Blogia

Calvaris in Deutschland

PSdeG e BNG chegan a un acordo definitivo para gobernar a Xunta

Nova de Vieiros:

[19/07/2005 21:20] O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, e o coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, escenificaron cun apertón de mans o pacto de goberno ao que chegaron ambas formacións políticas logo da xuntanza desta tarde das comisións negociadoras. Un acordo que as dúas forzas políticas cualificaron de "serio, reigoroso e xeneroso" e que mostra o "desexo de cambio" que os galegos expresaron nas pasadas eleccións autonómicas. Ambos dirixentes non quixeron desvelar os pormenores do pacto e remitiron á presentación pública do documento que farán Touriño e Quintana a finais desta semana.


O acordo ao que chegaron as comisións negociadoras do PSdeG e do BNG inclúe como eixos transversais do novo goberno os ámbitos relativos á política lingüística, de relación cos medios de comunicación privados e as competencias referidas aos medios públicos. De feito, tanto política lingüística como comunicación social serán dúas secretarias xerais asociadas a presidencia. Porén, as decisións do goberno nestas materias terán que ser consensuadas polas dúas forzas políticas que integran o futuro goberno conxunto da Xunta, o PSdeG e o BNG, por medio de comisións formadas por membros de ambas formacións. Desta forma, Comunicación Social, que xestionaba as competencias da CRTVG, deixará de depender da consellaría de Cultura e Política Lingüística abandona a consellaría de Educación, tal e como pretendían PSdeG e BNG nos seus programas electorais.

O BNG responsabilizarase da política forestal
Por outra parte, outros dos temas que estaban pendentes de acordo, a asignación de Montes á consellería de Medio Ambiente, como quería o PSdeG, ou á nova consellaría de Medio Rural, como pretendía o BNG, decantouse ao final cara a banda nacionalista. Con este acordo, a consellaría de Medio Rural estará integrada polas áreas de Agricultura, Gandería, Desenvolvemento e Política Forestal.

Os negociadores salientan a "xenerosidade" e "rigor" do acordo
Tanto Varela como Jorquera subliñaron esta tarde que o acordo de goberno é "bo" para Galiza e está concebido como "un contrato coa sociedade".

"O acordo desbloqueouse aproximando posicións e coa xenerosidade das partes da delegación, que tivo o PSdeG e o BNG", sinalou Ricardo Varela. Neste sentido, os portavoces da comisión negociadora indicaron que, a pesar de que os traballos desta comisión están rematados, "queda pendente a redacción definitiva" do acordo e anunciaron que a finais desta semana Touriño e Quintana presentarán publicamente o documento final.

Varela e Jorquera coincidiron en salientar que ambas delegacións realizaron "un gran esforzo" para expresar cun pacto o "desexo de cambio" dos galegos. Así, o secretario de Organización do PSdeG sinalou que as dúas delegacións realizaron un traballo "rigoroso, serio e xeneroso". "Temos un pacto que é bo para Galiza, para o noso futuro, e consolidará un goberno de cambio", engadiu. "Podemos felicitarnos polo traballo realizado e, desde logo, estamos satisfeitos das dúas semanas de contactos para chegar a este acordo".

O coordinador da Executiva do BNG insistiu en que as dúas forzas políticas "souberon estar á altura das circunstancias tras o "cambio" expresao polos galegos o pasado 19 de xuño. "Houbo un esforzo mutuo de integración, de comprensión, de poñer o desafío que temos diante da sociedade galega, de non defraudar ese desexo para un cambio importante no noso país por riba de intereses de curto alcance".

Tamén advertiu que o acordo alcanzado será "publicitado con luz e taquígrafos".

A mesma nova en La Voz de Galicia e Galicia hoxe."

Marcos Serrano gaña a tirada e completa a festa galega do Tour

Nova de Vieiros:

SEGUNDA VITORIA GALEGA NA ROLDA FRANCESA
Marcos Serrano gaña a tirada e completa a festa galega do Tour

[21/07/2005 18:06] Dúas de dous. Os dous ciclistas galegos que participan na edición deste ano do Tour de Francia van volver a casa con cadansúa vitoria. Despois de que Óscar Pereiro conseguira o pasado martes gañar a primeira tirada dun ciclista galego na rolda gala, Marcos Serrano logrou impoñerse esta tarde na meta de Mende, no Macizo Central francés, despois de conseguir deixar atrás ao grupo de fuxidos na última ascensión do día. O francés Vasseur e o belga Axel Merckx entraron na meta a 26 segundos como segundo e terceiro, respectivamente.

17ª tirada
1º Marcos Serrano (GZ)"
2º Cédric Vasseur (FRA), a 27"
3º Axel Merckx (BEL), a 27"
12º Lance Armstrong (EUA), a 11'18"
24º Óscar Pereiro (GZ), 12'28"

Xeral
1º Lance Armstrong (EUA)
2º Ivan Basso (ITA), a 2'46"
3º Mickael Rasmussen (DIN), a 3'46"
13º Óscar Pereiro (GZ), a 17'10"
40º Marcos Serrano (GZ), a 1:16'33"

Studienarbeit

Studienarbeit

Hoxe erguinme moi cedo para ir ao médico ás 9:15, por sorte, xa en menos de un cuarto de hora estaba fóra e puiden voltar para o campus a traballar. Fun xa para a FIS (Fakultät Informatik Stuttgart) porque ás once tiña cita con Dominique. Xa case temos todo listo para comezar a implementar. Teño que escribir unhas cantas cousas máis. El en xeral está satisfeito co meu traballo, porque di que con todo o que levo xa investigado e reflexionado, debería ter boa parte da memoria xa feita, e que realmente é un bo traballo de investigación. Non é por me botar flores, pero é un único traballo de investigación que fixen :-) A cidade que usaremos como escenario será Barcelona, que pola súa forma reticular nos fará o traballo un pouco máis doado, como se pode ver na foto.
Despois de saír da FIS fun a mercar cousas para xantar, que non tiña xa aceite de oliva e iso é imprecindíbel para cociñar. Ao voltar fixen Spätzle co mollo especial de Dores, que me quedou un pouco salgado de máis, pero moi bo igualmente.

Schnappi, das kleine Krokodil

Pois onte coma sempre a trabajar pola mañá. Fun á FIS porque aquí estaba o meu veciño francés co hip hop a todo volume. Estiven alí con Dani, que tivo o exame oral de BD2 aquí. Aprobou cun 1.7, así que parabéns para el.
Despois fun xantar onde estiven a falar sobre nacionalismo con Ignasi o catalán e despois outra vez ao troballo, á cita con Dominique. Estivemos a falar 3 horas e non rematamos todo, que aínda me quedou o tema de como vai ser o algoritmo de enrutamento. Despois estiven até as nove no laboratorio a preparar un repositorio CVS para o meu proxecto nunha máquina do departamento, que aínda que vaia traballar eu só, está xenial para controlar os trocos e para que me fagan backup :-) Alí escoitei Zapping, por cortesía da conexión á internet da Fakultät.
Á volta colleume a choiva e fiquei mollado coma un pito. Fixen a cea na miña cociña e coma fixen demasiado, pois invitei a Marcus, un alemán moi simpático veciño meu. Aí foi onde escoitei a canción número 1 en Alemaña hai tres semanas (letra). Déixoo ao voso xuízo... (Ich bin Schnappi, das Kleine Krokodil!)

Festa de despedida de Cristian

Festa de despedida de Cristian

Pois onte erguinme para traballar e poder presentarlle algo a Dominique ás catro da tarde. Non puiden ir xantar por prescripción médica, así que o único que comín en todo o día foi o almorzo. Fixen todo o que puiden e puidemos avanzar bastante, pero aínda ficou traballo por facer. Fiquei no laboratorio até as 20:30, hora á que fun até a cociña de Eloi para preparar a festa de despedida de Cristian, aínda que máis ben era ao contrario, era para que Cristian puidese despedir a a todos os demais, porque el marchou a Barcelona, pero voltará e en troques os demais xa non o ven, porque marchan antes de que el volte. Gravei tamén todos os CDs de música que lle imos dar aos fineses. A festa estivo ben, senón fose porque non puiden probar nada pola prescripción médica. Así que marchei cedo para casa para non seguir aturando a fame negra diante de todo o mundo a xantar. Unha das cousas que lle prepararon a Cristian foi o do "Scheiße Meister", ou o que sería o mesmo "Mestre da merda". Por que? Porque non sei como carallo fai, pero sempre está a cagar, así que os demais lle puxeron ese alcume e onte encheron a cociña de Eloi de papel hixiénico que ponía "Scheiße Meister" e tamén lle escribimos unha chea de dedicatorias nun rolo.

Fin de semana

O sábado erguinme cunha resaca de carallo, así que o primeiro que fixen foi xantar algo para que non me caese a Aspirina no estómago baleiro. Despois fun xantar con Eloi e pola tarde estiven con él aquí a seleccionar algunhas das miñas fotos, que quería ter el. Despois, pola noite, fun estar con eles un pouco até que decidín voltar para aquí a ver unha película. Como me atopei a Felipe, o chileno, e tiña ganas de ver Hypercube, que xa vira Cube e lle gustara moito, así que iso fixemos. E despois a deitarme.
Hoxe domingo erguinme tamén para ir xantar a casa de Eloi, pero como non piñamos aceite, non me quedou máis remedio que tirar de conxelado, ao mediodía e pola noite. Pola tarde non fixemos nada, en principio queriamos ir á piscina, pero Eloi non as tiña todas con el, porque sendo dous non o iamos pasar moi ben, e ademais, el precisaba crema, que non tiña. Despois de estar con Cristian e non saber que facer, voltei para a miña habitación a facer o parvo e traballar un chisco até que deu a hora de cear, á que voltei a tirar de conxelado e me puxen a ver Destino de Caballero, que rematou agora. E xa me vou deitar para erguerme mañá e traballar algo para presentarlle a Dominique, que por sorte, xa comezarei a implementar dunha puta vez."

Richtige Party

Richtige Party

Pois onte erguinme para traballar un pouquiño e despois ir á Mensa rápido por mor da cita con Dominique ás 13:30. O carallo foi que tiña cousas que facer e non puidemos traballar nada. Desculpouse así coma sete veces e despois probei a miña configuración automática do portátil. Que agás por un erro de sintaxe, estaba todo xenial. O que fixen, foi trocar a configuración por defecto para a estática, que así pode ser un pouquiño máis rápido o arranque en caso de non estar conectado a ningures.
Despois fun outra vez até a Mensa porque estaban todos alí a tomar café. Vin con Eloi para casa a facer o CD de música que lle imos agasallar aos fineses. El escolleu música catalá, eu escollín música galega, entre a que puxen Heredeiros da Crus, Carlos Nuñez e algunhas cancións do Xabarín, e entre os dous metemos máis música española. O que foi caralludo foi o collage que fixemos co GIMP para pór de portada. Pasámolo xenial porque tivemos que ver todas as fotos para escoller cal puñamos de cada un. Ao final quedou impresionante.
Despois eu fiquei a ver Naruto, a escoitar a radio, até que chegou a hora de falar con Laura. Ao rematar fun até a cociña de Eloi, na que estaban el e Cristian. Rematamos e fomos todos os que estamos na foto ao Move, que é unha disco que está caralluda. Alén das dúas cervexas que bebera, bebín na disco outras catro máis, así que o cagallón foi considerábel. Pero pasámolo xenial. A próxima vez irei con chanclas, porque teñen unha especie de terraciña con area, na que estaría caralludo estar descalzo a bailar. Tranquila, meu amor, que xa iremos :-) Por certo, feliz día 15!

Grella

Hoxe erguinme tamén para traballar. Ultimamente non fago maís ca traballar, que de todos os xeitos é o que vin facer aquí :-) Pois nada, que traballei un pouco no que me pedira Dominique. Fun xantar e despois outra vez a traballar para ter algo listo antes de ir falar con el.
Por sorte o que fixen non estaba tan mal, aínda que por suposto, non imos poder facer todo o que pensaramos ao principio, facelo dun xeito completamente xeral, etc. É dicir, que vai ficar un pouco más pequeno do que nos gustaría. Pero de todos os xeitos, son cousas coas que non quedan máis collóns.
Despois estiven a pelexar un pouco coa impresora do departamento, para ver se era quen de imprimir dende o portátil, pero tampouco houbo collóns. Ao final cheguei á conclusión de que era un problema de permisos. Pelexei co gnome-cups-manager e coa interface web, e pensei que non gargaba o login e o password, pero se se mira o ficheiro de configuración do CUPS está todo correcto, así que non queda máis que ser un problema de permisos na impresora ou no servidor.
Outro tema é que cando chego co portátil teño que pedir unha dirección por DHCP e despois para que se active a saída á internet teño que abrir o navegador para entrar nunha páxina e pór o login e o password. Como por suposto me parece unha auténtica merda ter que facelo sempre, tamén estiven a pelexar con iso. O de configuracións alterativas, non me costou moito, que xa tiña scripts feitos por Berto (Sugarkane) para detectar en que rede estás. Despois, coa execución de scripts pódense automatizar tarefas dependendo da configuración. O carallo era como facer para simular un navegador cunha liña de comandos e mandar a información por POST. Despois de pelexar un bo cacho co wget, atopei que me estaba a esquecer dun parámetro hidden que había no formulario. Unha vez posto xa conseguín que funcionase. O carallo é que o troquei un pouco para que non cuspise nada por pantalla e que non gravase ningún ficheiro, pero deixou de funcionar nese intre. Non puiden solucionalo pola falla de batería, así que marchei para casa.
Pasei pola de Cristian, onde me xurdiu a idea de facermos carne á grella, así que llo dixen a Cristian, chamamos a Eloi e descidimos ir os dous até o a Kaufland a mercar carne. Pillamos unha especie de pinchos morunos, churrasco e uns filetiños de pavo. Tamén mercamos algo para encender a grella de xeito máis sinxelo. Eu comenteille que mellor pillar o líquido, pero a el non lle convencía por parecerlle tóxico. Ao final mercamos algo que semellaban mistos, pero en xigante e moito máis grosos. Ao chegarmos ao bus, comentámoslle a nosa discusión a un de Madrid que andaba por alí e comentounos que eran unha merda. Por sorte, non foron tan malos, e seguindo as instruccións e botando 4 en vez de 1, foi todo ben e acendeu sen problemas. A verdade e que a carne, xunto coa bebida a base de limón que mercamos, estaba caralluda.
Despois estivemos na cociña de arriba de todo cos chilenos e xa marchamos para a casa.
Meu amor, cando leas isto, xa só quedarán once días!

Biohazard

Biohazard

Pois onte erguinme para traballar un pouco pola mañá e despois ir a xantar. Ao saír da Mensa, fun até Vaihingen a mercar cereais para o almorzo.
Á volta traballei un pouco até que chegou a hora de cear, hora á que me enterei de que a televisión portuguesa vai facer a versión de Os Serranos. Incríbel. Tamén hai algo interesante na Wikipedia. Semella tamén que a NBC mercou os dereitos, pero non creo que funciona nos USA unha serie deste tipo. De feito, non creo que funcionase nin aquí en Alemaña, nin en Francia... O que si teño claro, é que quero velo en portugués, así que haberá que buscalo no Emule un para o Bittorrent. Mágoa que por razóns políticas non poidamos ver a televisión portuguesa na Galiza.
Despois fun até a cociña de Cristian, onde estaban a facer unha festa, que como se pode ver na foto, ficou un pouco mollada. E despois achegámonos á Biohazard, que se facía no Instituto de Eloi e Jero. Estivo ben, e coma sempre, salichichas á venta, que á grella están caralludas.

Luns e martes

Pois onte luns erguinme cedo para ir ao médico e poder almorzar xa a gusto :-) Despois voltei para casa para traballar un pouco e agardar até a hora de xantar. Non tomei café por mor de ter que voltar a casa a estudar para o exame de alemán de pola tarde.
A parte que tiven primeiro foi a de gramática, que me saiu bastante ben. O carallo foi coma sempre o Hörverständnis ou "listening" como se chama en inglés, que debido ao meu problema cos idiomas, nunca son quen de facer ben. Esta vez non foi moi difícil, pero houbo cousas que non puiden entender ben e outras que non me deu tempo a apuntar, porque sempre tes que apuntar varias cousas e como teño unha memoria de merda, non son quen de me lembrar que catro parvadas que me soltan xuntas. A parte de Textproduction foi sobre o tema dos "Studiengebühren", que é algo que queren pór agora en Alemaña e que consiste en que queren facer pagar aos estudantes como xa pagamos nós. Por suposto, parece que se popón tamén que os estudantes con poucos recursos non paguen e que se pague a partir do 12º semestre tamén. Eu dei a miña opinión, que no caso da Galiza, non acho mal o que se fai.
Despois a cear con estes e a deitarme.
Hoxe erguinme tamén para traballar para o documento que tiña que presentarlle a Dominique. Pensei que tiñamos a cita para as dúas da tarde, pero por sorte era ás catro, co cal tiven dúas horiñas máis para traballar, que boa falla me fixeron. Saín coas chanclas, pero como chegaba tarde, collinas coa man e fun sen elas a correr. É incríbel como se pode facer iso sen te cravares sete pedras por minuto. Eu nada máis que me cravei 2 en máis de 500 metros de camiño dende a miña casa até a facultade. De paso automento o meu nivel de frikismo, porque aquí hai moito friki que anda sen nada nos pés...
O carallo é que o que estamos a facer é bastante chungo, porque estamos a buscar unha solución que palíe todos os problemas, pero coma sempre, cando apretas por un sitio, estoupa polo outro, así que o tema está bastante fodido e haberá que tomar a decisión de que erros queremos que se toleren no protocolo. De todos os xeitos, en todos os papers que lin, non vin ningún que fose perfecto, así que tampouco me preocupa moito. Alén disto, terei que traballar aínda un cacho, polo menos até a fin da semana, que é cando terei que comezar a ver algo para comezar a picar código.
Despois de falar con el, saín pitando para casa a me mudar de roupa, porque levaba chanclas e pantalóns curtos e o ceu xa estaba con nubes de choiva, así que non podía facer outra cousa para ir á cea de portugués en Zuffenhausen, que está preto das fábricas de Porsche... Tardei unha chea en atopar o restaurante, pero paseino ben a falar galego coa profesora e cos demais alumnos, aínda que non me afago a escoitar un fato de alemáns con sotaque brasileiro. Pedín un "Bacalhau ao marinheiro", que non estaba nada mal, contando o estarmos nun lugar de terra adentro e fóra de Portugal. En canto a profesora, que tiña que voltar a Kalsruhe, marchou, xa comezaron a falar alemán, co cal non me quedou máis remedio que alguén se dirixise a min amodiño, porque cando falan rápido entre eles é complicado entendelos. Pero aínda estiven a falar un bo cacho con eles, sobre os tópicos dos EUA, sobre fútbol... Sobre os EUA comentamos algunhas estatísticas que non lles son moi favorábeis sobre cultura e algunha anécdota coma a de Llamazares co tema da lavadora (que lla amosaron coma se non houbese aquí) e as súas conclusións sobre Franco (que de tanto falar mal del, chegaron á conclusión de que era comunista). Sobre fútbol comentei que non me gustaba demasiado o fútbol alemán, porque ás veces semella que non saben xogar polas bandas...
E despois un deles levoume até a parada do S-Bahn en Bad Cannstatt, co cal puiden chegar de xeito cómodo até o campus.
Por certo, aínda que non o vaia ler: Parabéns para meu pai, que está de cumpreanos hoxe 12 de Santiago!

Estudar alemán

Onte tocou erguerse a iso das doce por mor da xente que estaba pola escaleira. Estiven a traballar un pouco até a hora de xantar, na que agardei por Cristian unha chea de tempo. Despois fun recollelo, porque non respostaba ao móbil. Estaba sen duchar aínda. Agardei a que se duchase e marchamos á miña casa. El xantou dous paninis e eu nada, porque tiña que facer xexún.
Vimos o derradeiro capítulo de Los Serrano da tempada, que nos deixou parvos aos dous e despois a estudar un pouco para o exame que temos hoxe de alemán.
Despois traballei un pouco pola tarde e xa a deitarme para erguerme cedo hoxe.

Cumpreanos de Ian

Cumpreanos de Ian

Hoxe erguémonos Cristian e mais eu sobre as doce, para irmos ao Kaufland. Puxen a roupa a lavar e marchei para a súa casa. Fíxome agardar até o seguinte autobús porque non tiña lavadas as cousas do almorzo. Ao final fomos xa á unha. Estivemos alí unha chega de tempo porque tamén estaba cheo o Kaufland. A verdade é que merquei bastantes cousas, a ver que resultado dan.
Despois xantamos xuntos unha ensalada e cando marchou baixei a casa a traballar algo até as oito e pico, hora á que me puxen a ver Los Serrano, que por certo, me deixou fodido, porque é moi cruel deixar así á audiencia con tantas frontes abertas, o romance de Teté e Guille, a separación de Diego e Lucía... Unha merda, pero haberá que agardar, igual que con Naruto, pero moito máis tempo. Se alguén sabe cando vai comezar a seguinte tepada, por favor, que mo diga, porque o estiven a procurar na web, pero non fun quen de atopar nada.
Despois veu a traerme unha das chilenas a primeira pista do agasallo de Ian. A miña habitación era a primeira pista, que consistía nunha bolsiña de gominolas co papeliño que lle indicaba onde atopar a seguinte pista. As demais cousas foron un minitrípode para a cámara de fotos e unha luz USB para o portátil. Os IBM non precisan, nonsí? :-)
Despois baixei e traballei un pouco polo balbordo da festa, que non me deixaba durmir, até que apareceu Cristian no MSN e me comentou que ía ver Los Serrano, pero non o derradeiro capítulo. Así que decidín ir a velo con el. Ao final vimos dous capítulos co cal rematamos ás 4 e media da mañá...

Dominique

Dominique

Onte erguinme pola mañá moi cedo para ir falar con Dominique. Gustoulle moito o que fixen. Tamén atopamos algún problema que me preocupaba a min e incluso parece que estamos sincronizados nalgunhas cousas porque chegou a darme algunha solución na que eu xa andaba a cavilar :-) O bo foi que esta vez me comezou a corrixir faltas de ortografía, descoidos, e incluso estilo en alemán. Estiven con el dende as nove da mañá até as doce. Pero fiquei tan canso, que non fixen nada o resto do día de traballo.
Fun xantar á mensa e despois a tomar un café no Ökumenisches Zentrum, que é máis barato, pero o té que teñen non me gusta demasiado. Estivemos alí a falar de moitas cousas e a contar nos idiomas cantas palabras significan o mesmo que foder nos diferentes idiomas. Os fineses atoparon 24 e nós 20. A iso respostamos que nós nos dedicamos a practicalo en vez de procurar as verbas :-)
Despois vin Moulin Rouge, que teño que dicir que non me molou nada de nada. Menos mal que tiña un capítulo de Naruto para tirar o mal sabor da boca.
Xa ao solpor, abrín a fiestra e vin unha paisaxe de postal. Así que collín a cámara e saquei un par de fotos dende a miña habitación, mais coidei que dende a terraza sería moito mellor, como efectivamente se pode ver na foto. Ao subir, atopeime con Felipe, que tiña a cámara na man e tamén subiu. Ao chegarmos arriba, atopamos a Diego que tamén estaba facendo fotos. Estivemos alí enriba un pouco, cando tamén vimos a Huseyin dende abaixo facendo fotos, momento no cal Ian lle ensinou o cu dende arriba :-)
Despois baixei para cear con Cristian e vermos un capítulo de Los Serrano antes de nos deitar.

Festa no instituto de Cristian

Onte pola mañá erguinme para ir de médicos, o que me levou toda a mañá entre unas cousas e outras. Despois xantei no centro con Johanna e Liisa para irmos á clase de "Landeskunde: Baden-Württemberg", na que nos levaron a ver a pegada do nacionalsocialismo na cidade, coma algúns monumentos en contra e o antigo cuartel da Gestapo, que é agora unha sede do "Innenministerium" e do "Finanzministerium", é dicir, do ministerio de interior e do de finanzas. Despois unha volta polo centro e de volta a casa a traballar. Fun até a cociña de Eloi para irmos á festa do diante do instituto de Cristian. Pero na cociña de Eloi apareceron Pedro e Sergei, que nos contaron como fora un pouco o tema da Polizei. A Sergei tratárono ben, pero a Pedro metéronlle algunhas hostias, e é que aquí a Polizei non é coma en España, que aquí primeiro cascan e despois preguntan...
Pois nada, que a festa estaba xenial, e era curioso, porque a había que mercar uns cupóns para poder pagar nos chiringuitos. Parece ser que o facían para que ninguén gardase cartos para eles. Había que facer o troco para poder mercar algo. Cristian e mais eu tomamos unha salchicha vermella. Teño que dicir que me estou afacendo ás salchichas asadas, que están caralludas.
Despois de estarmos un pouco na perfecta discoteca que montaran dentro da facultade e de estar con Arvid (o buddy de Jero), con Anika (a tándem de Eloi) e con Felipa (unha compañeira miña de Portugués) marchamos para casa. Eles aínda ficaron un pouco na cociña de Jero, pero eu marchei para casa, que aínda tiña que rematar o documento para que presentei hoxe pola mañá cedo a Dominique, con éxito, por certo.

Día normal

Día normal

Hoxe espertáronme ás 8 da mañá, porque había unha moza mexicana do meu edificio que marchaba de volta. Así que me erguín tamén para despedirme dela. Despois xa me fun á ducha e a traballar, así que se pode dicir que me erguín moi cedo :-)
Estiven a traballar até a hora de xantar, que coma sempre fun á Mensa, pero hoxe por me erguer máis cedo, tiña unha fame que rebeaba... Despois do café de rigor, marchei para casa a ver se podía ir ao médico por tema, pero ao chegar a Vaihingen, ningún dos dous que tiña en mente consultaba o mércores pola tarde, así que marchei de volta para casa. Vin a película Sólo el más fuerte, na que había capoeira, así que o pasei xenial, que me mola de carallo. Gustaríame practicala, pero creo que xa vou un pouco tarde :-(
Despois seguín a traballar e a buscar cousas no Direct Connect da residencia até que chegou a hora de marchar para me atopar co tándem. Fomos a dar unha volta até Königstraße e despois a cear ao restaurante chinés que hai en Rotebühlplatz. Por 6,80€ pódese comer todo o que se queira, así que fartei.
Á volta falei un pouco co meu amor, e despois fun un pouco até a festa dun rapaz español que marcha de volta dentro duns días, e que entregou hoxe o proxecto, que é precisamente o que sae na foto coa frecha. Parabéns, Pedro!
Actualización: Según me comentaron hoxe, ao marchar eu para a casa, foron a unha discoteca do centro. Pediron unha ronda de tequila, e despois de pedir a segunda, ameazáronos con chamar á Policía. Ao pouco, chegaron e sacaron para fóra a Cristian e Sergio (un de Madrid), despois saiu o resto e cando se decataron, Pedro, o da foto, estaba no chan e cun xeonllo dun policía no pescozo. A Sergei, o ruso que viva en Coruña, como non tiña a documentación e ao ser ruso, levárono para outra comisaría distinta que aos demais. A sergio e Pedro metéronos no calabozo e aos demais deixáronos marchar. Semella que Pedro está denunciado por "resistencia á autoridade" ou algo así, pero que realmente non fixo nada. Ao parecer, a Policía alemá, tivo un comportamento pouco axeitado, porque segundo chegou aos meus oídos, chegaron tamén a pegarlles. E ao parecer, aínda non saben o que pasou para chamaren á Policía.

Baloncesto

Hoxe erguinme para traballar un pouco, pero pouco, que andei a enredar con outras cousas e ao final non fixen nada pola mañá. Despois fun a xantar á mensa. E tomei un café con todos.
Á volta vin "Der Königreich der Himmel", o "El Reino de los Cielos" como se coñece en España, con subtítulos en portugués, porque non me apeteceía tentar entender todo en alemán.
Despois si que traballei até que ás sete me viñeron buscar para ir xogar ao baloncesto. Eloi e mais eu contra Cristian e un chinés. Gañamos nós ;-)
Ao voltar escoitei Zapping de Radio Voz, que pensei que xa rematara a semana pasada até o ano que vén, pero non, estaban aínda aí. Menos mal, porque os ía botar de menos.
Despois a cear con eles. Cristian e mais eu fixemos Pasta con salsa especial de Dores, que a todo o mundo lle flipa.
E nada, agora, despois de falar con Laura, á que teño que felicitar pola súa presentación do DEA, xa me deito. Parabéns, meu amor! O carallo foron os chancullos de sempre. Sabe Deus quen lle faría o traballo a María, que según me contaron tiña todo moi semellante a outra moza do laboratorio. Manda carallo, que parece que leu como moito 10 artigos científicos e eu levo 32 só para o meu proxecto en dous meses... O desta fulana é completamente incríbel. Pero alguén me pode explicar como fixo o DEA se estaba a traballar en Madrid?

Portugués e Dominique

Hoxe erguínme ás 10:30, xa que tiña exame oral de portugués. Polo camiño ao S-Bahn atopei a Dani, que tiña exame despois de min, e que non se lembraba en absoluto. Fomos os dous cara aló. Tiña moito medo, porque ao chegarmos alí non vimos a ninguén. Preguntamos en secretaría e ao nos abriren a medioteca, xa nos decatamos de que estaban alí, así que agardamos. Tocoume a min. Escollín dous papeis que puñan "Comida" e "Diferenças culturais". Preguntei e "Comida" eran as típicas portuguesas e brasileiras, das que só coñezo o "Bacalhau" e a "Feijoada". "Diferenças culturais", dixo unha das profesoras que era entre Brasil e Portugal, pero a outra corrixiuna e dixo que era en xeral, así que collín esa sen dubidalo máis. Tocoume escoitar unha cassette e apuntar catro cousas. Ía rápido, así que non me deu tempo a apuntar todo, pero por sorte, comezou outra vez. Xa me chegara cunha soa vez, pero non puiden apuntar todo, así que a segunda me axudou a lembralo para poder apuntalo sen problemas. Despois fun cara elas e comezaron as preguntas. Primeiro sobra a fita e despois sobre un libro que se lera en clase, que non tiven problemas en respostar, pero coma o meu capítulo fora "Procurando ao alemão", falei de que non existe a persoa estereotípico nos países, e que iso era unhas das cousas que máis me molestaban de España, así que entraron ao tema e puiden falar de todas esas cousas que me interesan a min, pluriligüismo, respecto, lusismo, etc. Incluso unha das profesoras me pediu que lle explicase á outra as incorreccións que atopara no texto sobre "Origem do português", sobre a Gallaecia e a Lusitania, que expliquei amabelmente. Tamén me pediron que contase cal fora a maior "Diferença cultural" coa que me topara eu en Alemanha. E comentei que era o tema da "bandeijinha". Que é algo que en Alemanha usan para pasarse os cartos nunha tenda, por exemplo. E incluso elas comezaron a falar entre elas sobre o tema, que había panaderías, nas que poñían os cartos e o pan na mesma bandexiña e non era moi hixiénico. Iso si, contáronme "8 peros" e "3 mas", xa que en portugués non usan "pero". Foi todo xenial.
Despois á saída agardei por Dani mentres falaba coa búlgara que tamén ía ao exame, por suposto en galego. Díxenlle que tivese coidado co "pero" :-), aínda que la non ía ter ningún problema.
Despois xa vin para o campus. Como cheguei á unha menos 10, fun a buscar a Cristian ao seu instituto (departamento), pero non estaba, que xa marchara a xantar. Estivo a agardar por min e eu por el, unha boa situación de interbloqueo, pero como eu morría de "starvation", fois marchei para a mensa. Non atopei a Cristian e Jero e Eloi xa marchaban, así que me puxen nunha mesa e ao cabo de 2 minutos apareceu Cristian. Despois de xantar e tomarmos un café, marchei para casa a mandarlle un mail a Dominique para ir falar con el. Namentres, rematei de escribir o que lle quería presentar. A verdade é que lle gustou bastante, e non me puido rechistar moito coas solucións que lle dei.
Despois tivemos clase de alemán, onde repasamos un pouco para o exame da semana que vén, fixemos a avaliación da mestra e coa que me queixei de que non dicía nada sobre a F1 desta fin de semana.
Despois ceei con Cristian na miña cociña, a falar un pouco con Laura, a ver unha película e a deitarme.

Fin de semana

Onte sábado erguinme para lavar a roupa e mentres, ía á compra a Vaihingen. Deu a casualidade de que trocaran a liña en sentido ida, cousa que me descolocou. Así que fun ao sitio no que se supoñía que ía ser a volta, pero o percorrido de volta estaba perfectamente, así que perdín o autobús. Despois fixen de xantar e púxenme a ver o capítulo de Los Serrano que baixei do ordenador de Francesc de Barcelona, que nos imos rulando a cuota para non esgotar os 8GB de límite que temos. E despois Hotel Ruanda, que estivo xenial, pero un pouco sanguenta e forte, aínda que afonda perfectamente na hipocresía da sociedade occidental. Despois traballei un pouco e a cear uns paninis mentres falaba con Laura.
Despois subín á festa que había na parte de arriba, que estaba xa case rematada, é dicir, coa xente xa en retirada, pero sempre fica unha retaguardia que non me permite durmir, así que decidín baixar a ver a peli "Al Sur de Granada". Por sorte, cando rematou xa marchara todo o mundo para a cama, así que non houbo problemas para deitarme. O carallo foi a mala noite que me deu a barriga.
Hoxe pola mañá erguinme para ver a fórmula 1. Fun a casa de Cristian, que aínda estaba a durmir, aínda que non me estraña nada despois do cagallón que collera. Por sorte, Alonso dominou dun xeito clarísimo a carreira. Mañá direille á profesora de alemán, que cando gaña Raikonnen, sempre lles dá os parabéns aos fineses. Esixireille os nosos desta fin de semana ;-) É comprensíbel, aquí en Baden-Württemberg está a Mercedes...
Despois vin unha peli e a traballar un poquito antes de ir ao centro para me atopar co tándem. Estivemos por aí polo centro a cear un Kebap e despois eu tomei un xelado de "Ferrero Rocher", que estaba caralludo. Tranqui, Laura, que iremos a probalo ;-)
E despois xa a falar un pouco con Laura, a ver outra peli e a deitarme para erguerme para o exame oral de galego, ou digo portugués, que teño mañá.

Festa na terraza

Onte erguínme cedo para traballar un pouco antes de xantar. Supúñase que iría xantar con Cristian porque estaban aquí uns amigos de Eloi e polo tanto, non me avisaría coma sempre. Decidín marchar eu, porque Cristian non deu sinais de vida. Xantei con Ignasi e unha chea de españois e un portugués. Primeiro estiven a discutir con Carolina, ex-compañeira miña de alemán, da "Obra de Deus", coa merda da Igrexa e o meterse no Estado do xeito que o fan. Por aí foi mal o tema, pero peor foi cando empezou o tema do nacionalismo, porque se puxeron todos contra min, pero aguantei o tipo ben, e iso que ía contra 4. Iso si, hai xente que non sabe discutir, é moi pechada e moi intolerante, e parece mentira que sexa eu quen o diga...
Despois a traballar outro chisco até que chegou a hora de Zapping, que podedes escoitar a través de Radio Voz, onde puiden constatar que seguen tolos coma sempre (mentiendes?). E despois supúñase que ía vir Cristian a cear comigo, pero non apareceu até as doce e media, na festa, por suposto, calcado. Tamén viñeron Eloi e os seus colegas e estivo bastante ben, porque a xente preparara doces para picar e había algunhas cousas que realmente estaban caralludas.
E ao final, xa sei que o día 26 deste mes, é cando Laura colle o avión para pasarmos o mellor mes da nosa vida. Que será o primeiro que viviremos completamente xuntos :-) Quérote, meu amor!

Varios días

Varios días

Este martes estiven a traballar bastante porque ao día seguinte tiña bastantes cousas que facer, entre elas traballar, acompañar a Cristian até a consulta, onde tamén traballei mentres estabamos a agardar...
O mércores tiña a cita con Dominique, e co que estiven falando dende as 3 até as 4. Esta vez polo menos, estivo ben. Non me votou bronca coma a outra vez.
Despois fun á proba final do título de portugués na Universität Stuttgart. Resultoume moi sinxelo facela a pesar de que apenas fun a clase un mes para a aprender a ortografía. Iso vai para a xente que di que non son o mesmo idioma ;-) A primeira parte foi unha de buscar pór sinónimos de expresións. Iso non me resultou sinxelo, porque por exemplo, como atopar un sinónimo de "sem dúvida"? Eu ao principio pensei que non se podían usar as palabras coa mesma raíz, ou que había que trocalas todas, pero ao final puxen ahí "induvidavelmente". O segundo era de respostar a unhas cantas preguntas do texto, pero podíase copiar literalmente, así que foi moi sinxelo. E a terceira era de conxugación. Despois pasamos á outra parte, onde había que respostar xa a unhas preguntas que non eran inmediatas coma as do segundo exercicio da primeira parte a outra parte era de escribir a miña opinión sobre o texto, que neste caso era sobre as grandes superficies, que abren por exemplo o día de noiteboa ás 10 da mañá e pechan o día de Nadal ás 6 da tarde. O primeiro texto, que me esquecera, era sobre como se tiña que chamar a lingua do brasil, e que é portugués brasileiro, etc.
E onte, pois a traballar un pouco e despois pola tarde, a iso das sete a tomar algo. Resulta que había cervexa de balde no campus, polo menos os 50 primeiros litros. Despois marchamos ao centro, que non era tal centro a un Biergarten coa vista que se ve na foto, de onde marchamos cedo, porque estabamos bastante cansos. Despois eu vin a peli "Secretary", que me molou mogollón :-)