Blogia

Calvaris in Deutschland

Frühlingfest pola tarde

Frühlingfest pola tarde

Onte erguinme pola mañá para falar un pouco con Laura e despois, mentres falaba con Benjamin o USAno-portugués quedamos en ir á Frühlingfest, pero de relax, nada de beber cervexa, que despois da do día anterior xa me chegara. Resulta que os fineses tamén ían cara alí, así que fomos con eles.
A verdade é que está xenial. Ao chegar comín dúas salchichas, unha de Thüringen e a outra meirande, pero non me lembro do nome, ambas as dúas co seu pan. Despois todos xantamos unhas froitas cubertas de chocolate (banana, ananás, mazá e unha máis da que non me lembro agora). E chegamos á atracción que se ve na foto. Unha desas na que te suben a 59m do chan e te deixan caer case en caída ceibe. Paseinas putas. Cando estaba abaixo estiven a punto de pedirlles que me abrisen para marchar e cando estaba enriba de todo, pensábao, pero daba igual porque non llo podía dicir á xente de abaixo. Aparte diso, non paraba de imaxinar que pasaría se de súpeto se abrise o peche de seguridade e caíse dende alí enriba. Estaba en todo momento coas mans enriba do peche por se acaso. A primeira vez que nos deixaron caer, pensei que non remataba nunca, pero á fin chegamos. Despois xa foi máis lixeiro o tema, incluso puiden abrir os ollos. Por 4€ tiráronnos unas 6 ou sete veces. Non estivo mal, pero non deixei de tremer até 10 minutos despois de saír.
Despois estivemos un pouco máis e marchamos cara o centro, onde no McDonnalds tomamos algo. Eu non tiña fame, pero sede sobrábame, así que aproveite da oferta de "Ein mal eins", que vén a ser que teñen algúns produtos a 1€, co cal tomei dúas Fantas de 0,33 :-)
Despois á volta vin unha "La Chaqueta Metálica" aquí na habitación, que me quedara por ver a fin, dende que a viramos unha vez na habitación de Cristian. Isto mentres ceaba uns Panini's (ou coma se escriba). Ao rematar subín o prato á cociña e deixeino alí até o día seguinte.

Frühlingfest

Frühlingfest

Pois onte erguínme pola mañá para falar algo con Luara polo Skype e despois falei con estes para xantar. En principio quedaramos para facelo na miña cociña, pero coma non teñen palabra, e estaban todos os fineses na cociña de Jero ao final quixeron xantar alí. A min non me deu a gana, e fiquei aquí só. Ao rematar de xantar chameinos dúas veces por teléfono pero non me contestaron, co cal eu marchei ao súper a facer a compra, pero cando estaba no bus chamáronme por teléfono. Pedínlles se podían agargar por min un pouco, así que fixen a compra para coller o seguinte bus, iso quería dicir en 5-10 minutos. Cando cheguei ao campus chameinos por teléfono e cabreeime porque me botaban a min a culpa de non saber que ían marchar, pero que carallo ía facer eu se xa os chamara dúas veces e pensara que estaban a durmir a sesta.
Despois no S-Bahn xa se me foi pasando, pero a australiana, a que berra moito, xa estaba borracha e nunha destas que fixo, chameille "guarra" e cando se enteirou do que era, cabreouse, pero pasoulle co alcol.
A verdade é que bebín 2 cervexas de litro e collín unha boa. Coma nós non tiñamos mesa, ficamos nun dos pasillos. Pedimos as cervexas e puxéronnolas alí. Bailamos moito, incluido o limbo. Coñecemos a uns tipos e tipas que andaban por alí, a mágoa será que seguramente non os voltemos a ver, pero foi divertido Foi mítico, cando comezou a música, todo o mundo enriba dos bancos e das mesas a bailar. Auténtico. Estivemos alí até as 11:30 da noite, porque ás 12 e pico era o derradeiro S-Bahn, pero Désirée dixérame que o derradeiro ía sempre moi cheo, así que marchamos ela e mais eu un pouco antes. Non houbo problema porque até tivemos sitio para nos sentar.

Festa española

Festa española

Onte foi un día bastante noxento en xeral. Pola mañá erguínme para estar un pouco na Internet. Xantei unha ensalada e despois botei unha pequena sesta porque todos os demais marcharan ao museo de Mercedes, que eu xa vin, e que verei con Laura, e que por suposto, non me apetecía ver unha terceira vez, polo cal, non me importou o de marcharen sen me avisaren.
Despois botei unha pequena sesta e erguínme para ver un capítulo de Los Serrano, que por certo, me gustou moito. Despois escoitei Zapping, porque hoxe tocaba os Mackoys (ou coma se chamen). E despois a cear uns macarróns.
Despois de falar con Laura, marchei á casa de Jero, que estaban todos alí tomando algo antes de ir á festa. Os fineses mercaran gorros de piscina coas cores finesas e uns lentes de mosca, co cal tiñan unhas pintas terríbeis, coma se pode apreciar no gráfico :-)
Por suposto, fomos á festa, que era o cumpreanos de seis mozas españolas, nun local alugado, co cal, música de Bisbal, Civera e demais. Eu marchei cedo, porque tiña sono e aproveitei que non había ninguén no edificio, xa que todos estaban alí :-)

Tortilla de pataca con sangría

Tortilla de pataca con sangría

Onte erguínme para estar un pouco na Internet pola mañá e despois a facer tortillas de pataca con dous fineses. O carallo foi que o raiador que mercara de 5€, é do mellor que hai e tamén me levei un cachiño de dedo. Pero o conto non remata aquí, porque Jussi, tamén levou un cachiño de dedo e non contentos con iso, cando xa estabamos os dous lesionados, chegou Pasi e tamén levou un cachiño de unlla. Asi que a tortilla de patacas leva sangue finesa e galega :-) Pero tranquilos, que non caeu nada nela.
Coa tortilla había sangría para xantar, a verdade é que esta estaba suave e boa, polo cal todos colleron un pouco cagallón, pero nada grave.
Pola tarde eu tiven que ir ao centro, que tiña que cobrar os cartos de meu pai e preguntar uns temas na oficina de turismo. Á volta ía xogar ao baloncesto, pero ao final fiquei na habitación porque non sabía quen ía estar alí, así que mellor aquí :-)
Pola noite cea comunal outra vez e despoies á festa que había no pub do campus, o Unithekle. Estiven alí até case as dúas da mañá, pero marchei porque a música non era boa e ademais, había uns cantos borrachos que se dedicaban a bailar coma tolos nas cancións de rock, que non me gustaban nada. Eu facía iso tamén, pero cando tiña 15 anos...

Hoxe día de aburrimento

Hoxe tamén me erguín tarde. Estiven na Internet toda a mañá e ao mediodía fixen de xantar unha lata de Gulasch que mercara no Kaufland, pero non paga a pena. Non está tan bo coma eu agardaba, é dicir, non era o Fatâl de Budapest. Despois tomamos un café cos fineses. Ás cinco da tarde fun facer a compra con Johanna, que me explicou o normal que era en Finlandia que os xoves vivisen fóra da casa, xa independentes. Merquei cousas para facer tortillas de pataca, incluido un raiador de 5€ que agardo que me dure máis de dúas, non coma o de Cristian. Isto último merqueino no centro, no Colloseum. Despois ceei uns chícharos con xamón e un pouco en internet antes de ir para a cama.

Ikea e paseo pola tarde

Antonte pola mañá, fomos a Ikea, porque eu precisaba devolver algunhas cousas que mercara de máis. Polo menos, o que devolvín foron 20€, pero se merquei outra vez 24€, pois non gañei moito, pero polo menos todas as cousas que merquei agora, son "útiles", que algunhas tampouco, pero quedan moi ben, coma por exemplo, unha pequena alfombra para pór ao lado da cama, por 1,50€, ou un paquete de candeas que cheiran ben, para que a habitación arrecenda. Tamén atopei nunha tenda de Sindelfingen, unha bandeira do Stuttgart a 4€ bastante grande, así que non o dubidei e merqueina. A fulana dicía que era do mesmo tamaño ca outra que tiña alí, pero eu sabía que era meirande, así que lle dixen que a abrise, e cando a vin decidínme a levala. Creo que a fulana estaba trabucada co prezo, porque ao saber que a levaba, non puxo moi boa cara, pero a culpa non é miña.
Pola tarde, Eloi e máis eu, fomos o centro a facer algunhas cousas, coma por exemplo, mirar os cursos de idiomas. Creo que me vou a apuntar a Portugués, a ver se polo menos, podo entrar en segundo ao chegar a Coruña. Tamén hai outros sobre alemán, ou cultura alemana. Para apuntarme a portugués, precisaba o número de matrícula, e tíñao no Studienausweis, pero non o sabía, así que tivemos que voltar onte outra vez. Tamén merquei algo no centro coma, un batidor e un raiador de ovo, que valían 5€ cada un, e son máis malos cá fame, pero para o que os vou usar, ben chegan. Tamén merquei unha radio dun €, para escoitar emisoras alemanas na miña habitación, que senón teño só música da que trouxen.

Bowling für Stuttgart

Bowling für Stuttgart

Onte pola mañá fun non saín da casa até as dúas da tarde, que foi cando fun xantar con Jero uns champiñons frescos, cun pouco de cenoria, cebola e carne pasados pola tixola, de postre, uns morangos cun chisco de azucre por enriba. A verdade, é que estaba todo caralludo.
Despois pola tarde fun con Jero, xa que el, ao igual ca Eloi, tamén quería trocar os seus altofalantes. Eu despois de oílos, tamén quero trocalos, pero non atopo o ticket de compra, así que me terei que foder. Pasei pola oficina de turismo para informarme sobre o transporte para cando veña Laura, que xa falta só unha semana :-))))) Apunteime ao curso de portugués. O xeito de facelo era escribir unha tarxeta e metela nunha caixa, pero eu esquecín pór o número de matrícula, co cal escribín a tarxeta dúas veces, incluida a observación de que "por ser galego quizais sexa mellor que entre en segundo, xa o que é falar algo de portugués xa sei, pero non teño idea de escribilo".
Despois á noitiña, fomos co buddy de Jero, a xogar aos bolos. Non tiña nin puta idea, porque na primeira partida fiquei derradeiro, pero na segunda, non sei se foi a cervexa ou que, pero gañei, iso si, non fixen 300 puntos coma Homer. Creo que se eu teño algún deporte ao que lle pegue ben, son os bolos :-) A verdade é o Buddy de Jero e os seus amigos, son moi simpáticos e tamén podes exercitar o alemán con eles, que de tanto estar con españois, falo moi pouco. Polo menos, Jero e mais Eloi teñen xa casa en Munich para ir cando queiran, cousa que non me gustou, porque non fai falla que cho restreguen pola cara, tal coma eles fixeron. Pero o dito, xente moi simpática, que louvaron o noso alemán, dicindo que estaba moi ben, que podían entender todo o que queriamos dicir, é dicir, que podiamos expresarnos. Incluso, un quedeou abraiado cunha frase moi sinxela que fixen. Preguntoume se a vira por aí ou se a formalara eu só. E cando lle dixen iso, díxome que sería tal coma unha alemán a diría. Fíxome ilusión, aínda que a frase fose unha merdiña pequena, sen sequera unha frase subordinada... :-)
Cada xogo eran 3€, e o aluguer dos zapatos 1,60€, o que fixo un total de 7,60€ maís as cervexas, pero coma pasei un bo rato, non me importa. Non sei que carallo pasou, que alguén pagou mal, e sobraron 5€, así que mercaron uns xelados para todos e unhas gominolas, co cal matamos un pouco a gran fame que tiñamos. Despois ceamos algo rápido na miña cociña.

Bad Wimpfen

Bad Wimpfen

Hoxe tiñamos excursión a Bad Wimpfen e ao castelo de Burg Guttenberg. Désirée case non chega ao autobús, pero ao final marchamos todos sen problema.
Chegamos cedo, a verdade. O castelo, era un castelo, non un palacio, que daba a casualidade que era privado e pertencía a unha familia que viviu alí dende unha porrada de anos. De feito, non me lembro que xeración era, pero a 17 ou a 70, non me lembro ben. O que nos fixo o Tour foi o dono do castelo. Moi chulo a verdade e con moitas curiosidades, coma por exemplo que Carlos V de Alemaña (e primeiro de España), veu aquí a pórlles as pilas por se faceren protestantes, pero non o conseguiu e houbo unha guerra. Tamén tiñan unha réplica dunha Biblia de Guttenberg e outras moitas cousas interesantes. A verdade é que tiña que ser un fulano de moitos cartos. Unha das curiosidades é que tiñan alí paxaros, sobre todo, boitres e mouchos. Era impresionante ver dende enriba da torre, como un home levaba de paseo un deles atado cunha correa coma se fose un can :-)
Despois fomos a xantar a un restaurante, onde tardaron media hora máis cós demais en traernos o xantar, non sei por que. Pero polo menos, estaba bo, pasta sueva con carne de porco e champiñóns.
Despois leváronnos a Bad Wimpfen, que é unha cidade pequena (as que se salvaron dos bombardeos dos americanos, que por certo, tentei convencer a un deles de pasarse á esquera, pero o intento foi completamente infructuoso). Pois outra cidade moi interesante cunha historia tremenda que non vou contar aquí porque non quero aburrir aos meus lectores. A verdade é que tampouco entendín máis do 40% posto que ao final collemos o guía en alemán. Aínda así, entendíaselle bastante ben. Pois iso, que é unha cidade que está ao lado do Neckar, que é un río que tamén pasa por Stuttgart que tiña unha grande importancia estratéxica, igual que o castelo Burg Guttenberg. Boas vistas, a verdade dende as torres tanto do castelo, coma da cidade. A paisaxe, lembrábame un pouco a Galiza, porque era moi verde, cando subiamos aos montes polas estradas estreitas, pero todo trocaba cando dende enriba das torres se miraban o río navegábel e grandes extensións chans.
Despois, no tempo de lecer, tomamos unhas copas de xelado, concretamente eu, un Wimpfener Becher, que era impresionante.
Á volta a casa a escoitar o partido do Deportivo, que coma sempre voltou empatar. Merda para eles.

Cumpreanos na casa

Hoxe pretendía ter durmido até as 15:00, pero non puido ser e erguínme antes.
Xantei e fomos facer a compra a Vaihingen. Quixen mercar unha máquina de pan que tiñan alí a 18€ pero cando a ía coller decateime de que estaba rota, así que a deixei onde estaba. Tamén merquei un tendedeiro.
Despois cea sa, un pouco de broccoli con patacas cocidas e un ovo, cun pouco de aceite de oliva e por consello deles esmigallado, coma puré. A verdade é que estaba moi bo.
E agora na cociña hai unha festa gastronómica que non me vai deixar durmir :-( , pero podo dicir que a comida vietnamita, o pouco que puiden probar, é boa :-)

Zum Geburstag viel Glück!

Zum Geburstag viel Glück!

Hoxe pola mañá, tivemos clase coma todos os días, pero só até as 11 da mañá. Déronme as notas dos exames, que ao final foron un 1.3 en gramática, un 1.7 en redacción e un triste 3 en compresión oral, pero de todos é sabido o meu porblema para entender os idiomas estranxeiros.
Despois o portugués-americano invitounos a min e máis a Désirée (os demais ían mercarme o agasallo de cumpreanos) a xantar algo que el mercara. Resulta que era un queixo curado (que non me gusta) e un chourizo con pan, e algúns morangos que a verdade é que estaban caralludos. E mentres xantabamos isto vimos unha película que se chama "Barcelona", que trata sobre dous americanos que van a Barcelona e non entenden o problema que hai coa OTAN aquí, que a xente está en contra e iso. Divertida.
Pola tarde fun a mercar algo para a festa de cumpreanos que tiña que preparar. Como me pediron 25€ por unha tarta, decidín mercar no súper uns cantos pasteis. Para beber, merquei catro litros de viño "Lorenzo" e catro litros de medio de CocaCola, xunto cun pouco de zume de cereixa para facer un bo kalimotxo. A min non me gusta, pero aos demais si. A verdade é que a xente pasaouno ben. Eu tamén, pero boitei moito de menos a todos os meus amigos, que estades aí na patria e sobre todo ó meu pai, e á persoa máis especial que hai na miña vida e pola que cada día me é máis difícil ficar aquí, pero que por sorte, xa vén en 11 días :-) De agasallos, o primeiro e máis especial, porque viña da patria, era unha pequena chapa que levo posta na foto, que pon "Non son o típico friki". Por suposto que non son o típico friki, son un moito mellor ;-) Os de aquí déronme unha camisola da DDR (Deutsche Demokratische Republik), é dicir, da Alemaña comunista, que tamén levo na foto, xunto cunha espada láser caralluda (que por suposto levarei á estrea do Episodio III) e un póster do mestre dos mestres, Yoda, no que na parte traseira me firmaron todos. Foi todo xenial, agás pola xente que faltaba :-(
Despois fomos a unha discoteca, onde (agora voume por un pouco escatolóxico) puiden cagar. Totalmente incríbel para min facer isto nunca discoteca. Os baños estaban limpos e non só isto, senón que ademais, tiñan papel! De todos os xeitos estivo ben. Valeu 5€, pero era de calidade, con dúas pistas (e papel no baño ;-) ) e non moita xente. Non pedín nada, pero na barra non había que agardar 5 minutos a que che venderan unha triste cervexa...

Exame de alemán

Exame de alemán

Hoxe tiven o exame de alemán. Primeiro o de gramática. A verdade é que me resultou bastante máis doado que o anterior. Puiden copiar algunha que outra preposición (que son coma en inglés, pero aparte, hai que memorizar tamén o caso no que hai que pór o complemento da preposición) e tamén me avisaron dalgunha cousa que estaba poñendo en singular e tiña que ser en plural. A verdade é que todo o mundo copiou de todo o mundo :-) .
Despois veu a proba de audición, o Hörverständnis ("Listening"). Coma sempre, esta fatal. Por último a redacción. Tiña que escribirlle unha carta a alguén contándolle como me ía aquí en Stuttgart. Por suposto, a persoa escollida foi Laura a quen lle contei todo o que me ocorrera até este momento e o que pensaba facer. Creo que se vai a rir un pouco a profesora cando lea "Ich vermisse dich sehr" (bótote de menos) e outras cousas simpáticas que escribín.
Ao rematar, a fulana estaba corrixindo o meu exame de gramática e pregunteille se podía ver. Como me dixo que si, vin como me corrixía e tiven algunha pregunta perfecta. Díxome que polo menos ía ter un 2 ou quizais un 1, que é o mellor :-) . Pero seguro que a cago no Hörverständnis :-(
Despois pola tarde fun a trocar outra vez os altofalantes. Estes últimos que tiven non tiñan os baixos bos, e cando os oía, parecía que oía a Mosky dicirme: "Ves? Non me fixeches caso... Ves como se notan uns poucos Hz nos graves?" Así que voltei a mercar uns Logitech, pero esta vez cun subwoofer con volume regulábel.
E por fin limpei a habitación!
Despois axudei a Désirée a configurar o seu Direct Connect. A verdade é que en persoa é simpática, pero non sei por que, por MSN vólvese insoportábel, non fai caso ao que lle digo e ao final tiven que ir á súa habitación a configurarllo, pero todo foi ben.
Ao rematar quedamos uns cantos españois para cear (coma se pode ver na foto) e tomar unha cervexa, pero ao erguermonos todos tan cedo, ao final voltamos para casa a durmir.

Hoxe mércores estudar para o exame

Pois iso, que despois das clases tan cansas que tiven, por ter durmido pouco a noite anterior, fomos a xantar ao mensa coma sempre, para despois marchar para casa. Estiven falando un pouco con Marcin o polaco, que acababa de chegar de Polonia para o exame de alemán.
Pois iso, que botei unha sesta para poder estudar despois con máis forzas até as 6 da tarde. Lin o correo, estudei, ceei, mentres escoitaba Zapping (Yessss) e despois a estudar outro pouco mentres falaba con Laura.
Tamén falei con Alex, o meu veciño alemán que traballa en IBM. Pediume unha especie de curriculum non oficial, é dicir, que puxese o que sabía facer, onde por suposto falei do tema de Igalia e de Fisterra. Ao mellor fan unha subcontrata... iso si que sería mellor que outros que eu sei. Tamén falamos sobre Matrix, Star Wars, e por suposto quedamos para ir vela o día 9 de maio.

Mercedes Museum

Mercedes Museum

Hoxe erguínme media hora máis tarde porque non tiñamos clase de alemán, senón que iamos ao museo de Mercedes e ademáis, atopámonos coa mestra en Hauptbahnhof, que é máis doado para chegar que as clases.
Collemos o S-Bahn até a parada de Gottlieb-Daimler Stadion a onde tamén teremos que ir para ver o fútbol. Collemos o bus para o museo, que estaba preto e chegamos. A vantaxe, é que é completamente de balde, incluida a audioguía en español. A verdade é que o museo está xenial, e aparte de ter o coche de Raikonen de verdade, teñen unha réplica onde te podes montar, coma se pode ver no gráfico.
Merquei un coche deses de colección que me gustan e collín libros para Carlos e para Miguel, que si saben apreciar os bos coches ;-) Quen queira algún libriño que o diga, que levarei a Laura a velo e non haberá problema por coller máis.
Despois fomos á torre da televisión coa miña liña de metro favorita, que ten a vía un pouco máis estreita e os trens son máis vellos e que por suposto, ten unha vista bastante mellor cás outras, dende onde se pode ver toda a cidade. Non puxen ningunha foto disto porque xa tedes unha bastante semellante un pouco máis abaixo. Está ben, pero hoxe había unha pouca néboa e ademais tiñamos tamén frío, por iso marchamos cedo.
Xantamos Cristian e máis eu unhas ás de polo con tomate e patacas frixidas que nos saíron xenial.
Despois fomos facer a compra a Vaihingen, que tocaba pola noite facer tortilla de patacas, onde aparte diso, merquei unha pranta para a habitación. Na etiqueta pon Minze e ten pinta de ser menta. A ver se me deixa un bo cheiro na habitación...
Ao voltar fun falar cun fulano polo do proxecto e teño que dicir que son educadísimos, pero bordes coma eles sós. Preguntoume por WSDL, ao cal lle respondín que sabía o que era e algo vira, pero que cando o tivera que usar, foi xerado por unha ferramenta a partir dunha clase Java. Tamén me preguntou polo protocolo que por suposto non coñezo en profundidade. Tamén se extrañou cando lle dixen que non collera ningunha clase alí e preguntoume outra vez cal era a miña especialidade, ao que tampouco lle souben responder ben, co cal amabelmente me dixo que non podía ser. Sen darme oportunidade de preguntarlle polo outro proxecto, que ía sobre Bases de Datos, polo cal lle escribín un mail despois vendéndome un pouco e facendo publicidade, por suposto de Igalia e Fisterra. Tamén lle falei sobre a práctica de IS, sobre as bases de datos que coñecía, etc. A verdade, se non me quixese coller para iso, sentaríame bastante mal, porque creo que teño coñecementos de sobra sobre o tema como para facer a implementación dunha interface coa base de datos dunha máquina de estados...
Despois pola noitiña, xa a cociñar as tortillas, que nos saíron un pouco amorfas, pero moi saborosas, así pouco feitiñas...
Aos alemáns gustáronlle moito, sobre todo a Klaus, que aproveitando que o pai se dedica á cata de viños, nos trouxo algunha botella para beber durante a cea, aparte do xelado, claro. Tamén aproveitei para comentarlle a Beni o tema dos suevos, de cando viñeron a Galiza, ao cal me respostou que eu tamén era un pouco suevo :-) Tamén comentaron diversas peculiaridades sobre os cataláns, por exemplo, que eran un pouco agarrados e sobre os galegos, contaron que sempre respostabamos ás preguntas con outra pregunta, cousa que non tiven problema en pór en práctica. Como mostra diso, un chiste: "por que os galegos sempre respostades a unha pregunta con outra?" e di o galego "por que non?" :-)
Ala, xa chega por hoxe, que mañá teño que erguerme cedo para ir a clase e ademais, toca estudar para o exame do xoves."

Ikea

Hoxe pola mañá, fixemos o Konjunktiv 1, que é unha especie de subxuntivo que só se usa no estilo indirecto que case só se usa nos xornais. Pois resulta que por exemplo o do verbo kommen é: (ich komme), du kommest, er komme, (wir kommen), ihr kommet, (sie kommen). Pero dá a casualidade que cando a forma coincide co presente de indicativo, nunha frase, ha de substituirse polo Konjunktiv 2, co que teriamos, a efectos prácticos o seguinte: ich käm, du kommest, er komme, wir kämen, ihr kommet, sie kämen. Pois por que carallo as táboas dos verbos non están sempre así, xa que é totalmente imposíbel usar esas formas, é dicir, totalmente incorrecto. Hai formas verbais que apenas se usan en galego ou castelán, pero que si nalgún caso moi raro se poderían dar. Neste caso é totalmente imposíbel, según dixo a profesora, polo cal, por que carallo non poñen directamente a segunda forma e xa din que é o Konjunktiv 1 así? Non o entendo. Aínda que mellor para mín, porque se no exame me preguntan só a conxugación, pero todo o dereito de escribir as formas que non se usan. Alá eles.
Xantamos en Vaihingen e despois, Cristian e mais eu fomos a Ikea, onde por suposto tiven un ataque consumista de 44€. Merquei un mantel para xantar na habitación, dúas cuncas, cubertos, papeleiras... Tamén collín moitos lapis que eran de balde, así coma oito. De todos os xeitos, mañá volto porque me quedou a cousa máis importante por mercar, que é unha especie de sillón por 25€, que vai ser a bomba. É un pouco unha parvada, pero cando marche lévoo ao mercadiño e véndoo, que seguro que non hai problema. Sobre as cousas que vou devolver, pois son, unha almofada, que por un erro collín a máis cara, un reloxo para a habitación que non preciso, un recipiente para os cubertos, que tampouco preciso, unha cesta para a roupa suxa, pero que tampouco preciso, porque a bolsa de Ikea é suficiente e un flexo, que tampouco preciso. Se precisar algo disto, xa o podería mercar máis tarde.
Nada, mañá visitamos o museo de Mercedes, así que me vou deitar.

Ludwigsburg

Ludwigsburg

Hoxe erguirme cedo (10:00) para ir a Ludwigsburg. Non nos fixo falta mercar billete porque se podía chegar en S-Bahn, e agora que temos a tarxeta para toda a rede... había que usala.
Chegamos e comezamos a andar cara o castelo. Chegamos a unha praza moi chula onde había dúas igrexas, unha delas ortodoxa. Decateime cando entrei e oín ao fulano cantar en grego e facer a misa de costas.
Despois fomos ao castelo que ten esta pinta. Por dentro era bastante chulo. Foi construido polo Conde Friedrich (creo que se escribe así), que despois foi nomeado Rei por Napoleón. O fulano medía 2 metros e pesaba 200 kg.
Fóra había uns xardíns, que son os que se ven na foto e polos que había que pagar 3,30€, así que pasamos e fómonos deitar á herba que había xusto fronte a isto. Isto foi despois de xantar un Kebap, pero que non estaba tan bo coma os do Anatolien de Stuttgart.
Despois xa voltamos cara casa. Na estación eles quixeron meterse nun rexional, pero eu non sabía se coa nosa tarxeta podiamos pasar gratis, así que Désirée e mais eu decidimos agardar ao seguinte S-Bahn cara Schwabstraße, que chegou 3 minutos despois :-)
Ao final chegamos ao mesmo tempo e puiden escoitar case toda a segunda parte do partido do Depor (FORZA DEPOR) e ver como Alonso fora gañador outra vez (Forza Alonso!).

As escaleiras

As escaleiras

Hoxe á mañá fíxenme pasar por Cristian para ira á excursión das escaleiras na que só había 20 prazas, porque era a andar pola cidade. Pasamos pos sitios moi chulos, entre eles o mercado de segunda man onde había unha moza que me pedía 0,50€ por un raiador de ovo e outro que por un soldadiño de chumbo 18€. Rematamos arriba de todo dun monte onde había unhas vistas caralludas da cidade. Laura terá a oportunidade de velas en tan só 18 días!
Despois xantamos Kebap e fixemos algo de compra. Os fineses mercaron algo para a cea que nos fixeron á noite, que consistiu en puré de patacas con carne de reno (si, o de Papá Noel) e un pouquiño de marmelada de morango. A verdade é que estaba caralludo, sobre todo a tarta que veu despois...
Despois estiven tentando arranxar o Skype dunha das finesas, pero o programa morría cun erro fatal de que non podía conectar. Despois din que Windows é sinxelo, pois eu nin puta idea :-) Quizais sexa un problema da nova versión de Skype, porque lle quitei todos os firewalls, pero é unha cousa moi rara.
Pois nada, déitome, que mañá temos viaxe a Ludwigsburg.

Cumpreanos de Huseyin

Cumpreanos de Huseyin

Hoxe pola mañá toucou felicitar a Huseyin, porque está de cumpreanos, de todos os xeitos a min tocarame a semana que vén. Fomos coma sempre xantar ao centro. Como non había nada mellor, collín calamares á romana, pero estaban de verdade, noxentos. Menos mal que quedara Strudel de onte e puiden quitar o mal sabor. Despois tomamos un café na miña cociña.
Ás catro e media fomos a Vaihingen a devolver os altofalantes, porque hoxe puxen unha canción de Green Day e co subwoofer non había xeito de oír outra cousa que non fosen os baixos. Coma os outros que mirara estaban alí 2€ máis caros voltei para a facultade e falei con Herr Dalalakis, un grego simpático que tiña un par de proxectos interesantes, pero coma el mesmo dixo, sind weggeflogen, ou o que é o mesmo, que voaron. Tentei falar tamén con Herr Laymann, pero estaba con xente, así que decidín darlle de marxe o tempo que me levaba ir até o centro a mercar os outros altofalantes, pero ao voltar xa estaba todo pechado :-( Quizais estivese dentro, pero non puiden entrar.
Cando fun mercalos outros altofalantes pareceume oír a Mosky na miña cabeza dicindo: qué fas! que eses só chegan nos baixos até os 55Hz e os outros poden até 40Hz! Pero merqueinos igual, o cal me está facendo pensar en devolvelos, porque ao probalos na casa, non é o mesmo.
Pola noite, festa de Huseyin, coma se pode observar na foto, co seu agasallo de cumpreanos. Aparte diso, mercámoslle un álbum de fotos para que poida pólas todas aí, a el que tanto lle gusta a fotografia onde tamén lle escribimos unhas dedicatorias.
Tentamos ir ao centro, pero perdemos o S-Bahn, así que de tanto agardar na parada do bus entroume o sono e voltei para casa, que mañá tamén me teño que erguer cedo, por mor da excursión que teño pola cidade, onde poderei ver cousas interesantes para cando veña a persoa que máis quero no mundo, poderllas ensinar. Xa só faltan 19 días!

Na busca de proxectos

Pois resulta que onte foi un día coma outro calquera, con clase pola mañá cedo e despois a xantar á Mensa do centro da cidade.
Pola tarde acompañei un pouco aos cataláns, xa que había un que quería mercar outros altofalantes, e a Désirée que buscaba un cable de rede para conectarse a Internet na habitación, que ó final se decidiu. Constatamos os distintos prezos nas diferentes tendas do centro e tamén conseguín de balde un mapa do meu Bundesland, que como deberiades saber, se chama Baden-Württenberg para poñer na parece. Teño que conseguir tamén un mapa de Galiza para colocar aquí tamén e a miña bandeira galega, que amabelmente me traerá Laura cando veña a verme ;-)
Ao chegar ao campus fun á facultade a ver se mendigaba algún proxecto. Fun a falar cos de linguaxes e propuxéronme uns Diplomaarbeit no proxecto Bauhaus, que trata de analisar programas legacy e ver que posíbeis problemas hai, para diferentes linguaxes, que utiliza unha linguaxe intermedia. Os posíbeis traballos serían facer o front-end para Fortran, traballar na análise de punteiros, que parece ser que é algo non demasiado doado, xa que hai múltiples solucións e ningunha óptima ou traballar en algo que el chamou clons de código no que podes trocar uns cachos por outros e así.
De todos os xeitos o máis interesante, foi pola noite cando falei con Alex, o meu veciño, que traballa en IBM e pregunteille se sería posíbel facer alí o proxecto. Díxome que si, que ía falar co seu xefe e que xa me contaría. Esta sería unha boa idea, porque aparte de ser IBM, tamén se gañan cartos!

Altofalantes e nota do exame.

Hoxe déronme a nota do exame de alemán que fixera hai unha semana e pico. Pois tiven un 3 sobre 5 (1 o mellor e 5 o peor, apróbase con 4), pero fiquei a 1,5 puntos sobre 60 do 2 :-( . En comprensión de texto tiven un 1 ou un 2 e en comprensión oral un 3. Creo que estou máis ca satisfeito, porque para ter estudado media hora, está basante ben, sobre todo se livese lido algo máis das preposicións, por exemplo...
Pola tarde fun facer un pouco de compra, das cousas que esquecera onte, e tamén para mercar un tendedeiro para a roupa para min e para Jero, pero ao final decidimos agardar ata ir a Ikea, por se atopamos outro alí máis barato.
De paso pasamos polo Media Mark (antes de ir ao súper) porque Jero quería ver uns altofalantes. Estivemos alí bastante rato con Simo, un mozo finés. Comparamos prezos e calidade (podíanse acender cuns botóns) vimos uns que 2.1 Logitech estaban de Angebot (oferta). A verdade é que nos mosqueou porque enchufamos o walkman de Jero, que é co que os ía usar, pero non tiña tanta potencia coma a música que tiñan na tenda para probar. De todos os xeitos pensamos que quizais puidese ser que as pilas estaban un pouco gastadas e quizais ao enchufalo aos catro voltios de medio do transformador fose outra cousa, pero ao chegar aquí nada, no foi ben. Polo cal, en canto eu os probei no meu portátil, que van xenial xa llos mercou ao momento Cristian, que ten o mesmo portátil ca min, e agora tamén os mesmos altofalantes :-) Merquei tamén un tambor de 50 CDs Sony por 8,99€.
Ao facer abaixo a compra no Kaufland, cando saïamos, vimos que os mesmos CDs que mercada valían alí 5,99€, pero os mesmísimos, co cal fun arriba devolver os outros e merquei os de abaixo. :-)
E por hoxe nada máis, que mañá tamén me ergo moi cedo.

Stuttgart! Stuttgart!

Hoxe clase outra vez con Frau Andreaedou (de pais gregos, así que moi simpática), que polo menos, pon poucos deberes :-) Aínda que quizais me viña mellor ter máis porque así traballaba un pouco máis, que parece que ultimamente o alemán me vai a peor. É coma se me costase máis expresarme, non sei...
Despois a xantar á Mensa do centro. Si que fomos hoxe moitos, así coma 18 persoas que estamos nos diferentes niveis do curso de alemán. E despois a mercar as entradas para o VfB Stuttgart - Hannover 96, que a pesar de que o Hannover está no posto 10, semella que vai estar cheo. Mercamos unhas prazas sentados que nos custaron 14,68€ co prezo de estudante. Eles querían que collesemos unha praza para estar de pé (si, na Bundesliga está permitido) que valía só 10,65€ fronte aos 18 e pico que era esta, pero cando fomos coller a entrada a fulana preguntounos se eramos estudantes. Ao decatármonos, preguntamos o prezo a entrada de praza con asento co desconto de estudante e eran 14,68€, co que ao final nos decidimos por esa. Tremenda entrada de grande...
Despois de mercar as entradas metémonos na boca o S-Bahn en Hauptbahnhof, onde vimos unha farmacia. Alá imos nós. Resulta que o xa non teño aos alemáns en tan alta estima coma antes de vir para aquí, porque as rúas do campus non están tan limpas coma eu agardaba e rouban nas cociñas. A min xa me voou un prato e aos meus colegas roubáronlle iogures, pizzas, etc. Aínda que o máis probábel sexa que precisamente os que rouban non sexan alemáns... Por esa razón fomos á farmacia, para mercar laxante. A fulana deunos o máis forte que tiña, pero era en supositorios, así que non nos servía. Deunos outro líquido, pero tamén era para meter polo cu. Ao final preguntounos para que era, porque nós lle insistiamos en que fose o máis rápido posíbel, e nós contámoslle a verdade e a fulana escarallouse coa risa, tanto ela coma a clienta que había ao lado :-) Ao final mercamos un por vía oral (obviamente, aínda que aos meus colegas lle daba o mesmo, pero eu tiña medo a que realmente lles pase algo moi chungo por inxerir algo que se debería meter polo cu) e unha xiringa con agulla para poder metelo ben no iogur máis apetitoso que atopamos despois no supermercado. O fulanos que nos roube vaise cagar, e ademais, literalmente ;-)
Ala, pois por hoxe xa chega, que mañá outra vez clase ás 6:45 :-(