Blogia

Calvaris in Deutschland

Por fin

Hoxe erguinme teóricamente para ir facerlle a Laura unhas xestións aquí para o mes que vai pasar aquí, pero ao final non fixo falla. Ademais, descubriume unha nova forma de mandar cartos dende Galiza até aquí. Resulta que en Caixa Galicia, se tes unha conta no extranxeiro e tes o IBAN e o SWIFT Code, nada máis que che cobran un par de euros pola transferencia, fronte aos 9€ que lle cobran ao meu pai cada ver que me envía os cartos.
Despois tiven que ir a firmar o alongamento do contrato de vivenda que teño aquí, pero aínda non estaba para firmar. Até agosto nada. De todos os xeitos mandei a solicitude de Laura. :-)
Despois pola tarde un pouco de traballo até chegar a hora da clase de alemán, que non estivo mal, porque fixemos declinación do adxectivo, que é algo que xa sabiamos, pero que exercitamos. De todos os xeitos, apenas teño problemas para facelo cando escribo. O falar é outro conto, porque así en quente e rápido é moito máis complicado.
E Despois xa a cear con todos e a ir para casa a ver como trocaba o goberno do noso país. Decatádevos que para os da nosa xeración será importantísimo, porque a maioría de nós será nestes próximos catro anos, cando comezaremos a buscar a nosa propia vivenda, buscar o nosos traballos, etc. É ao final non teremos a eses fillos de puta fodéndoo todo. Só podo dicir, que hoxe é o día máis feliz da miña vida, despois do 15 de maio de 2000. Saúdos revolucionarios a todos!

Día do reconto emigrante


  • 12:54: La Voz de Galicia: En A Coruña descartan que el recuento acabe hoy

  • 14:08: Vieiros: Primeiras decisións, primeiros recursos

  • 14:49: La Voz de Galicia: La Junta Electoral rechaza los votos con fecha posterior al día 18

  • 14:51: Vieiros: Demórase o proceso de comprobación de datos en Pontevedra

  • 14:51: Vieiros: Anulados 500 votos en Pontevedra

  • 22:51: 70% escrutadio e o escano aínda é do PSdG.

  • 23:38: Vieiros: Co 75% dos votos escrutados, o PP conseguiría o 48% dos votos en Pontevedra; o PSOE, o 46% e o BNG o 4% dos sufraxios contabilizados até o momento. Con estes resultados, que xa se van perfilando como definitivos, o PSOE conservaría o seu escano por Pontevedra e o PP perdería a maioría absoluta que desfrutou nos últimos 15 anos no parlamento. Para conseguir o escano, o PP necesitaría que, a partir de agora, practicamente todos os votos fosen para el, por ningún para o PSOE.

  • 23:38: Vieiros: As xuntas electorais provinciais anulan o 13% dos votos recibidos

  • 23:40: Vieiros: O PSdeG gaña en Lugo co 100% do voto escrutado

  • 23:59: La Voz de Galicia: Muy cerca del final del recuento en Pontevedra, se mantiene el reparto de escaños del 19-J. Touriño, previo pacto con el BNG, sería el próximo presidente de la Xunta. El PP, a través de su secretario xeral, Jesús Palmou, ha reconocido la derrota.

  • 00:29: Vieiros: Os datos son xa practicamente definitivos. Fraga non repetirá como presidente da Xunta. Co 75% dos votos escrutados, o PP conseguiría o 48% dos votos en Pontevedra; o PSOE, o 46% e o BNG o 4% dos sufraxios contabilizados até o momento. Con estes resultados, que xa se van perfilando como definitivos, o PSOE conservaría o seu escano por Pontevedra e o PP perdería a maioría absoluta que desfrutou nos últimos case 16 anos no parlamento. Para conseguir o escano, o PP necesitaría que, a partir de agora, practicamente todos os votos fosen para el, por ningún para o PSOE.

  • 1:17: Vieiros: CO 100% ESCRUTADO Os emigrantes confirman o final da era Fraga. Os datos son xa definitivos. Fraga non repetirá como presidente da Xunta. Co 100% dos votos escrutados, o PP conseguiu o 49,7% dos votos en Pontevedra; o PSOE, o 43,7% e o BNG o 4,1% dos sufraxios contabilizados. Con estes resultados, o PSOE conserva o seu escano por Pontevedra e o PP perde a maioría absoluta que desfrutou nos últimos case 16 anos no parlamento. O PP logrou 15.361 votos, o PSOE 13.518 e o BNG 1.263. A partir desta noite ábrense ás portas a un goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG na Xunta.

Noite de San Xoán

Noite de San Xoán

Onte traballei un pouco pola mañá e despois fun cedo xantar, que tiña clase de Landeskunde. Á saída, Felipe convenceume para ir mercar algunhas cousas ao centro, e como tiña que mercar dous pantalóns curtos, pois fun. Merquei dous, e un par de chanclas destas dun euro, por se acaso, ao seren tan malas precisaba outro par por tolerancia a fallos :-) Merquei tamén un limón e unha laranxa para facer a queimada, e para os grans de café. Pregunteille ao fulano e levoume a zona dos cafés, onde había de todos os tipos. Cando lle expliquei que non era para tomar café, que precisaba uns 20 grans para preparar unha bebida, déronme uns cantos nunha bolsiña e listo.
Despois fixemos unhas tortillas españolas na cociña de Eloi, onde deixamos todo feito unha merda, pero que despois limpamos a conciencia. E xa me fun a preparar todo.
Cando cheguei arriba á terraza, pensei que non habería moita xente, co cal comecei a botar unha botella. Cando me decatei de que viña unha chea de xente polo camiño, botei a segunda. Pelei a laranxa e o limón e boteino na pota, xunto co café e unha chea de azucre. Removín ben e prendino na culler, coma sempre. Curiosamente prendeu á primeira cos conseguintes aplausos do respetábel. Lin o conxuro e despois deixeina queimar bastante. Ao apagala outro aplauso. E un pouquiño para cada un, que non había moita, pero á xente encantoulle en xeral, dicía que esta moi saborosa, e flipaban por vérena queimar tanto e aínda estaba forte :-) GALIZA CALIDADE! É dicir, éxito rotundo :-) Despois fiquei un pouco máis na festa onde estaban todos borrachos menos eu :-)
Actualización: O San Xoán trouxo o mellor agasallo de todos, a beca de Laura, coa que pasaremos un mes xuntos aquí na Alemaña. Xa debezo porque chegue o día de te agardar no aeroporto, meu amor.

Fin de semana

Comezando polo venres, que me erguín todo o tarde que puiden por mor de facer a queimada o día anterior. Pois fun xantar á mensa coma sempre e despois de traballar un pouco acompañei a Cristian a facer unhas cousas que nos levou case toda a tarde. Á volta pasamos polo Anatolien a tomar un Kebap, e así xa non ceamos.
O sábado erguinme tarde porque tiña ganas de durmir suficiente. Había non sei que competición de fútbol, como me dixeron que estaban todos alí, decidinme a coller algo de xantar e fun cara alí. Xa ao saír pola porta, atopei a Cristian e Jero, que voltaban para xantar, así que xa o fixen con eles. Despois fun até Vaihingen con Simo, un dos fineses. Merquei catro cousas e voltei para casa, a recoller a roupa que deixara a lavar e a traballar un pouco. Pola noite voltei a ver "Mar Adentro", que me fixo lembrar o bonita que é a patria e as ganas que teño de voltar a vela, e sobre todo, fíxome desexar, que mañá eses fillos de puta que fan que non sexa mellor se vaian xa para sempre do noso goberno, ou polo menos que nos deixen probar o sabor da verdadeira democracia. Manda carallo, saiume case poético!
Despois de ver o filme, fun cás Cristian a que me dese unha cousa e parece ser que pecara outra vez. Mágoa, pero penso que lle irá mellor a partir do martes. E ao final, liámonos a ver un capítulo de "Los Serrano" até as 3 da mañá.
Hoxe erguinme tarde tamén, como xa é habitual neste post e no resto da miña vida, para ducharme, falar un pouquiño co meu amor e a facer de xantar. Mentres xantei, vin "El espantatiburones". É incríbel a cantidade de cousas en español que hai no direct connect aquí. Despois toda a tarde a traballar até que chegou a hora de me marchar ao centro a falar co meu tandem, co que estiven un chisco en Schloßplatz e outro chisco no Anatolien a cear. E agora, supoño que verei outro capítulo de "Los Serrano", por cortesía de Vito e despois a deitarme, para erguerme mañá e ver como van as eleccións...

Zapping

Zapping

Parece ser que este Blog foi citado en Zapping, o programa de radio de RadioVoz. Antón e Txuri, que saibadas que estades fatal da cabeza, pero que vos escoito sempre que podo. Como proba, esta foto que saquei en Donostia, ao me lembrar de vós. Que conste que aínda que a foto é de Txuri, eu son de Antón! Tenteivos chamar dende Stuttgart pero sempre me sae unha voz en alemán que me di que non podo chamar a ese número :-(

Derradeira clase de portugués

Pois a noite anterior, durmín pouco porque non sei por que, pero tardo así coma 2 horas en ficar durmido e despois pola mañá están os meus veciños, sobre todo os búlgaros, a almorzar coa porta da cociña totalmente aberta e a falar esa lingua tan desagradábel para os oídos, sobre todo a esas horas da mañá. Creo que vou pór unha nota na porta para que a pechen, especialmente cando hai xente dentro.
Despois de traballar un pouco pola mañá, a xantar e a traballar outro pouco, antes da derradeira clase de portugués. Voume presentar á proba, pero creo que aínda teño moita "ortografía" que aprender. O carallo foi que onte nos deron un texto sobre a orixe do portugués, ao que tiven que facer algunhas correccións, xa que dicía que o galego-portugués nacera pola corrupción do latin vulgar na provincia romana da Lusitania, que comprendía o actual portugal e a rexión española da Galiza. Por suposto dixen que non era certo, e que esa provincia se chamaba Gallaecia e que Lusitania estaba máis ao Sur, e que o galego-portugués es espallou cara abaixo coa reconquista da Lusitania, árabe neses tempos. Tamén fixen a miña presentación, sen papel, porque a profesora esquecera traermo impreso. Sempre me bota bronca por dicir "pero", que hai que dicir "mas" :-)
Despois, coa fame que tiña, fun cear un Kebap ao Anatolien e xa para casa, a cear e a ver o capítulo de "Los Serrano" da semana pasada, que por sorte, puxo xa Francesc para baixar.

Echavarri e Paz conseguen o primeiro mundial de vela para Galiza

A noticia completa en: Vieiros:

[19/06/2005 19:05] Os galegos Fernando Echavarri e Antón Paz son os primeiros galegos en proclamárense campións do mundo de vela, no seu caso en clase tornado. Echavarri e Paz, que chegaron ao ecuador do mundial en primeira posición, beneficiáronse dunhas últimas regatas moi irregulares, con vento en lufadas. O campionato mundial da clase tornado de vela desputouse ao longo da última semana na cidade francesa de La Rochelle.

Os regatistas galegos conseguiron o título mundial diante das sesenta mellores tripulacións do planeta. No ecuador da proba, todos os favoritos se situaban entre os sete primeiros, agás a tripulación bretoa de Guichard e Guyader, que fixo tres mangas moi malas e está colocada na novena posición. Echavarri e Paz gañaron a primeira das mangas, pero despois fixeron unha pésima segunda e unha frouxa sexta regata. Dese xeito, tiñan 26 puntos, só tres por baixo dos británicos McMillan e Howden (29).

Pero unha sexta praza na sétima regata, e sobre todo unha terceira na oitava regata foron definitivas para proclamárense campións do mundo. Especialmente dende que os seus máis directos rivais chegaron na posición 15ª na oitava regata. A última manga houbo de anularse pola ausencia do vento, e grazas a unha reclamación admitida, Echavarri e Paz puideron proclamarse campións. Fernando Echavarri e Antón Paz afirmaron estar satisfeitos por "cumpriren o seu obxectivo" e especialmente polo rendemento ao longo da semana e pola progresión nesta tempada".

CLASIFICACIÓN XERAL
1º Fernando Echavarri e Antón Paz (GZ). 1-(36)-4-2-2-17-6-3-RDG = 43,90
2º Leigh McMillan e William Howden (GBR). 10-1-10-(15)-5-3-2-15-2 = 48
3º Xavier Revil e Christophe Espagnon (FRA). 7-7-17-8-3-9-3-22-(BFD) =76

Ikea

Hoxe non foi un bo día.
Pola mañá fixen unha actualización e fóronseme ao carallo o correo saínte, o teclado e o sistema de son. Por sorte, puiden facer que voltase a funcionar todo agás o derradeiro.
Coma sempre, xantar na mensa, pero polo menos hoxe había ás de polo cunha mollo un pouco picantiño, que estaba ben. Despois a traballar outra vez para presentarlle a Dominique, me me meteu unha caña de carallo. Díxome que tiña que profundizar máis, e que tiña que comezar a explicar todo pola base, case comezar por explicar o que é unha cidade, un grafo... Unha merda. Pero tirarei cara adiante e fareino polos meus collóns.
Despois a Ikea, que me daba unha preguiza terríbel, porque é unha hora ir e outra hora voltar. Alí merquei unha ensaladeira xigante para poder facer a queimada, pero non as había de barro, así que o tiven que mercar de metal, igual que a culler, que é destas de metal, co mango de metal, pero que é de distinto metal que non debería deixar pasar tanta calor. A ver que pasa.
Despois de cea Spätzle con mollo especial de Dores e á Stammtisch ao Unitekle, que marchaban un par de rapaces xa de volta para casa. E xa cedo para casa, que mañá me teño que erguer para traballar para Dominique...

Resaca postelectoral

Hoxe tocoume erguer tarde, pero non puiden durmir ben, porque xa pola mañá cedo andaban o carallo do taiwanés-australiano berrando con Javiera a chilena, e nunca me podo desquitar a gusto de durmir. O que quero é "ausschlafen" (que é como os alemáns din durmir o suficiente), pero non son quen. Despois traballei un pouco e a xantar á mensa, onde estiven con Ignasi, ao que lle contei as movidas que pasaran nas eleccións, coma a carretaxe e todo iso. Por suposto, flipou con eses fillos de puta.
Despois estiven na cociña de Cristian, mentres xantaba el, que non chegou a tempo á mensa. E a traballar antes de ir a clase de alemán. A clase foi coma sempre e despois a cear con Cristian uns Ovos á extremeña, con chourizo español, que estiveron moi bos. E despois xa a estar un pouco na internete, coa persoa máis importante para min e xa a deitarme...

Eleccións

Pois hoxe erguinme para traballar algo e seguir as eleccións. Non puiden saber nada até que cheguei pola noite... Pois fixen unha pasta de xantar, que me saiu caralluda. E despois a ver un capítulo de "Los Serrano", porque non reparara que aínda tiña unha chea de películas en español para ver. Non tiña ganas de ver nada en inglés. Despois de xantar, primeira tila.
Traballei un chisco máis até que chegou a hora de ir á cidade a falar co meu tándem. Estivemos en Schloßplatz até as 8, hora á que marchamos ao Anatolien a cear. E despois xa a ver como ficaban os resultados electorais. A verdade é que agardaba algo máis de diferenza, pero semella que a carretaxe funcionou dun xeito incríbel. E aínda así as cousas non ficaron tan claras. A ver se o voto emigrante non troca o resultado. Non abrín as dúas cervexas, por medo a que vaia todo á merda o día 27. Agardarei até aí.

Especial eleccións galegas

Especial eleccións galegas


  • 16:24: Pois semella que a xornada electoral comeza con bo pé, con moita participación e iso sempre é un dato bo. Xa comezou tamén a carretaxe dos votos por parte da xente do PP, que seguramente ande eléctrica esta vez. A ver se aínda así conseguirmos algo.

  • 21:30: Co 65,5% dos votos, o PP non ten maioría absoluta. Pódese seguir todo na páxina oficial

  • 22:00: Co 90% escrutado todo segue igual...

  • 00:00: Co 100% escrutado, o PP obtén 37, o PSdeG 25 e o BNG 13, co cal neste intre o goberno resultante sería o da coalición PSdeG-BNG, pero haberá que agardar ao voto emigrante, que dicidirá como fica o escano que baila entre PP e PSdeG en Pontevedra. Agardaremos que os da foto sexan o seguintes Presidente e Vicepresite da Xunta da Galiza

Día na casa

Onte fiquei todo o día na habitación, a traballar un pouco. Tamén vin a película Mulholland Drive, que teño que confesar que non me gustou. Despois limpei a habitación, que semellaba un cortello, e teño que dicir que me quedou moi ben. Despois de traballar outro pouco, ceei e vin "El año de la Garrapata", que me sorprendeu gratamente, alén do problema de non estar en galego. E xa a deitarme, porque hoxe, señores, é o día...

Nova sección

Acabo de inaugurar unha nova sección, do weblog, que son as ligazóns. Tedes á dereita, na sección de ligazóns unha parte especialmente adicada ás Eleccións Galegas do 2005. Nela iréi pondo todas as cousas interesantes que vaia atopando por aí.

BMW

BMW

Pois hoxe erguinme tarde porque onte vira unha película. Traballei un pouco pola mañá e despois fun xantar con Eloi, Cristian e Jero, coma sempre e como estes tiñan que marchar de volta ao laboratorio fiquei con Cristian a tomar un café. Cando marchou voltei a casa a baixar o capítulo de Naruto e a velo tamén. Despois, pola tarde traballei un pouco e a agardar até que voltase Cristian. Cando Cristian voltou no seu BMW serie 1 recén alugado, fomos a probalo a unha destas Autobahn alemanas que non teñen límite de velocidade... Incríbel, equipado até os dentes, por suposto, co seu navegador, bastante útil cando non coñeces as estradas. Porque eu sei chegar en tren, pero non en coche. Puxemos rumbo a Kalsruhe, pero atopamos obras, así que demos a volta e puxemos dirección a München. Chegamos a unha estación de servizo e despois de fumar Cristian un cigarro, metémonos a probar o navegador, onde puiden constatar que dende a estación de servizo até a casa de Laura, había 2144 km. Despois puxemos rumbo a Allmandring xa de volta. É incríbel o navegador. Laura, vaite afacendo á idea de que o noso próximo coche terá navegador :-) E despois aquí a casa a ver un capítulo de "Los Serrano" antigo, "Quien me tira la pierna encima", pero ningún coma "Ni media ni guarra", aínda que este lle vai bastante á zaga...

O de sempre

Pois onte nada do outro mundo. Erguinme ás doce por mor da festa do día anterior ao pouco xa fun a xantar á mensa. Despois tomei un café con Cristian, co que falei de moitas cousas. Despois fun a Schloßplatz a baixar Naruto, pero ía moi amodiño. Despois clase de portugués e ao voltar, cea na miña casa, onde me enteirei de moitas cousas, que non me fixeron nada de graza. Eu pensaba que certas cousas eran froito do amor, pero hai que coller o touro polos cornos e non enganar a unha persoa e a outra, que iso si que está mal. Eu podería chegar a comprender que alguén deixase de querer a unha persoa porque se namorou doutra, pero o que non se pode é estar coas dúas, sobre todo cunha aquí e coa outra, como está en Euskadi, non pasa nada. Pois señores, iso é non ter conciencia, porque o que debería de facer é elixir, e non ficar coas dúas, pero non lle direi nada máis, porque ao señorito lle molesta que lle digan a verdade.
Hai cousas que non me cadran. Primeiro uns din que xa non quere á súa moza, que está namorado da outra. Iso acéptoo sen problemas, pero o carallo é cando lle pregunto que pasou coa outra e respóndeme que aínda non fixo nada. E despois de se cabrear mándolle unha mensaxe pedíndolle perdón por me meter na súa vida, á que me responde que é moi difícil querer a dúas persoas tan intensamente á vez, ao que Laura e mais eu respostamos á vez: Se é así, que se faga mormón! Nada, incríbel, pero non direi nada máis, o único que me gusta que as cousas se fagan á cara e non xogar suxo dese xeito. Pois nada, a rañala e cada un que faga o que lle dea a gana, que eu non son o pai de ninguén. Pero tampouco podo confiar nunha persoa así.

Allmandring Open Air

Allmandring Open Air

Pois hoxe, como xa fixera todo para presentarlle a Dominique, pois vin o capítulo de "Los Serrano", que era "El Reverso Tenebroso" (neste caso tiña que dicir o título). Despois xa a xantar con eles á mensa e á fin a falar con Dominique. Tento que fosemos a ver ao encargado da rede, para ver que carallo pasaba coa miña conta para o meu portátil e tamén me comentou que a miña tarxeta para entrar á universidade e ao laboratorio aínda non está lista, e que terei que agardar... Falamos tamén sobre o tema do proxecto, no que xa estou completamente centrado. Neste intre estou pensando aínda como vai a ser exactamente o protocolo e valorando das distintas alternativas.
Despois tiven clase de portugués. Pensei que me tocaría hoxe presentar, pero é para a semana que vén, que nos toca aos dous galegos. Tiña dúas clases seguidas de portugués, pero decidimos marchar mellor para ir ao festón que había aquí en Allmandring. Completamente incríbel, cheo total. Había varios postos, entre eles un preparado polos españois, con bandeira republicana incluida, pero eu por suposto fun dereito á caipirinha. Despois estiven a falar un bo cacho con Klaus, o veciño de Jero que estaba bastante borracho, pero polo menos puiden practicar o meu alemán. A verdade é que creo que mellorei moito dende que cheguei aquí e a proba é poder manter este tipo de conversacións tan longas.
Pois iso, que a feste estivo xenial, incluso para me decatar de que xa todo está perdido coa moza de Jero, porque hoxe xa se bicaba con Johanna, así que xa non hai volta atrás... :-( O único que me queda é desexarlles toda a felicidade do mundo.

Oculista

Pois esta mañá, despois de traballar un pouco, fun xa ao oculista 10 minutos antes da hora, para chegar con boa puntualidade alemá. Atendéronme moi ben e falei co doutor ben, aínda que non o entendín todo. O que me dixo era que todo estaba ben, que as miñas gafas tamén estaban ben e que non precisaba máis láser. Iso, botoume tamén as gotas malditas para dilatar as meniñas dos ollos, e por iso estiven todo o día sen poder ver ben. De feito para ir mercar o Kebap, que xa pechara o comedor, tiven que meterme por unha entrada do S-Bahn e saír pola outra. Despois para chegar a casa, paseinas putísimas e tiven que ficar toda a tarde coas fiestras pechadas, pola luz do sol.
Xa despois, fun cear con Cristian e ao final si que chegaron Jero e Eloi e ceamos os catro xuntos mentres viamos o capítulo de "Los Serrano" de "Yo reconozco", que estivo xenial, aínda que eu xa o vira...

Paellada

Pois este domingo foi o día da paellada, que fixemos na casa de Jero, con Klaus, Jaume e a moza de Jero. As paellas estaban caralludas e tamén o café que veu despois, xunto co tempo que botamos a xogar cunha pelotiña, que por suposto se foi varias veces abaixo.
Despois vimos a saída de Formula 1, na que Renault o fixo de marabilla, pero que non serviu de nada :-(
Despois, estiven a me baixar os vídeos de "Hai que botalos", que rematei de ver onte, e que por suposto, non me fixeron trocar o "boto", porque xa o tiña moi claro.
O carallo é que non lle vimos o pelo a Cristian durante toda a fin de semana por estar mal por mor da porca da súa ex-moza, que non fai máis que xogar con el. Pero penso que desta vez xa o ten máis claro e que a vai esquecer xa dunha vez... Forza Cristian!
Despois ás oito e pico chamoume o meu tándem, preguntándome se ía vir, pero esquecérame por completo. Díxenlle que ía, pero que chegaría tarde. Ao final, estivemos en Schloßplatz onde lle configurei a rede inarámica. Teño que dicir, que Suse é unha merda tremenda. Como pode ser que o seu cliente de DHCP non estableza a ruta por defecto, nin as DNS? Non se lle pode dar creto...
Onte luns fixen os deberes de alemán e portugués pola mañá e pola tarde nas clases de alemán, onde me informaron do exame que terei que facer o día 11 de Santiago, para acadar por completo o Grundstufe III, que parece ser que só tiñamos a primeira parte.
Despois fixen uns ovos á extremeña con Cristian e Eloi veu despois a se facer unha ensalada, e despois xa a me deitar.

TV

Onte sábado, foi o día de ficar na casa, a verdade é que xa me ía facendo falta, porque tiña para ver a película de Naruto e un capítulo de "Los Serrano", sen contar a chea de películas que aínda teño para ver. Pois fixen de xantar uns Spätzle con salsa de Dores, que estaban caralludos. Despois fun facer a compra a Vaihingen, que foi cando me atopei a Marcin o polaco. Díxenlle que ía até Schloßplatz e apuntouse a vir, así que me estivo chupando ancho de banda até que dixo que tiña fame e marchou.
Despois ceei un Kebap no Anatolien e voltei para casa para ver o capítulo de Naruto. Despois "Los Serrano" e a tomar unha cervexa con Eloi e os amigos, Jero e a moza e Cristian. Eles despois marcharon para a cidade e eu fiquei aquí para ver a película de Naruto, que teño que dicir que estivo bastante ben.

Naruto

Hoxe erguinme para ir facer os papeis para alongar a estancia aquí en alemañá, pero antes da hora, non coma onte, que cheguei fóra de hora. Déronme un papel para enviar de volta á Coruña e tamén me firmaron o papel para alongar o contrado de aluguer da habitación.
Quería mandalo todo hoxe para poder esquecerme, pero non puiden, porque o Hausmeister non estaba e o coordinador de Erasmus de Informática tampouco, así que terei que agardar até o luns.
Despois fun xantar e xa a falar con Dominique, pero non moito tempo. Díxenlle que o lera todo e non o cría :-) Pero a vantaxe era que algúns dos papers non tiñan nada que ver co que tiña que facer, así que os puiden pasar moi rápido. Ensinoume tamén a sala onde traballarei, pero á que teño moita preguiza de ir, porque sempre estou mellor na habitación e máis tranquilo. Ademais, os teclados alemáns son moi raros :-) Non puidemos configurar a conta para o portátil non sei por qué, pero xa vos contarei, porque é un tema un pouco raro.
Despois fun a Schloßplatz a baixar o capítulo 128 de Naruto, porque aí si que se pode sen problemas. O que pasa é que a baixada era só duns 10 KB/s, así que se agotou a batería antes de rematar de baixar, polo que terei que voltar mañá.
Á volta, Zapping, Naruto, cea e despois ir un pouco de festa, pero despois, por varias circunstancias déronme as ganas de vir xa para deitarme, e é o que vou facer xusto agora.