Blogia

Calvaris in Deutschland

Fin de semana longa

Pois estes días non pasou nada importante, nin tampouco fixen nada interesante. Porque entre outras cousas, estou que non mexo porque chegue o mércores para ir a ver o acontemento máis importante do ano, agás por suposto o meu quinto aniversario co meu amor, que é Star Wars Episode III Der Rache der Sith. Xa estiven a estudar para o exame. Por exemplo, onte vinme os capítulos IV, V e VI. Hoxe toca o I e mañá venres o II e no cinema, en versión orixinal, o III, por fin!
Noutra orde de cousas, tamén xoguei ao baloncesto contra tres romaneses e un ucraíno, que por certo, era moi simpático, entre outras cousas polo seu acento completamente ruso á hora de falar alemán.
E nada máis que contar destes días.

Baloncesto outra vez

Pois onte pola mañá erguinme bastante cedo para ir falar co meu presunto director de proxecto. Resulta que o proxecto fin de carrera aquí se chama Diplomarbeit e hai algo tamén que se fai á metade que se chama Studienarbeit que ten uns créditos similares ao proxecto en Coruña. Eu coma non tiña nin idea do tema, nin Amparo (manuela) tampouco, pois puxemos Studienarbeit e resulta que agora non o puiden trocar. Así que me veu bastante ben para dicirlle ao fulano que non podía trocar o contrato de estudos e que tiña que facer o Studienarbeit. Como o fulano me viu con interese, nada máis lonxe da realidade, que fago iso porque non hai nada máis, pois díxome que o que me tiña preparado non vale, porque só podía ser un Diplomarbeit, pero que me buscaría algo no mesmo proxecto. Co cal teño que agardar até o mércores.
Despois pola tarde, xantar e baloncesto. Fiquei mallado de todo, porque o carallo dos chineses xogan ben.
Escoitei Zapping (Mackoys) e fixen a cea, que tomei na cociña de Jero por mor de que estaban os pais del aquí e había que facer un pouco de vida social :-)
Despois estiven na internet até as dúas porque aproveitei para escoitar Zapping outra vez, que o programa fóra bastante bo...

Dous días aburridos

Pois nada, estes dous días foron un lixo. Non fixen nada interesante, agás xogar un partido de baloncesto contra chineses onte pola tarde. Debería ter ido tamén a clase de "Landeskunde: Baden-Württenberg" pero esquecínme por completo.

Proxecto

Pois hoxe puxen mal o móbil e non espertei á hora que tiña que espertar, senón que o fixen unha hora máis tarde. De todos os xeitos o que tiña que facer era ir con Cristian a Deutsche Post para recoller un paquete. Resulta que me chegou tamén a mi un recibo para recoller unha carta certificada. Tería que facelo mañá, pero por sorte atopei ao carteiro na parada do autobús, que me deu a carta. Despois fomos a recoller o paquete de Cristian, onde había xamón, chourizo ibérico... Só agardo que non o comesen todo agora pola noite.
Despois xantamos na mensa e fomos tomar un café. Despois fun á facultade para dicirlle ao meu futuro director de proxecto que ficaba con el. Díxome que mañá fose por alí para falar con el sobre todo o tema.
Despois toda a tarde facendo o parvo.

Quizais proxecto

Pois hoxe despois de erguerme e estar un pouco na internet, fun xantar á mensa con Eloi e Jero onde nos puxeron un prato típico suevo, coa salsa típica. Como compremento, collín por suposto, Spätzle, co que tiña un superprato suevo caralludo.
Despois, ao saír de xantar, fun á facultade a ver se atopaba un proxecto. O que fixo o cordinador de Erasmus foi levarme por algúns despachos a ver se podían ofrecerme algo. Só un me ofreceu algo, que vai sobre problemas de nodos móbiles, xa sexa de enrutado, consultas de datos almacenados en nodos, problemas de localización... Seguramente me quede con el, porque acabo de recibir a resposta de Porsche, que vai ser que tampouco me collen :-) Só me queda a resposta de Mercedes e Bosch, pero creo que lle vou dicir que quedo con el, e se despois me respostan nos quince primeiros días, pois aínda podo deixalo.
Despois pola tarde, clase de alemán até as nove. E ao saírmos, fixemos a cea todos xuntos, pero non sei por que, sempre nos leva moitísimo tempo facelo, así que rematamos de cear ás doce e media :-( E xa me vou deitar...

Festa Grega (gastronómica)

Festa Grega (gastronómica)

Pois hoxe había no meu edificio unha festa grega, onde eu estaba invitado pola compañeira grega do curso de alemán. A verdade é que me fastidiaba un pouco porque coincidía xusto coa carreira de Alonso, aínda que tampouco tiña onde vela... Pois iso, que as cousas que había alí estaban caralludas. Tiñan dous tipos de arroz, arroz envolto nunhas follas de algo que non lembro que era... Tamén unha especie de pasta vermella feita de tomate que estaba xenial e unha especie de cousas negras que non eran cogumelos, pero que estaban riquísimos tamén. Os postres, moi doces, co cal, caralludos.
Despois fomos á Frühlingfest varios que estabamos na festa, pero nada de beber, que xa era o derradeiro día. Alí subímonos nos autos de choque e despois xantamos algo típico, que xa remataba o choio. E eu despois a casa a escoitar o partido do Dépor, que por fin gañou!

Heute Fußball!

Heute Fußball!

Pois hoxe erguinme para xantar e ir ao fútbol. Por fin, xa o ía necesitando coma xantar. Pois quedei co americano, pero o simpático, para irmos xuntos até alí. Demos a volta a todo o estadio porque non atopabamos a porta, pero ao final entramos e xa nosa agardaban alí dous turcos amigos nosos. Chegaron despois todos os demais e comezou o partido.
Primeira parte terríbel. Non saben xogar polas bandas. Saen sempre polo centro, non abren á banda, non centran case nada... Iso si, estadio incríbel, con todas as gradas cubertas, póñenche cando vai saír o metro nas pantallas xigantes... Moi ben. Os "Riazor Blues" cantan absolutamente durante todo o partido, pero tamén hai que dicir que só eles, que o resto do estadio está case calado :-)
A segunda parte foi mellor. Houbo toques de calidade de "De Guzman", que é o xogador que ten fichado o Dépor do Hannover, un deles un tiro lonxano dereito á escuadra que atallou o porteiro dun xeito impresionante... E por fin... TOOOOOOOOOOOOOOOOR (gol) de Kevin Kuranyi! No minuto 88! Así que gañamos o partido e a festexalo na Frühlingfest.
Désirée cabrada porque non a agardamos para irmos ao fútbol, pero xa sabedes como teño a cabeza.
Chegamos á Frühlingfest e non había xa sitio en ningunha carpa, así que andamos un pouco até atoparmos aos outros españois. Estiven alí até as 10 e media e xa me vin para casa, mentres xantaba un pouco de chucrut con pasta e unha Brarwurst xigante. Hoxe nada de mazarocas de millo...
O carallo foi que ao saír, atopei a Désirée que marchara para a casa e que estaba outra vez cabreada porque non a avisamos de que foramos para outro sitio, pero xa me estou fartando un pouco do tema, porque xa podía gastar tamén 0,30€ e chamar a calquera de nós ao móbil, que tanto aforrar, non é bo...

Portugués

Onte venres erguinme para coller o S-Bahn e ir dereitiño a clase de portugués. O problema foi que ao chegar alí e comezar a falar en galego coa profesora, díxome que sería mellor que fose quizais a portugués 3. O que ficou alí foi Huseyin, que por suposto, non tiña nin idea de nada.
Despois, ao chegar topeime con Marcin o polaco. E decidimos ir a mercar as entradas para o Episodio III "Die Rache der Sith". A nosa idea é vela en inglés para enterarnos mellor do tema, e de paso, vela en versión orixinal. Fomos primeiro ao centro a ver nuns cines grandes, pero dixéronnos que non había versión orixinal en Alemania, algo que me extrañou un pouco polo que me dixeran no cine de Vaihingen, donde só poñen películas en versión orixinal, e onde por suposto, está o episodio III. Así que alá nos fomos. 7,50€ que pagamos, pero supoño que pagará a pena.

Generalkonsulat des Königreichs Spanien 2

Onte mércores pola mañá tiven que ir ao consulado facer os papeis todos. Puiden arranxar todo ser problema, pero ao final fiquei parolando co conserxe do consulado, que é de Ourense, e os dous coincidimos en que ese home ten que marchar da Galiza, é dicir, que é un pouco "rojo". Estiven alí un bo cacho falando con el e co seu colega de Madrid que flipaba coas cousas que lle contaba, sobre o que ocorreu en Galiza nos últimos anos.
Despois a xantar á mensa e para casa a non facer nada.
Despois ás oito tiña que quedar co meu tandem. Atopeino de casualidade no S-Bahn que ía coller para ir velo, xunto cos fineses, que ían ver un partido da súa selección de Hockey sobre xeo. Ceei con el un Döner Kebap no restaurante habitual e despois un xelado de McDonnalds, que está coa oferta dun €. A verdade é que creo que falo cada vez peor alemán, pero el díxome que non era certo, e que tiña unha boa pronunciación.

Xestións da GUADEC

Hoxe tocoume ser o xestor da xente de Igalia en Stuttgart. Que saibades que cando queiramos abrimos unha sucursal aquí. Así estarían as mellores empresas en Stuttgart: IBM, Bosch, Igalia, Daimer Chrysler (Mercedes), Porsche... Pois iso, que fun aos dous Hostais a informarme de como ía o tema das habitacións e todo iso. Levoume toda a mañá.
Pola tarde, capítulo de los Serrano e despois á noitiña a facerlles efectiva a reserva a Juanjo e Alex, que xa por sorte está completamente acabada. Van ter sorte, que a liña de tranvía que leva ao Hostal dende o centro é a miña favorita, a que ten algo de turístico. A mágoa é que xa non haberá Frühlingfest cando eles estean aquí, porque remata esta fin de semana...

Generalkonsulat des Königreichs Spanien

Generalkonsulat des Königreichs Spanien

Pois iso, que hoxe (martes) pola mañá quedara con Cristian para ir ao consulado español en Stuttgart para solicitar o voto por correo para as eleccións galegas. A verdade é que non me perdoaría non votar...
Ao chegarmos alí preguntei polos trámites e lamentabelmente teño que empadroarme alí para facelo. Burocracia da merda. Non podía ser coma unha oficina de correos á que chegas, e dis que queres votar por correo, mándanche os papeis a casa e despois vas por alí a depositar o voto? Non, pois ten que ser así.
Tal como nos dixeron, no papel hai que pór o municipio onde queres estar censado a efectos electorais. Aparte, causas baixa en España, co cal te tes que empadroar outra vez cando voltes. Con isto pensei, que carallo, que se dea Cristian de alta tamén aquí e que vote, e non só Cristian, senón toda a xente que coñezo aquí :-) Xa convencera a Cristian, que estaba todo orgulloso escribindo o nome de "Noia", que lle parecía moi galego, pero ao final non quixo polo de cursar baixa en España. Aínda que se total se ten que dar de alta outra vez ao voltar, vén sendo a mesma merda, porque de empadroarte outra vez, que máis dá que veñas de Stuttgart, ca de Camariñas? Ao final Fraga vai facer das súas e eu non... Pero tranquilos, que desta vez ímolo conseguir...
Supoño que haberá outra vez noite electoral na casa de Gabriel, polo tanto, rapaces, ide instalando o Skype para poder estar convosco alí :-)
Despois pola tarde quedei co meu outro tándem, que é iso de coñecer a unha persoa que aprende o idioma no que ti es nativo e el é nativo no idioma que aprendes ti. Resultou ser un fulano de 33 anos, pero xa estiven falando con el sobre polícita e chegamos á conclusión de por que carallo España non é un estado federal. Xa vou sementando nacionalismo por aquí... De todos os xeitos é un tipo simpático, así que probabelmente fique con el, porque non vou deixar a Jero cun fulano que é 10 anos maior ca el...
Ás seis, houbo Frühlingfest, pero esta vez só tomei unha cervexa, que despois do cagallón da semana anterior, tiña suficiente. A moza que está ao meu lado é o tándem de Eloi, que foi a que nos invitou á festa do 1 de Maio en Korb. Quizais debería tamén buscar outro tándem un pouco máis xove, porque cun de 33 anos só se pode falar, nada de saír de festa nin nada semellante, e ademais, están de traballo até as orellas, así que tampouco podemos vernos todo o que me gustaría... Con dous quizais será mellor. Terei que ir polo Sprachzentrum, quizais o venres, o día que comecen as clases de portugués...
Ceei alí na Frühlingfest, un pouco de pasta con chucrut e unha Brarwurst. As salchichas alemanas non se poden comparar coas que se venden nos supermercados galegos...

Clases outra vez

Onte luns coma sempre, erguerme para estar na internet un pouco e despois a xantar a mesma merda de sempre. É incríbel como se apañan para facer que algúns días teñan dúas ou tres cousas caralludas, e outros teñen só merda :-( Estes días toca merda. Ademais, o prato do mes son unhas salchichas rarísimas que non teñen ningunha boa pinta.
Despois pola tarde fun facer a compra. Case quedo sin aceite, que non había no Kaufland, pero ao final atopei no ALDI. Cheguei ao bus polos pelos, pero cheguei.
Despois agardei pacientemente a que chegase a hora das clases de alemán, que durou até as 21:00, hora á cal fun con Désirée até a súa casa coller o CD que lle emprestara dos Heredeiros da Crus, pero ao final non oiu. Peor para ela. Certar tiranteces tivemos por mor do carallo do CD, pero ao final non foi nada.
Ao chegar a casa fixen de cea uns Spätzle con salsa de nata e champiñóns (receita especial de Dores ;-) ), que teño que dicir que me saiu caralluda. Estaba fantástica. Os Spätzle son unha especie de pasta branda que se fai só con fariña e auga. Eu merqueina fresca no Kaufland. Gustoulle moito aos meus veciños alemáns.

1 de maio

1 de maio

Pois hoxe quedamos de ir coa tándem de Eloi a unhas viñas que están nun pobo do quinto carallo, para o que tivemos que coller un S-Bahn, un bus e aínda andar un bo cacho. Alí a xente levaba carros de cervexa e radios e festexaban o 1 de maio. Ao parecer hai dous lugares semellantes, un para os xoves e outro para os pais cos fillos.
Non o pasamos mal, aínda que facía moita calor e non tiñamos nada para mollarnos. Alí nos atopamos tamén co Buddy de Jero, co que nos metemos un pouco por se ligar á sueca que vén connosco a clase de alemán. Polo que se ve, ela non quixo ir a durmir con el a casa, que estaba moi cansa e se tiña que erguer cedo ao día seguinte :-)
Pois iso, que moita calor e moita xente bailando, enriba dos tractores, carros e outros inventos. A verdade é que eu estaba completamente ridículo, porque cando saín da casa non pensaba que fose facer tanta calor. Incluso levaba a chaqueta. Así que ao chegar a casa de Cristian prestoume un bañador, que me puxen sen negún pudor alí na festa quitándome o pantalón e quedando en calzóns, iso si, detrás dunha caravana. Xa podedes imaxinar a foto, eu, coma miña camisola de "GA LEGO", unhas bermudas de flores e zapatos e calcetíns negros. Pero que carallo, eu estaba maís cómodo ca os demais, así que lles desen polo cu :-)
Despois á volta no S-Bahn, no que iamos derreados, subiron dúas mozas, das cales unha estaba de bo ver, que se sentaron ao noso lado, pero como nós falabamos delas e nos riamos, trocaron o sitio e fóronse cara outro sitio. De verdade, que indignación collín, nin que fosen o centro do universo! O peor do peor.

Día de merda

Onte foi un verdadeiro día de merda. Erguémonos tarde e eu fixen de Ovos á Extremeña para xantar, aos que lle botei un pouco chili e co chourizo picante que mercara en "El Mercado Español" picaba demasiado, pero estaba bo. Costoume rematalo porque fixen moito. Despeois de faceren sesta, marchamos todos ás canastras a xogar ao baloncesto, pero non tiñamos un carallo de ganas, pola calor que había. Teño que lembrar que esta fin de semana tivemos aquí case 30º con ceos compretamente despexados, é dicir, unha calor de carallo. Despois decidimos coller o S-Bahn e ir ao centro a pasear un pouco.
Alí cabreeime un pouco porque non paraban de falar en catalán, polo que Eloi se desculpou dicindo que non se decataban. Cousa que comprendo e envidio, xa que na patria non me ocorre eso, xa que o noso idioma está case morto.
Menos mal que voltei a ver ao fulano que tocar o aparello ese dándolle voltas ao brazo, que xa pensei que morrera :-) Gústame moito oílo porque ten cancións moi ledas.
Despois ao irmos cara o Anatolien para tomar eu un Kebap, e de pararnos un pouco no concerto de Schloßplatz, atopamos un fulano destes que fan espectáculos na rúa. Ao principio púxose a imitar á xente que ía pola rúa, de xeito moi gracioso, que causou que ninguén máis se movese do sitio e que ficasemos todos alí. Despois fixo un par de números cómicos, un par de globos para os rapaces, xogou co diávolo, pero non cun só, senón con dous á vez, de xeito totalmente incríbel, incluso botando o aparello a unha altura meirande que a do edificio diante do que estaba. Tamén se subiu a un monociclo de dous metros de altura facendo de malabarista con lume. Totalmente incríbel. Isto fíxolle gañar alí polo menos 200€ amén dos clientes para festas particulares, que tamén se dedicaba a iso. Totalmente incríbel.

Onte baloncesto

Pois onte erguinme coma sempre para estar un pouco na internet a ver se os de IBM me respondían, pero aínda nada :-( Despois fun a xantar con Jero e Eloi á mensa, onde por fin, dende que estou aquí puiden xantar algo de peixe, cunha salsa de pataca e allo, pero que estaba boa. Tomeino con arroz tamén. Despois fun para casa coa intención de ver un capítulo de Los Serrano (Antes muerta que chinchilla), pero como me chamou o meu segundo tandem, que tiña problemas nunha orella e que tiña que ir ao médico, non houbo problema en ver 2001, Odisea en el Espacio, así que pasei unha tarde de TV na habitación.
Despois viñéronme a buscar para ir xogar ao baloncesto, a onde fun gustoso. A verdade é que ao principio nin se me ocorría, pero según me dicían que a xente era moi mala, pois animeime e onte fun. A verdade é que a xente non é que sexa mala, é que creo que non sabe xogar en equipo (Magic ;-) ), porque individualmente eran moi bos, pero nós, aínda sendo a primeira vez que xogabamos xuntos, faciamos boas xogadas. Teño que dicir, que a canastra foi boa comigo, que me deixou meter uns cantos tiros :-)
Despois decatámonos de que era moi tarde e que quedaramos co buddy de Jero para cear e ira a dar unha volta á cidade. Así que marchamos rápido e duchámonos para ir a cociñar. Tardamos unha barbaridade e tampouco a cea saiu coma eu agardaba de boa, pero estaba comestíbel. Despois fomos ao centro, aínda que coma todos estaban xa borrachos e eu non quería probar alcol, pois decidín marchar para casa no primeiro autobús, porque tamén estaba canso de xogar.

Dous días aburridos

Pois estes dous últimos días foron bastante aburridos. Practicamente só estiven por aquí polo campus agás onte, que tiven que saír ao centro a unha clase sobre cultura de Baden-Württenberg e despois pola tarde a atoparme cun dos meus tandems, que resultou ser un mozo de 28 anos que fai o PhD. Un tandem é unha persoa que está aprendendo o mesmo idioma que falas ti e que fala o mesmo idioma que ti queres aprender. Polo cal este é un alemán que está a estudar español, porque galego é imposíbel e de portugués vai ser que non me atrevo a dar clases porque non sei escribir nada. Estes foron onte todos á Frühlingfest outra vez, pero eu fiquei na casa que non estaba para saír onte.

Semana marabillosa

Semana marabillosa

Pois ao final, o día chegou e con el, Laura. Ala fun eu cara o aeroporto, onde lle merquei o 3-Tage ticket, mentindo un pouco, pero non pasa nada. Chorei coma un neno cando a vin, porque a botaba moito de menos e case non podía agardar até que saíse para a zona normal...
Pois nada, alá nos fomos para casa, a deixar as súas cousas. E pola tarde a Ikea, onde merquei pratos, porque mos roubaran, e un sillón, que valía 24,99€, que para sentar está xenial, que a cadeira é cómoda, pero non vale para ver películas, por exemplo. Montámola entre Laura e mais eu.
Ao día seguinte fomos a dar unha volta polo centro, afortunadamente, Stuttgart é pequeno e vimos case todo nun día. O meirande descubrimento que fixen foi o Markthalle, onde unha das tendas era "El mercado Español", onde puiden mercar chourizo decente despois de dous meses aquí. Xantamos nunha das mensas do centro e despois pola tarde fomos á Torre da Televisión, aproveitando que facía bo día e se podía ver todo.
O día seguinte fomos pola mañá ao museo de Mercedes e á capela dos Reis de Württenberg, que está preto de alí. Despois fomos a ver a Uff-Kirche, onde xa non parabamos coa fame polo que marchamos ao centro a xantar un Döner Kebap no meu turco favorito. Ao final vimos tamén o Palacio Hohenheim, que é sede da Universidade Hohenheim. A verdade é que é impresionante entrar nun palacio e de súpeto atopar un cartel que pon "Rektor" e encerados e cousas así. Ten uns xardíns moi chulos tamén. Despois fomos á compra e mercamos un pastel que xantamos entre os dous.
Ao día seguinte collermos o tren con Cristian e un amigo seu a Ulm, cidade natal de Einstein cunha catedral moi chula onde pasamos case todo o día. Púxenme coma un burro, porque comín dous Kebaps, que tiña moita fame e despois nunha cafetería tiñan Strudel... e non o puiden remediar. Á volta Cristian e mais o colega ficaron na parada da Frühlingfest e Laura e mais eu marchamos para casa, que tiñabamos cousas de romper. Á volta á Frühling, tiñamos que facer cola nunha das cervexerías para entrar e vimos a Cristian e ao colega, que levaban dúas horas, de verdade, para tentar entrar, así que viñemos para casa e fixemos a nosa pequena festa co DVD de Shin Chan, onde comparamos dobraxes, pero para min, sen dúbida, a galega segue sendo a mellor...
Ao día seguinte erguémonos para ira a Ludwigsburg ao castelo, onde fixemos a visita guiada e despois a xantar a McDonnalds. Pola tarde paseamos polo centro e vimos o que nos faltaba por ver, incluida a casa de Hegel ;-) Á fin, fomos a cear á Frühlingfest, cousas típicas, onde tomamos dúas salchichas xigantes entre os dous, aínda que media, nos caeu ao chan :-( Tomei un pouco de pasta tamén e á fin Laura unha banana de chocolate e un Bretzel e eu unha mazaroca de millo, con salsa de allo, que tiven que tirar porque daba noxo. O millo lembroume a cando o xantaba co caldo.
O luns fomos ao museo de Porsche, que estaba preto da praza de Porsche. A verdade é que nunca vira tantos Porsches xuntos... Pero o museo era moi pequeno, así que me decepcionou un pouco. Pola tarde fomos ao centro a facer as compras para que Laura levase para casa e á fin fomos a un restaurante en Untertürkheim que estaba xenial. Puidemos probar especialidades suevas, ben feitas, non coma as da Mensa, entre as cales había Spätzle, Schnitzel, Fleischküchle, Maultaschen, unha ensalada e por suposto a salsa caralluda que fan aquí. Menos mal, porque xa tiña medo de que Laura non probase as cousas boas que hai por aquí.
E ao día seguinte outra vez tristura...

Frühlingfest

Frühlingfest

Onte tocou deixar a Laura no aeroporto. Despois fixen algo de papeleo co caseiro e tal e despois a xantar.
Despois, pola tarde fomos á Frühlingfest outra vez, que había 2x1 en cervexa nunha cervexería. Así que alá fomos. Ao chegar, os franceses animáronnos a ficar con eles, así que así o fixemos. Chegaron tamén todos os españois. Andabamos por alí dun lado a outro, bailando cuns e con outros e tamén collín un bo cagallón que me fixo pasar unha mala noite, pero paseino ben, agás porque a persoa que máis quero no mundo estaba xa camiño da casa :-(
Despois atopeime cos meus veciños e voltei para casa.

Stammtisch

Stammtisch

Pois hoxe erguínme para estar un pouco na Internet, pero ao final fun a Vaihingen facer a compra. Case non collo o bus de volta, e nese caso tería que agardar 20 minutos, pero afortunadamente non pasou nada.
Despois fun xantar co polaco e collín o S-Bahn para ir recoller a Cristian ao aeroporto. Agardei por el, pero lamentabelmente voltou a fumar e ademais, deixouno coa moza :-(
Despois de que deixou as maletas fomos até a Frühlingfest, pero non había case ninguén e ademais, chovía. Montamos na montaña rusa, que nos valeu 5€, pero con 5 loops, de todos os xeitos só nos deron unha volta, así que non valeu moito a pena. Iso sí, foi bastante menos que a outra cousa de caída ceibe. Despois tentamos beber unha cervexa, pero non había case ninguén nas carpas, así que marchamos para casa e agardamos á tarde á Stammtisch, que é coma unha reunión que lles gusta moito aos alemáns, para tomar cervexas. Neste caso é unha para os Erasmus. Ao principio foi unha merda, pero despois comezouse a animar un pouco e xa foi mellor. Despois Cristian e mais eu fomos a casa a ver Los Serrano, pero o capítulo do 30 de marzal, que el non o vira e a min non me importaba velo outra vez.

Hoxe luns outra vez clase de alemán

Por fin souben onte o que era un "anschreiben" que se o buscades en diccionarios.com non podederes saber a que se refire realmente. Así que ao erguerme me puxen a facer a solicitude de proxecto en IBM. Pero antes fun a almorzar coa sorpresa de que o prato que deixara o día anterior, non estaba. Xa é a segunda vez que me pasa, así que escribín unha nota que puña algo coma: "Antes tiña tres pratos. Agora non teño ningún. Non teño problema porque usen as miñas cousas, pero quéroas de volta! Quen ten os meus pratos! Por favor, que mos devolva. Fdo: Xabier, habitación 1". Aínda non tiven resposta. Alemañana non é tan boa como eu pensaba, aínda que o máis probábel sexa que os que rouban, precisamente non sexan alemáns...
Despois púxenme ao tema da solicitude. Pois un "anscheiben" é unha "carta de motivación". Se xa é difícil facela en galego, en alemán non vos digo nada. Menos mal que o polaco me dixo o que quería dicir, porque eu xa lle puxera unha nota o venres ao meu veciño alemán para pedirlle que me botase unha man, pero marchou o venres pola mañá cedo e xa non voltou até hoxe ás 8 da noite. Pois púxenlle de todo, que se era unha grande empresa, que me podería valer para ter un currículum mellor, etc. Despois tiven que facer tamén un currículum tabulado e aparte, coma documentación opcional, pedían tamén as notas da universidade. Coma eu tiña por aquí unha certificación académica, apañeime para escaneala e púxenlla tamén. A escanear todo íame axudar o outro polaco, pero ao final atopei a Dani o de Coruña, que tiña só hoxe un escáner por un traballo que tiña que facer e tentámolo, pero case non se podía ler, así que como a súa cámara tiña un modo para texto, fixémolo con ela. Quedaron mellor que co escáner.
Despois marchei a clase de alemán, que comezaban hoxe outra vez, a onde por suposto, cheguei tarde por mor da solicitude, que non a quería retrasar máis. Outra vez clase con Frau Andreadou, que é moi simpática, pero esta vez só son tres horas á semana e ademais, temos tres chineses en clase, deses que cando cociñan fede que se mata. Pero polo menos, son simpáticos :-)
Agora estiven falando un pouco con Laura e quizais vexa agora algo de Naruto, que xa teño ganas :-) Por certo, houbo aquí un fulano que baixou todo o Naruto que tiña. No comentario ponía "nada", así que imaxino que será español, pero vai levar a sorpresa do 114, que o teño en galego do Brasil...