán.
Por certo, estou escribndo isto dente Schloßplatz mentras baixo Naruto, que dende aquí sí que traga o bittorrent :-)

Xa puxen o meu gran de area

Pois hoxe pola mañá fun con Dani, o outro mozo que estuda informática na FIC a exercer o meu dereito ao voto no consulado español. A verdade é que nunca che queda a cabeza tranquila de se realmente o voto chegará a onde ten que chegar, pero é o que hai e non podo facer nada máis...
Despois a a xantar e a ler algo antes da clase de portugués. Hoxe tocounos escribir algo, pero a verdade é que me costou moitísimo, porque era a primeira vez que tentaba algo así...
Despois estiven en Schloßplatz 5 minutos antes de me atopar co támdem a baixar o correo. Ceamos uns kebaps no Anatolien e outra vez a Schloßplatz, que lle quería ensinar o lugar onde está o punto de acceso... Eu usareino para baixar os capítulos de Naruto por Bittorrent, que parece que vai ben...

Á caza do oculista

Pois debido aos problemas que estou notando nos ollos, hoxe pola mañá fun até o AOK (que é un seguro médico, o que nos convalidan aquí) a que me dixese que oculistas tiña para escoller. Déronme uns cantos, pero xa era hora de ir xantar. Quedei con Cristian, pero non apareceu e ao final xantei con Ignaci (creo que se escribe así), que é o catalán de Girona.
Despois fun até Vaihingen a pedir cita, pero todos me daban para moi tarde, así que marchei para o centro a Rotebühlplatz, onde nos números 17 e 19 había 4 xuntos. Alí atopei un que me deu para a semana que vén. Así que teño para o día 14. Teño outra en Vaihingen para o día 21, por se teño ganas dunha segunda opinión...
Despois fun falar con Dominique, co que cheguei á conclusión de que tiña que ir anotando as ideas que tiña de xeito ordenado, cousa que me servirá tamén para facer despois a memoria.
Despois escoitei Zapping e fun cear con Cristian.

De volta

Pois hoxe tocou erguernos ás 6 da mañá para poder coller o bus cara o aeroporto e chegar ao meu voo. Deunos tempo sen problemas, pero eu estaba un pouco paranoico non fose ser que non chegasemos :-( . Fixemos algunhas fotos polo camiño e aínda tivemos que agardar una cachiño a que chegase ao autobús.
No aeroporto comimos un Chinois, que é un pastel que venden aquí no Kaufland e que tanto a min coma a Laura nos gustou moito. Así que levei un par deles desta vez.
A despedida, foi con moita tristura, coma sempre, e con bágoas, porque é moi, moi difícil, dicirlle adeus ao anxo da miña vida. Quérote, meu amor!
Cheguei e desfixen as maletas. E coloquei a caña no lugar de honra, pero ao probala despois, decateime de que non está moi forte. Carlos, creo que a vella nos tangou esta vez... Está moi frouxa.
Despois pola tarde case fico a durmir na clase de alemán, pero conseguir estar ben até o final, hora á que saímos e fomos cear Cristian e mais eu á miña cociña.

Voda de Sonia e David

Voda de Sonia e David

Pois o venres pasado collín un avión cara Bilbao para me atopar alí con Laura e irmos xuntos até Errenteria, onde tiñamos a voda de Sonia e David. Deixamos todas as cousas na casa deles e fomos coller o topo cara Donostia para ver o Episodio III en español, que eu debecía. Supúñase tamén que iamos dar unha volta polo centro, así que como esquecera a cámara, voltei a por ela. Cando estaba na casa deles, soou o timbre da porta. Eu cos collóns na gorxa, porque a ver como explicaba eu, que facía nunha casa que non era miña. Por sorte, era o pai da noiva, e díxenlle: "eu veño á voda..." e todo foi ben, que xa o sabía...
Pois como chegamos tarde e xa non nos daba tempo a entrar na peli, ficamos fóra, a xantarmos algo, que xa nos apretaba a fame. Pedín un prato de ovos, con chourizo e patacas frixidas, que me souberon a gloria... Por fin un chourizo decente despois de 3 meses!
Despois comezou a peli, que me gustou moito máis por mor de a entender toda. Sigo pensando que podía ser un pouco máis profunda nalgúns aspectos, pero ao final gustoume. Doulle un 9.
Ao saírmos collemos o "topo" até Errenteria de novo para ir cear cas meus tíos. Estivo ben tomar un pouco xamón, máis chourizo, e unha tortilla de pataca, aínda que non puidemos meterlle todo o quixesemos porque aínda xantaramos ás 6 da tarde e tamén tomamos flocos de millo durante a película.
Despois subimos até Beraun ao bar de Aurkene, que non estaba, así que non nos valeu para nada e tivemos que dar a volta... Eu seguía á xente e resulta que a xente me seguía a min, así que case nos perdemos, pero ao final atopei ben o camiño e non pasou nada.
Deitámonos e ao día seguinte, voda! O cura, aínda que non era unha misa completa, estivo falando media hora, así que se chega a ser máis grande, morro do susto. Despois, coma sempre, arroz e fotos de rigor. Parvo de min, non collera o outro par de pilas, e tiven que mercar unhas novas. Despois fomos até o restaurante que estaba no quinto carallo, onde nos tocou con Aurkene e a súa parella e outras dúas parellas máis galegas. Aínda que por motivos obvios non houbo tanto marisco como nunha voda da Galiza... teño que dicir que o convite estivo moi ben. Despois houbo baile coma sempre e ao final, todos a tomar algo ao centro e a cear a Telepizza. Foi divertido estarmos todos alí na pizzeria vestidos de voda... Ao final marchamos ela e mais eu para casa, que aínda non recuperaramos o sono de nos ter que erguer tan cedo para coller o avión.
Ao día seguinte, pasamos o día en Bilbao con Rafa, un colega de Laura, que traballa alí e do que teño que dicir que é un bo cociñeiro. Sacamos fotos de Gugenheim e todo iso, e teño que dicir que Bilbao non era tan terríbel como eu pensaba.
Ceamos nun bar de bocatas e cousas desas, que aproveitei para tomar un par de bocatas de chourizo á sidra, que teño que dicir, que estaban de gloria, sobre todo pensando en que non o vou catar até sabe Deus cando...
O hotel, teño que dicir tamén que estaba xenial e que non saiu bastante ben de prezo, por 42€ durminos os dous...

Millón de papers

Millón de papers

Hoxe erguinme antes do que debía, e fun ao centro para facer un par de cousiñas, entre elas enviar unha carta certificada e mercar uns auriculares, posto que os que merquei no Corte Inglés foron unha merda. Outra das cousas que merquei, esta vez de vicio, foi a triloxía de "Der Herr der Ringe", que quería tela tamén en alemán. A de Star Wars agardarei a que saian as tres xuntas para telas en alemán.
Ao rematar de facer todo isto, fun até Schloßplatz a me conectar un pouco á internet, mentres non daba a unha, hora á que fun xantar á mensa do centro, xa que ás dúas tiña clase de "Landeskunde: Baden-Württenberg", onde por certo, non entendín nada.
Vin xa para o campus para falar co meu director, onde me deu uns papeis que teño que presentar e tamén aproveitei para ter en papel unha chea de papers que quero ler, para ter algunhas ideas máis e que me clarifiquen un pouco máis o tema, que xa de por si o teño bastante claro, pero nunca está de máis ler algo.
Despois fun con Cristian até Vaihingen, onde cortei o pelo para non perder tempo en Donostia e poder disfrutar da compaña de Laura e de Star Wars O:-) . Tamén mercamos carne para cear á noite á grella, xa que era o cumpreanos de Jussi, un dos fineses. Tamén aproveitei para falar un pouco de galego cun par de brasileiros que andaban por alí...
E agora deitareime, que mañá teño que tomar un voo ás 6:20...

Portugués V

Portugués V

Pois hoxe erguínme para ir ao centro a buscar á Juanjo e a Alex para dar unha volta antes de teren que coller o avión. O carallo é que tiven que agardar por eles durante máis de media hora. Namentres, un home que estaba sentado no chan a pedir esmola, díxome "Por favor, por favor!" e eu díxenlle en plan, "Nein, nein", porque non lle quería dar cartos, pero cal foi a miña sorpresa cando me decatei que non era para me pedir cartos, senón para poder erguerse do chan! Sentínme terribelmente mal, porque son un imbécil. Chegaría con ter ido até alí e falar con el para ver que quería, pero fun así de chulo e agora síntome fatal :-(
Despois, cando chegaron, fomos deixar as súas maletas na consigna para poder ir dar unha volta polo centro.
Botaron unha partida de xadrez nun taboleiro con fichas xigantes, que sería totalmente imposíbel de concebir en Galiza porque seguro que a xente levaba as pezas para casa. Gañouna o catalán, pero estivo moi interesante. Había xente que pasaba por alí e ficaba mirando.
Ao rematar foron tomar unha cervexiña mentres Eduardo e mais eu, acompañabamos a Juanjo a facer as últimas compras para levar para Galiza. Mercou Maultaschen, Spätzle, Semmelnknödel e Kartoffelknödel. Todo bo :-)
Despois xantamos nun Biergarten que había no centro do parque que hai detrás onde atopei un cachiño de cristal entre os Spätzle, que lle amosei ao camareiro para que tomasen atención do que servían, pero de bo rollo, aínda que seguramente non o conseguise, debido a que me é imposíbel estar de bo rollo nesas situacións :-)
Ao rematarmos marchamos cara o aeroporto onde me despedín deles xa até a próxima vez que os vise. Vouvos botar de menos, rapaces...
Á volta, como aínda tiña media horiña, fun até Schloßplatz, onde hai un punto de acceso aberto e sentei xusto debaixo da árbore que sinala a frecha. Incríbel estar sentado nese xardín co portátil a ler o correo, falar co gaim... O malo é que só puiden estar unha cuarto de hora, que despois tiven que marchar a clase de portugués.
Foi incríbel, escoitar a un fato de alemáns, falar portugués con sotaque brasileiro, por mor da profesora, por suposto :-) Agás unha, que supoño que estaría en Portugal algún tempo, ou ten familia ou algo...
Á volta de clase estiven a ler un pouco cousas do proxecto e despois fun cear coa xente de aquí para xa vir para casa, que estou moi canso e ademais teño que erguerme mañá para presentarlle algo ao meu director :-)

GUADEC (fin)

Pois hoxe rematou a GUADEC. Non me deu a gana de me erguer tan cedo e fun á charla das once que neste caso foi a de Fotografía Dixital. Non me entusiasmou demasiado porque agardaba algo máis práctico e que non se dedicasen case unicamente a dicir que os fabricantes deberían soportar todas as cámaras, etc. Ao rematar fomos xantar en media hora a unha rúa do centro onde hai moitos postos de comida rápida.
Á volta fun á charla de "GNOME Deployment/Development in Brazil" dada por Marcuz Mazoni, que foi a que máis me gustou de todas. Moita xente debería aprender de Paraná, neste eido.
Na mesma sala, puidemos ver a charla de Beagle, que tamén me chamou bastante a atención, porque ten unha pinta caralluda. É un buscador que procura en moitos tipos de ficheiros e indexa todo de xeito caralludo. Aínda está moi verde, pero ten pinta de que cando estea rematado, vai ser a bomba...
A derradeira charla á que fun foi "101 Things to Know about GNOME", na que foron comentando moitas cousas e anécdotas do proxecto, coma por exemplo, cando se casou Miguel de Icaza, desenvolvedores que morreron este ano e moitas máis cousas...
Á fin sortearon unha chea de cousas, entre elas aparellos de Nokia (Nokia 370) e CDs de Ubuntu firmados por Marc Shuttleworth.
Despois marchamos a tomar unha cervexa agardando que saíse a noticia sobre GNOME que parece ser que se ía saber en pouco tempo, pero que aínda non se podía facer pública... Nin idea de que é.
Estiven tamén con Juanjo de compras, cando atopei un "core" dunha caixiña de música que toca "A Internacional", que por suposto, non dubidei en mercar. Agora estou todo contento dándolle para escoitala :-)

Segundo día de GUADEC

Onte tamén me erguín ás sete da mañá para estar ás oito no lugar da GUADEC, pero non me serviu para nada, posto que non tiven nada que facer e estiven a enredar co portátil até que comezou a primeira charla, que foi a de Mark Shuttleworth, que nos ensinou as súas fotos do espacio, comentou algunhas pallas mentais e nos arengou tamén dun xeito interesante. Polas miñas verbas se pode entender que non me gustou, pero todo o contrario.
A seguinte charla foi unha sobre power management in GNOME. O fulano contou catro cousas e despois comezou a facer unha especie de charla colaborativa, polo que me deu tempo a ler todos os xornais...
E chegou a mellor charla de todas, "Windows Migration Study", que creo que se enmarcaba dentro do proxecto "Primates" de Ximian-Novell. Nela amosaban como se comportaban certos usuarios ante GNOME e KDE. Nos dous casos tiñan problemas e amosou de xeito clarificador algúns aspectos e algunhas cousas que se deberían coidar á hora de desenvolver escritorios e non, como dixo algunha persoa que sei eu... meter todas as cousas xuntas, non vaia a ser que queden espacios en branco...
A seguinte foi unha arenga, sobre por onde deberían ir os tiros e facendo tamén autocrítica de todas as cousas que como desenvolvedores expertos facemos mal, sen pensar nos usuarios...
Despois, veu a Hackingfest. Nós fomos á de usabilidade, que estivo baseada nos vídeos que nos amosaran na chalar de "Windows Migration Study". Había algunhas pequenas cousas que facer, pero a min non me deu tempo a nada porque nin sequera tiña o repositorio baixado, así que resultaba un pouco complicado. Por alí andaba Miguel de Icaza facendo fotos coma un auténtico xaponés, coa súa súper cámara reflex dixital que facía fotos de 8MB, pero claro, cunha memoria de 2GB...
Tiven que marchar axiña ao campus, por mor de ter que presentar o meu contrato alongado a miña vivenda, que se non o chego a facer, mañá xa me cortaban o acceso, e tería que agardar até o xoves para voltar facelo, sen internet eses días. A viaxe até o campus foi terríbel, porque esquecera a carteira na sala de Hacking e só tiña o teléfono de Juanjo, que o deixara na casa. Así que o que fixen foi chamar á organización para que fosen berrar o nome de Alex e Juanjo até a sala de Hacking para que me gardasen a carteira... O problema é que tampouco tiña o meu carné para viaxar no transporte público, nin documentación, así que se me chegan a parar, non sei que podería facer, porque de seguro me levarían á comisaría, por non ter documentación ningunha. Afortunadamente, non pasou nada. O que si pasou foi foi que me colleu unha molladura boa e aproveitei estar no campus para ducharme.
Despois fomos á festa no local, onde o frikómetro se dispararía aínda que non houbese ninguén da GUADEC alí, posto que se chamaba "*C64*" e tiñan pantallas onde amosaban videoxogos antigosm supoño que de C64, claro. Alí tiñamos dereito a catro cervexas pagadas por Novell. O carallo é que dixeran que 20€ por persoa con algo para cear, despois baixaron a 10€, e neste caso dixo Novell que o pagaban todo eles...
Tomei un Lamahcun e marchei para casa, que estaba a morrer do sono. Iso si, acompañei a Alex até Hauptbahnhof e despois botei a correr porque pensei que podía chegar ao tren que marchaba en 1 minuto, pero non foi posíbel, así que tiven que agardar 15 minutos. Que cacho de merda!

GUADEC

GUADEC

Pois onte venres pola tarde, fomos a Neustaatsgalerie, que é un mueso de arte estilo como sería o "Novo Museo Galego" é dicir, que non é de ámbito alemán, senón do Bundesland e onde teñen unha caralluda colección, coma por exemplo Picasso, Matisse, Gaugain, Rembrant pero non catro, senón bastantes... incríbel, non imaxino isto na Galiza. O mellor de todo era unha escultura de cera dunha muller da limpeza que había nunha sala que parecía completamente de verdade...
Despois fomos con Álvaro, Garnacho e Eduarno xantar unha salchicha para xa marchar cara Essligen. Polo camiño leváronnos até a Capela dos Reis de Württenberg, pero só até abaixo, non nola ensinaron, co cal non valeu para nada. Ao chegar a Esslingen había uns rapaces a se bañar nunha fonte, coa calor que nós tiñamos. Por sorte, ao cabo de media hora, atopamos un bar onde bebemos todos e enchemos as botellas para seguir. Esslingen estivo ben, pero de todos os xeitos, é mais do mesmo. Son moi semellantes, pero belas, iso si.
Despois voltamos para se rexistraren, todos menos Alex, co cal o tivo que facer hoxe, perdendo o conseguinte tempo. Deitámonos na herba do parque un bo cacho, onde Álvaro e Garnacho fixeron algúns exercicios acrobáticos, pero case se matan no intento :-)
Despois, de camiño ao Hostel, unha salchichiña vermella e ala, para alá.
Colleron os portátiles para baixar até Schloßplatz, onde hai unha rede inarámica e onde todos baixaron o correo, e subiron artigos a barrapunto e despois apareceu por alí Miguel de Icaza, ao que lle dixen que eu era o que tiña que agardalo no aeroporto, e se desculpou :-) Bo rapaz, máis baixo do que agardaba. Estivemos falando con el sobre moitos temas e despois a tomar un Kebap ao sitio de sempre.

O máis difícil todavía

O máis difícil todavía

Pois nada, que hoxe me erguín cedo para ir a recoller ao carallo de Icaza e a Nat Friedman ao aeroporto. Cheguei xusto á hora que debería chegar o voo, pero o cartel xa marcaba "aterrado", así que me puxen alí a agardar co cartel que fixera Germán. Agardei media hora e ao cabo dela, chamei á organizadora. Que me dixo que xa estaban no hotel. Comentándollelo a Juanjo e Alex, chegamos a dúas conclusións, ou que eran uns maleducados ou que a organización non avisou de que os irían recoller. Case que nos decidimos pola segunda, porque cando chegamos ao edificio da GUADEC non había case ninguén, nin estaban as cousas feitas nin nada... Porque se eu fose Icaza e me fosen recoller, agardaría cando menos un cuarto de hora, por se houbo algún problema, ou chamaría por teléfono para preguntar...
O que fixemos en todo o día foi ir facendo fotos por aí, de min co cartel en diversas posturas, significando que os andaba a buscar aínda, coma por exemplo, no tren, na catedral de Ulm...
Despois decidimos ir a Ulm, para o cal había que coller o tren das 13:32. Por iso mercamos unhas salchichas e xantámolas no parque que hai ao lado da estación. Despois un xelado e ao tren.
En Ulm fixemos a ruta que me ensinara a guía, na que Alex subiu á torre e sacou unhas fotos interesantes. Nós agardamos abaixo onde mercamos algunha parvada nas tendas de por alí. Despois estivemos zapateados na herba dun dos parques até que nos deu a gana de marchar e coller o tren de volta.
Ao chegarmos, agardamos unha hora por ACS e Garnacho, aos que por suposto lles botei bronca porque non se pode facer iso en Alemania, nin tampouco ningures. Fomos ao Anatolien a polo Kebap e despois a tomar unha cervexiña a Schloßplatz, que foi cando me fun para deitarme cedo, aínda que non o conseguín!

GUADEC

Pois onte foi o primeiro día da GUADEC. Tiven que me erguer ás 7:00 para poder estar ás 8:00 no lugar de celebración. A verdade é que non me apetecía un carallo. Tiven que pegar un par de carteis e facer un par de caralladas máis até a hora de comezar as conferencias. Fun a unha de Eclipse que non me convenceu, a unha sobre VNC na que só entendín as gráficas e despois chegou a hora de xantar, onde fomos un bo cacho de falantes de español, entre eles Miguel, que tiña ganas de xantar turco. Como había boa cantidade de xente que falaba alemán, ficou bastante abraiado. Por sorte, eu xa completara o cartón e puiden xantar o meu Kebap gratis :-)
Despois pola tarde tocou GStreamer, da que marchamos a toda présa porque era demasiado técnica. A seguinte que fixemos foi a do tutorial de Mono, que non me fixo graza porque o tema máis ca de Mono era de Gtk, e vai ser que xa estou afeito a traballar con iso, aínda que sexa noutra linguaxe, é o mesmo. Así que marchei ao final da charla de como captar usuarios para GNOME, pero tiven que me marchar en 10 minutos, porque me tocaba controlar o inicio doutra charla noutro lugar. Cando rematei isto, puiden ir á de "Optimal GNOME Programming", onde o fulano fixo un gran exercicio de autocrítica da plataforma sobre o uso de recursos. Despois fomos un pouco a tomar unha cervexiña á Paulaner e despois a cear todos ao Spagetissimo, de onde marchei porque xa me tiña que deitar...

GUADEC

Hoxe fomos pola mañá a dar unha volta Juanjo, Alex, Germán e mais eu. Fixemos a ruta que vén no mapa de Stuttgart, incluida a Casa de Hegel. Cando estabamos a descansar un pouco, recibín a chamada da organización da GUADEC para irmos alí a xantar, mentres se discutía o que se podía facer. Ao chegarmos alí, Juanjo e máis Alex marcharon para que non os collesen para traballar e Germán e máis eu ficamos alí. Eu escaqueeime de todo o traballo que puiden, aproveitando que os tiña aquí a eles, dicindo que tiña aquí dous amigos e que non podía traballar porque tiña que estar con eles. O que si dixen, que fun parvo, foi que si que podía ir recoller alguén no aeroporto. Craso erro, xa que me adxudicaron un mañá venres ás 8:45. A anécdota do día foi que me apuntaron un par de nomes de pila na folla, que eran Nat e Miguel. Por suposto, eu nin puta idea de quen eran, así que lle pregunto a Juanjo e Alex: Sabedes quen son un tal Nat e un tal Miguel, que teño que recollelos mañá cedo? E dinme pois Miguel de Icaza e Nat Friedman. Parvo de min que non caín polo menos no Miguel! Pois iso, que lles gustou moito o Döner Kebap e que me vou deitar, porque se chego tarde a recoller a Icaza de Friedman, dame algo...

Charla con Dominique e chegada de Juanjo e Alex

Pois hoxe erguinme para traballar algo no proxecto, porque despois tiña cita con Dominique e tiña medo que me botase bronca por non facer nada, así que a iso me puxen. Despois fun xantar á mensa un pouco máis cedo do normal porque a cita era ás 13:30. Pois iso, que falei con el case dúas horas, pero mentres falaba con el, propúxenlle como podiamos facer e que algoritmo podiamos tomar de referencia para traballar e as modificacións que se me ocorrían no momento. Gustáronlle moito as ideas a pesar de que as pensei así non momento e incluso discutimos un pouco sobre o tema, pero ficou moi satisfeito e díxome que estaba no bo camiño.
Despois fun a recoller a Germán e Fernando, dous chilenos que veñen tamén á GUADEC e que me dixera a organización que recollese, así que alá fun cun cartel coa bandeira de Chile que poñía "FERNANDO GERMÁN GUADEC". Como Juanjo e Alex chegaban 15 minutos máis tarde, agardamos xa por eles e cando chegaron, saqueille outro cartel coa bandeira galega (con estrela por suposto) que puña "JUANJO ALEX GUADEC", que lles fixo moita coña.
Acompañamos a Fernando que tiña un hotel no centro e despois fomos os catro até o Youth Hostel a que eles deixasen as súas cousas. Cando o fixeron, fomos ao centro e xa cara Untertürkheim ao restaurante con especialidades suevas, mentres vimos a final da Champions, pero só até que rematou a segunda parte. E no centro demos unha volta por Königstraße, onde en Hauptbahnhof xa collín o tren para voltar para casa.

GALIZA CALIDADE!

Pois hoxe pasei unha das maiores vergoñas da miña vida. Fun a clase de "Landeskunde: Aktuelle Themen in Deutschland", que é unha clase onde se len xornais e tal e aprendes linguaxe culta. O tema é que só se pode faltar dúas veces e xa levaban catro semanas de curso, así que a fulana me preguntou o meu nome. Díxenlle que era a primeira vez que ía, ao que me respondeu que non podía ser, e que tiña que marchar. Eu díxenlle que só quería aprender, que non me importaban os créditos, pero a ela dáballe igual así que me tiven que erguer e marchar. Merda para ela, que me fixo perder unha preciosa hora do meu proxecto para iso. De todos os xeitos, é mellor así porque non perdo esas horas semanais nese curso.
Despois pola tarde estiven traballando e tamén falando un bo cacho co meu bo amigo Mateo, da USAnia que me tratou de convencer das súas vontades, pero que non conseguiu ;-) . Pois iso, que van casar el e Cristina, así que moitos parabéns para eles!
E despois, fun até unha festa sorpresa de cumpreanos dun rapaz francés polo que tivemos que agardar un bo cacho, pero estivo ben que á fin puidemos xantar algo bo. Francés, pero bo. O mellor de todo, foi que por casualidade, o pai da moza del é galego, e el tiña unha botella de caña branca, da casa, desas de verdade, nada de merda de supermercado. Cunha cantidade equivalente a un ou dous "chupitos", foi máis que suficiente para se convenceren todos de que era a bebida máis forte que probaran nunca. Incluidos tamén os fineses, entre os cales estaba Simo, un fulano de 1,90 ou máis, inmenso, sempre fardando do seu vodka finés, sucumbiron ante a caña galega! Simo dixo algo como: isto é tan forte que queima todos os microbios da gorxa... Liisa dixo despois que aída sentía a quentura no estógamo... GALIZA CALIDADE!

Parece que esta vez xa vai de verdade

Pois iso, que hoxe me erguín para ir a falar co meu director de proxecto, pero ao chegar alí non estaba. Resulta que me trabucara de hora e en vez de atopármonos ás doce, tiñabamos que nos atopar ás dúas, así que voltei a casa e agardei até a hora de xantar, que fun á mensa.
Despois pois fun alí a falar con el até as catro da tarde, hora á que fun ao centro a ver se podía mercar uns novos auriculares porque os que teño, de vez en cando, non se oen na orella dereita. Cousa que me fode moitísimo porque non podo oír música a partir das 10, que é cando se ten que deixar de facer ruido. Pois os máis baratos que atopei foron uns de 9€, co cal decidín buscar un alongador de cable stereo e poder usar os do discman, pero resulta que un alongador valía 6€! Así que por 3€ máis teño uns cascos novos, que case me vai mellor.
A miña conversa con el foi interesante. Ensineille como instalara todo, e gustoulle bastante como estaba facendo as cousas. Deume algo máis para ler e ímonos atopar outra vez outra vez o mércores xa para facer o contrato e o plan que vou seguir. O contrato é unha formalidade que se fai aquí, pero de cartos non vou ver un peso.
Despois voltei para facer uns cantos deberes e marchar a clase de alemán, onde o pasei bastante ben, porque tiven que preparar unha presentación sobre unha viaxe, e aos do lado tocáronlle as Illas Canarias, así que pedínlle que nolo trocasen para poder falar de Teneriffa, que é o que coñezo despois de ir alí dous anos seguidos. Lembreime moito do ben que o pasaramos alí. E incluso lle contei cousas á profesora, co que me dixo que se algún día ía a Tenerife, que me preguntaría... Máis sorte tivo a moza grega, que lle tocou falar da súa propia Illa :-) Por certo, estaba hoxe de cumpreanos e fun a tomar uns cachiños de tarta á cociña, que nos invitara. Por fin podo esquecerme do gorro de cumpreanos, do que estaba en posesión dende o meu.
Pois nada, xa me deito, que mañá teño unhas clases de alemán sobre "Landeskunde: Aktuelle Themen in Deutschland", onde nos ensinan a ler xornais, e de paso, nos enteramos do que pasa por aquí, como a caída do SPD (partido socialista alemán), en Nord-Rhein Westfalen, en favor da CDU (partido popular alemán), polo cal, Schröder está pensando xa en convocar eleccións anticipadas ao non ter todos os apoios que lle gustarían...

Ler papers

Ler papers

Pois estes tres últimos días non fixen máis ca ler papers que me mandou o director. Estiven facendo un pouco o parvo tamén o venres a ver se conseguí pór a consola de linux en UTF8, pero ao final claudiquei e puxen todo outra vez en ISO. Paseime ao lado escuro, pero polo menos eu loitei algo... Ler o primeiro paper levoume unha chea de tempo porque o meu inglés estaba xa terminal, pero agora semella ter resucitado un pouco.
O sábado lin outros dous papers e despois fomos facer a compra para facer pola noite carne á grella. Ao final, puxen eu os cartos e hai xente coma Cristian e Jero que non me pagaron aínda, pero non son só eles. A carne á grella estivo ben, con salchichas e outros tipos de carne tamén. A foto que se ve é de Pasi pondo xa a carne a asar.
O domingo marcharon todos a Estrasburgo, pero eu fiquei na casa porque tiña cousas que facer, que aínda me quedaban polo menos 6 papers por ler e foi o que fixen onte en todo o día, diante do ordenador a ler pdfs sobre enrutamento en redes móbiles ad hoc. Polo menos tamén vin un par de capítulos de "Los Serrano", moi bos, por certo.

Instalación

Pois hoxe erguíme para comerzar o traballo do meu Studienarbeit. O que fixen hoxe foi basicamente instalar o software que me pediu o director. Iso foi o que fixen en todo o día. O que máis traballo me deu foi o ns2 do carallo. Porque tiña unha chea de dependencias que tiven que satisfacer. Comezando por Tcl e Tk, que non puiden instalar as de debian, porque o OTcl tampouco vén en Debian e hai que instalalo, e hai que especificarlle unha única ubicación destes paquetes, que non ocorre ao instalar os paquetes Debian. É dicir, cos paquetes Debian as cabeceiras están en /usr/include e as outras cousas noutros lugares, e se lle digo onde están as cabeceiras, non é quen de atopar o resto do paquete, e se lle digo onde está o resto do paquete, non atopa o resto das cousas. En fin, unha merda que me trouxo tolo un bo cacho. Despois, tiven problemas con outros paquetes, que no configure non atopaba non sei que ficheiro, que si estaba instalado e non me quedou máis remedio que trucalo. Unha tolemia.
Despois quixen instalar o paquete runtime de Java, como paquete Debian a partir do rpm, pero resulta que non aparecía o rt.jar por ningures, co cal, ao executar calquera cousa dicía que non atopaba o java.lang.Object! . Descubrín que ao descomprimir o paquete que non é rpm, xera o rt.jar el só. Tentei que o fixese tamén o alien coa opción -c, pero non funcionou, así que ao final instaleino do outro xeito, sen paquete Debian. Java precísoo para o JabRef, que serve para para manter bibliografías BibTeX, de xeito moi cómodo, que permite tamén abrir os ficheiros se se teñen en local, etc. Está moi ben e recoméndollo a todo o mundo.
Tamén tiven clase de Landeskunde: Baden-Württenberg, onde a mestra falou do modelo federal e dalgunhas cousas máis. Unha mágoa non entender todo perfectamente, porque é unha das cousas interesantes, iso do federalismo ;-) A ver se uns que sei eu en España van tomando nota..."

Proxecto e Episodio III

Proxecto e Episodio III

Pois hoxe erguímne tarde por mor de me ter deitado onte despois de escoitar Zapping, de RadioVoz. Recoméndollo a todo o mundo, por certo, de 8 a 9 todos os días e tamén o repiten de 1 a 2 da noite. Por certo, hoxe fixeron un chiste caralludo, que eu nunca oíra. Chamaron TelePerbes á TVG, supoño que en relación ao chalé que Fraga construiu de xeito presuntamente ilegal.
Lembreime que tiña clase de portugués hoxe ás 13:15, así que fun xantar cedo á mensa do centro e ala fun. Cando chegou a mestra falei con ela, e o que fixo foi recomendarme ir a Portugués 5, é dicir, prepararme para a proba, que non sei exactamente a qué equivale...
Despois voltei e agardei até que puiden falar co meu director de proxecto, que me confirmou que si podo facer algo. Por fin sei algo seguro! Vou facer cousas sobre enrutamento en rédes móbiles, é decir, cousas de móbiles, PDAs, etc... e creo que vou chupar álxebra de grafos por un tubo... pero é o que hai, e ademais, creo que vou aprender moito alemán, co meu director, Dominique Dudkowski, que fala amodiño e ademais é moi simpático. Por certo, a simulación téñoa que facer con ns, que é ese que se usa un pouco en Redes de 5º e tamén xeño que usar un programa de xestión de bibliografía, o JabRef, que serve para ir indexando todos os documentos que se van lendo e poder acceder despois de xeito máis cómodo a eles, e tendo despois un ficheiro Bibtex completamente usábel. Ten pinta de estar moi ben.
Despois estiven vendo o Episodio II, preparándome para o que levaba agardando 3 anos, que é o estreno do Episodio III.
Fun con 3 veciños meus, Cristian e o polaco, en total cinco, no coche dun dos meus veciños, Alex. Ao chegarmos á porta do cinema, fomos Cristian e máis eu, mercar un Kebap, pero ao final tomamos un Lahmacun, que é unha especie de pizza condimentada, onde che poñen carne de Kebap tamén, e póñencha un rolo, que é máis sinxelo de xantar.
Non había moita xente disfrazada, de feito eu era un deses raros que levaba a miña espada láser. O cinema era unha merda, pero seguramente era o mellor que se podía atopar onde puxesen a película en versión orixinal. Tivemos que agardar un bo cacho até que a película comezou.
Pois iso, que non sei se porque non entendín demasiado, que nin sequera tiña subtítulos en alemán, que non me gustou demasiado. Eu creo que agardaba algo máis. A historia pareceume un pouco pobre, e ademais había algunha cousa que me pareceu completamente fóra de lugar, pero que non vou contar aquí para non desfacer a película á xente que lea o meu weblog :-) Comentádeme que vos pareceu...
Na foto, de esquerda a dereita, Marcin o polaco, Alex o meu veciño alemán, eu, Cristian o catalán, e Nick o USAno republicano.
E outras das cousas coas que acabo de flipar é o nomeamento do meu profesor de Literatura Galega de 3º de BUP no Colexio San Narciso, Héctor Silveiro. Noraboa para el. Despois da novela que escribiu o meu outro profesor, xa o creo todo.

Consulado...

Pois hoxe pola mañá fun ao consulado aproveitando que Eloi tamén tiña que ir, para preguntar onde estaba a miña documentación electoral, que teño medo que non me chegue a tempo... Despois fomos a xantar a onde sempre, á mensa, onde tamén había prato suevo, aínda que me repetiu toda a tarde...
Pola tarde, pois por fin vin o terceiro CD de "El aviador" en alemán, que comecei o outro día, que pensei que só eran dous CDs. Vin os dous primeiros e cando rematou o segundo decateime que xa precisaba un máis... así que tiven que baixalo. Despois agardei a que chegase Cristian para ver o Episodio I de Star Wars, para ir preparándose para mañá! Que xa é mañá! Ás 21:30! Teño que lembrarme de coller a cámara de fotos.
Despois, pois a cear, falar con Laura e facer un pouco o parvo antes de deitarme...
Mañá tamén teño que falar co meu director de proxecto, así xa vos contarei o que teño que facer...