Blogia

Calvaris in Deutschland

Depor - Barça

Depor - Barça

Pois o día 16 foi o meu primeiro partido en Riazon despois da miña volta. Non sei como puideron pasar de repente os goles do Barça, de feito, si o sei, por suposto culpa do arbitro e proba delo é o penalty máis ca dubidoso que pitou, pero é o que hai cando se xoga contra estes equipos...

 

O que tamei foi interesante foi esa remontada que comezou con ese golazo de Munitis e que Valdés aínda non sabe por onde lle entrou. En fin partidazo. 

Migración

Segundo o título deste weblog, xa non ten sentido que o siga a manter, así que cando teña a ADSL que agardo de Jazztel supoño que instalarei unha Debian limpiña e estábel e porei tamén un weblog propio. Namentres, subsistirei con este.

A miña moto

A miña moto

Pois xa antes de chegar tiña ganas de mercar unha moto nova e ao falar con Miguel comentoume que a mellor opción era mercar unha de 125 en vez dunha de 50 polas seguintes vantaxes:


  • É un motor de 4 tempos

  • Consume menos

  • Menos problemas

  • Ten dúas prazas legais, co que podo levar a Laura legalmente

  • Andan máis

  • Non son moito máis caras cás de 50



E despois mirar algunha Daelim que andaba polos 2000€, Miguel comentoume a posibilidade da Kymco Activ 125, que era bastante barata, aínda que tiña marchas, que non me fai moita graza, pero que terei que aturar por mor do baixo prezo. En principio eran 1399€ máis matriculación, pero viña con seguro gratis (pagado polo fabricante) o primeiro ano, así que non había dúbida.

Despois de varias negociacións con AC Medin e Z Center conseguín que os de AC Medín non puidesen mellorar a oferta de Z Center, así que os elixidos foron estes últimos.

O que fixen foi deixar falar ao fulano de Z Center que xa de primeiras me rebaixou a matriculación e me daba un casco de agasallo. Neste intre tiña a moto por 1399€, así que lle dixen que me daban o mesmo en AC Medín e que eles me regalaban a maleta para atrás, que a mercaba alí. Así que fulano pensouno e díxome que OK

Os de AC Medín dixéronme simplemente que non podían igualar a oferta e que se ma daban tan barata era porque se querían desfacer dela, porque non a darían vendido e que tivese moito coidado co mecánico arxentino que tiñan en Z Center, que era fatal e que non tiña problema en facer as revisións con eles e que a garantía tamén me valía con eles, así que seguramente lle farei as revisións en AC Medín tras "constatar" a "arxentinidade" do mecánico da competencia.

O que conseguín á fin foi o seguinte.


  • Kymco Activ 125

  • Por 1399€

  • Matriculación gratis

  • Seguro por 265€ e gratis o primeiro ano

  • Casco para Laura

  • Maleta traseira



A moto, a verdade é fea como pegar a un pai, pero é barata, consume pouco e podo levar a Laura, así que meta conseguida. Chamei hoxe e danma o luns (Miguel, xa quedaremos para ir recollela), que hoxe marcho a Marín e por suposto, xa está paga.

O que eu son

Fixen estes tres tests, para saber que programa P2P son, que personaxe de ficción e que parte do ordenador e os resultados son os seguintes:

winmxmordisquitosintel

En A Coruña

En A Coruña

Xa cheguei tamén á Coruña onde me agardou unha boa cea en La Mamma. Como tiña bastante fame, pois comín dous pratos e o postre de sempre, a tarta Toscanela. Por suposto pasei un bo tempo cos amigos cos que xa había bastante que non estaba e aos que xa botaba de menos, en especial a Laura, á que xa vira en Alemaña, pero sen a cal se me fai imposíbel vivir.

Despois fomos entramos no bar cubano que hai preto de alí onde nos invitaron a un chupito moi bo e escapamos a correr porque non había ninguén e non faciamos nada. Como saímos xa tarde, tentamos ir ao Orzán, onde sentamos nun destes bares de corte céltico. Cando eu xa morría co sono (non teño jetlag, pero non estou aínda afeito a este horario), marchamos.

Fixen algún papeleo, cortei o pelo e tentei matrícularme na EOI, nun curso que me fixese xustiza, pero non recoñeceron o meu diploma da Uni Stuttgart, así que me teño que matricular en segundo outra vez, a pesar de facer alá terceiro e rematar todo o proxecto en alemán. Aínda teño que facer moitos máis papeleos, pero tampouco teño moito máis que facer, así que pouco a pouco.

Fun recoller tamén o luns ao noso hamster Breogán, mercarlle unha gaiola e toda a pesca que semella terme un pouco de medo, porque como estou un pouco emocionado, trato de collelo cando está a durmir na casiña... Terei que afacerme aos seus horarios tamén. Xa informarei algo máis extenso sobre el.

Onte fixen con Carlos e Miguel a cea na nosa casa, por suposto, cunha fondue de carne, despois unha boa queimada e tiña que haber unha boa fumada de pipa, pero non puido ser porque aínda non me chegou a caixa que enviei dende alá, coa pipa, máquina de pan e moitas máis cousas. Botamos tamén unha partida de monopoli que non puidemos rematar porque eu morría co sono.

E noutra orde de cousas, supoño que migrarei de weblog, porque este estaba pensado para a miña estancia en Alemaña, que xa rematou, así que cando troque o weblog avisarei aquí coa nova dirección.

10 cosas que debería saber sobre el mundo de la informática

10 cosas que debería saber sobre el mundo de la informática

Na casa

Na casa

Pois nada, efusiva aperta con meu pai e xa a desfacer as maletas, menos a de man, que só ten cousas para levar a A Coruña. Despois fíxome un par das súas míticas tortillas de patacas e despois amoseille TODAS as fotos, así que despois xa non houbo tempo de máis e deitámonos.

Esta mañá erguinme cedo por me trabucar co espertador e púxenme a ver as canles de R, que puxo meu pai. Ao chegar fomos a facer o seguro do coche, que xa puxemos ao meu nome para ir collendo bonificación, pero resulta que esquecera levar o carné de conducir, así que tiven que voltar a casa, pero non o atopei, e despois falando con Carlos por teléfono, descubrín que tiña en A Coruña cos papeis do Vespino, que anuncio que vou vender para mercar unha Scooter nova. Ao saír, xa con seguro, aínda que lle teño que enviar a fotocopia por fax, marchei a dar unha volta ás praias e a pegarme un pequeno baño, coma se pode comprobar na foto. A auga está fría e tampouco había moita calor, pero aínda así estiven un anaco deitado en Mogor. Despois lavei o coche e voltei para casa polo Campo, a Rúanova, Pardavila, onde comprobei o avance das obras da circunvalación a Marín. Ao chegar atopei a Villanueva, un colega meu co que estiven máis de media hora a falar no meu portal.

Despois de seleccionar as fotos para non aburrir ao persoal dispúxenme a baixar, pero ninguén podía así que fiquei na casa.

Viaxe de volta

Viaxe de volta

Alá me ergo ás 7:05 para evadir o espertador de Cristian, que ten de melodía o Cara al Sol, por suposto para apagala canto antes e erguerse rápido, pero conseguín evadilo :-) Ducheime e metín todo nas maletas.

Saímos cara alá Cristian e despois alcanzounos Juanga. Semella que a Juampi se lle pegaron as sabas e non puido vir. Collemos o S-Bahn en dirección ao aeroporto e dispúxenme a facturar.

O carallo foi que me mandaron pesar as duas maletas e tamén o que levaba de man! Pesaba todo 40 quilos, estando o límite en 20... Comentáronme que eran 126€, un 50% máis cá pasaxe! Mandáronme a outro mostrador a pagar ou negociar. O fulano díxome que me rebaixaban 5 quilos, pero que tiña que pagar o resto, que seguía sendo aínda máis de 100€. Discutín un pouco con el e despois Cristian e Juanga comentáronme a xogada final :-)

Sacamos alí diante dos fulanos unha chea de cousas que me terían que enviar hipoteticamente por correo, pesámolo, e aínda que seguía pasando do peso, ao final deixáronme pasar. Ao recoller a tarxeta de embarque, saímos dalquela zona e voltei a meter todo na maleta.

Despedínme de Cristian e Juanga e montei no avión, coa sensación estraña do moito que deixaba atrás.

Cheguei a Barcelona e preguntei a que hora podía facturar con Spanair. Dixéronme que ao momento e aí o mandei todo, porque me estaba a imaxinar a escena de ter que ir ao baño con catro maletas... Non me puxeron ningún problema co peso esta vez.

Coma o Pans and Company non me convencía, preguntei onde podía comer e comentáronme que tiña que pasar á zona de embarque. Como me dixeron que non había problema para saír e voltar a entrar (quizais me viña a ver Jero ao aeroporto, pero ao final non puido ser), alá fun. Pitoume o aparello pola cremalleira e os zapatos, pero nada máis. Alí estaba todo carísimo, así que decidín ir xantar abaixo ao Pans... Pedín un bocata de xamón serrano con tomate untado no pan e unha ensalada, que viña con aceite de oliva Carbonell e que me soubo a gloria, todo.

Despois voltei a pasar á zona de embarque e quedei parvo a mirar os Simpson en A3, despois de 7 meses de sequía. Vin tamén o telediario, o cal que lembrou o moito que odio a prensa deste estado, despois de sete meses de descontaminación relativa, que lía os xornais.

Cheguei a Compostela e resulta que as miñas maletas chegaran noutro voo anterior, que facturei moi cedo e atopeime co deputado no congreso Francisco Rodríguez do BNG. Díxenlle que seguisen así a traballar polo país e preguntoume un par de cousas sobre o que fixera na viaxe, felicitoume e xa me atopei coa miña curmá Luisa, que me viñera a recoller.

A miña curmá entregoulle a meu pai a memoria do proxecto mentres eu agardaba no ascensor. Coma non tiña as gafas, non se decatou en que estaba escrito, así que saín e á fin na casa!

Papeleos e festa de despedida

Papeleos e festa de despedida

O mércores erguinme pouco antes das 10 para facer todos os trámites que precisaba para marchar do país. Posto que aproveitando unha visita ao supermercado, xa fixera o Abmeldung (desempadroamento no concello), só ficaba a exmatrikulation, a baixa consular, o contrato telefónico e o papel firmado polo coordinador conforme voltei para casa. Nesta orde fíxeno todo:

Para o tema da exmatrikulation, fun até o edificio de relacións internacionais onde me explicaron que só tiña que encher un formulario e conseguir o carimbo da biblioteca universitaria, conforme non tiña ningún libro en empréstito. Así o fixen e voltei a relacións internacionais onde concluin con este tema.

Despois collín o transporte público cara o Konsulat de España en Stuttgart para a baixa, na que enchín outro formulario e listo. A alta no consulado foi por mor das eleccións. Aproveitei para que me deran un sobre pequeno onde meter a carta de solicitude de cancelación do contrato do teléfono, que botei en Schloßplatz. Despois voltei ao campus para recoller a Cristian e xantarmos.

Pola tarde recollín as copias que deixara a encuadernar do proxecto e dei un paseo con Dominique para me despedir del, xa que tiñamos un chisco de tempo libre.

Despois voltei para casa de Cristian a comprobar o peso das maletas e empacar todo na caixa que tiña que enviar con Till. As maletas comprobei que levavan un sobrepeso duns catro quilos e a caixa non puiden pesar correctamente, porque non podía ver o display da pesa eran uns 31 quilos. Alá imos Till e máis eu coa caixa cara Ulmenstraße a entregalo a GLS para que mo enviasen a Igalia, xa que eles están sempre alí en horario de oficina (grazas, rapaces).

Ao chegarmos á oficina de GLS, que resultou ser unha tenda de informática, pero que tamén recibían os paquetes de GLS, pesaba todo 44 quilos! Así que non quedou máis remedio que abrir a caixa e tirar algunhas cousas, que tería que deixar ou que empaquetaría dalgún xeito na equipaxe de man, que non pasaba pola pesa. Saquei fariña para a máquina de pan, unha pota, uns pratos e unha táboa de cortar. Cando a fulana viu que pesaba menos dos 40 quilos voltei a meter a táboa dentro e pechamos a caixa, enchín o formulario e envieino.

Despois fixemos un pouco o parvo até que chegou a hora de cear, á que fun ao meu antigo edificio á festa que me tiñan preparada. Resulta que estaban a facer Spätzle a man, que o final ficaron caralludos. Ceamos e probamos toda a repostería que podedes ver na foto, firmáronme o meu caderno e marchei case entre bágoas para a casa de Cristian a deitarme para erguerme cedo e coller o voo.

Volksfest

Volksfest

Pois despois da presentación do proxecto, estiven un chisco a navegar por internet, que a saber o que fixo Cristian, pero a conexión ad-hoc, non funcionaba nada ben. E despois marchamos uns cantos a festexar o meu proxecto, proba diso é o que se ve na foto. Estivemos até non moi tarde, coma sempre por ser fin de semana e porque eu tamén me tiña que deitar cedo para facer o papeleo ao día seguinte.

Camiño a casa

Son as 7:30 da mañá do xoves 6 de outubro. Acabo de me duchar e xa teño todo empaquetado e preparado para saír. O único que fica é irmos cara o aeroporto, chorar un pouco para que me deixen pasar os 4 quilos de sobrepeso que levo e despedirme de toda a boa xente que coñecín aquí para voltar á patria.

Os sentimentos que teño agora son un pouco raros. Por suposto que estou a devecer por voltar a casa, pero teño a sensación de que me vou sentir estranxeiro no meu propio país despois de pasar tanto tempo fóra. Xa veremos en que remata todo isto...

O que tamén vou botar de menos é toda esa xente marabillosa que deixo aquí...

Meu pai non sabe que vou, así que a ver que me di.

Até agora!

Proxecto presentado!

Xa son un home ceibe, podo voltar para casa, agás claro por todo o papeleo que teño que facer mañá e que agardo ter tempo para todo.

A presentación foi ben, como é normal lieime un pouco coa lingua, pero foi ben en termos xerais. Agora á Volksfest a beber un par de litros de cervexa e a cantar cancións coma a que atopei aquí.

Presentación

Presentación

En pouco menos de dúas horas e media, comezarei a presentación do proxecto. Xa tomei as miñas drogas para estar tranquilo, o cal seguramente sexa imposíbel.

Onte estiven a practicar unhas cantas veces a presentación que en ningún intre conseguín baixar de media hora, até que chegou Mario, un veciño de Cristian, para escoitarme. Según me dixo, podíaseme entender perfectamente, aínda que por suposto metía a gamba de cando en cando coa lingua, mais o único que a min me importa é que se me entenda. Incluso dixo que entendía boa parte do tema que presentara. Por suposto, non todo, pero que entendera boa parte. Con el duroume 28 minutos. Debo dicir que teño 30, más 15 para preguntas.

Despois chegou Cristian e compaña, todos borrachos, aos que tamén lle fixen unha presentación, que sorprendentemente me levou só 20 minutos nun alemán, do que incluso eu me sorprendía, tamén con fallos, pero extremadamente fluido, o cal me serviu para tranquilizarme, así que agora non farei ningunha proba máis até a hora da presentación. Despois irei a casa para ver se podo pesar todo e ver o que teño que deixar forzosamente por se pasar de peso. O carallo é que non poderei recoller a báscula até despois de vir da Volksfest, o cal non me garante ningún estado de consciencia humana por mor dos 2 homologados litros de cervexa (é dicir, dúas xerras), que hai que beber neste tipo de eventos.

Un dos datos curiosos nas presentacións de aquí, é que o tribunal é só do departamento, iso é bo, pero non teñen a memoria con eles, iso é malo, porque en caso de teren preguntas, tería que respondérllelas e non tería ningunha oportunidade de dicirlles "Das haben sie dabei im Dokument", coma na FIC. Outra diferenza é o non ir de traxe, así que o que levarei será un pantalón e a camisola da Universität Stuttgart para facer un pouco a pelota... Semella tamén que vou ter compaña amiga, é dicir, Cristian e algunha xente que quizais veñan. Xa sabedes que sempre é mellor ter unha cara amiga que che diga cun pequeno sorriso de complicidade o ben que o estás a facer.

En fin, non podo dicir, que ás cinco da tarde son enxeñeiro (a falla das taxas) porque aínda me queda a simpática asignatura de Enxeñería do Software do señor Javier Andrade Garda, á que seguramente irei en decembro, en febreiro e se teño coma dixo Carmen a posibilidade de pagar o dereito a un terceiro exame, tamén en setembro, todo sexa por se acaso...

Proxecto

Supoño que xa lle vai interesando á xente como levo o tema este do proxecto. Pois podo dicir que xa está case todo rematado. Hoxe sábado por fin estiven con Dominique a traballar nas transparencias da presentación que xa están case listas, so fan falla os últimos retoques e a memoria tamén, da que só falla os retoques e escribir o resumo e os agradecementos en galego, e que tentarei deixar na biblioteca da FIC.

A presentación téñoa o día 4, así que practicarei un pouco o que teño que dicir e despois que sexa o que Deus queira...

Dous días despois, de volta na patria.

Sen teito

Síntome pobre. Onte teoricamente tiña que deixar ceibe xa a miña habitación, de feito erguínme "cedo" para empaquetar todo. Iso era, meter todo nas maletas, organizalo de tal xeito que teña que tocar só unha ou dúas delas. Separar o que van "herdar" os meus colegas que fican aquí e todo iso e sobre todo limpeza, para que o que chega novo á miña habitación atope unha habitación mellor da que atopara eu, que tiña moito po.

Cando fun pedir cita para a entrega da chave (que teñen que vir controlar que deixaches todo en orde), preguntei se sería posíbel ficar algúns días máis sempre que non houbese xa alguén na habitación. Non puido ser, así que xa o xoves pola tarde tiven que buscar unha boa caixa onde mandar todas as cousas "extra" que fun mercando aquí, coma a máquina de pan, os altofalantes, os aparellos da cociña, aos que lle collín agarimo, roupa, etc. Percorrín o campus e case medio Vaihingen preguntando no Mediamarkt, no Kaufland, no LIDL, ALDI, no Schlecker e máis sitios aínda, pero non foi posíbel, até o final vin unha pequena tenda de colchóns e preguntei. Tiñan alí unha caixa que parecía medianamente grande, pero aínda me semellaba pequena. De todos os xeitos era a única oportinidade que tiña, así que a levei comigo. Resultou ser meirande do que agardaba, así que todo ben.

Ao día seguinte erguinme cedo para recoller todo. Juanga axudoume a moldear a caixa para ter o tamaño axeitado para enviala e por sorte puiden meter moitas cousas nela. Agora o que fai falla é pesala para ver se non me pasa dos 40 quilos e tamén as maletas de Germanwings, que coido que non poden pasar de 20 quilos. Terei que ver o que podo levar ou non e quizais deixar algo...

Custoume bastante limpala toda, de feito fíxeno cunhas toalliñas que mercara para limpar a pantalla do portátil, pero que o deixan máis porco do que estaba. Useinas case todas para limpar as superficies das estanterías e o armario.

O Hausmeister ao final non puido vir, así que aínda tivemos sorte e puidemos ficar unha noite máis. Digo puidemos porque o meu veciño holandés Jasper tamén estaba na mesma situación ca min. Iso si, púxenme un pouco tristo ao ver tan baleira a que foi o meu fogar alemán durante estes sete inesquecíbeis meses que pasei aquí. É dicir, comprendín un pouco a Ian o chileno cando na aperta de despedida me pediu que coidase da súa "pieza" (así lle chaman eles), xa que era a que conseguira Laura cando estivo aquí.

Teño todas as cousas entre a habitacíon de Cristian e a de Juanga. Na de Cristian están as cousas que levarei comigo nos voos, xa que vou vivir alí até marchar e na de Juanga as cousas que vou enviar, porque me axudará Till, que ten coche.

A Mesa reclama a creación dun Servizo de dobraxe e subtitulación

Cito textualmente de Vieiros:

Lingua e Medios
A Mesa reclama a creación dun Servizo de dobraxe e subtitulación

[29/09/2005 19:52] A Mesa pola Normalización Lingüística reclamoulle ao secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado a creación dun servizo de dobraxe e subtitulación así coma un conxunto de medidas para a galeguización da comunicación de masas, entre as que destaca a esixencia de que a TVG emita a publicidade en galego ou que se dedique o canal de Radio Galega Música unicamente a artistas de fala galega e portuguesa.

A proposta da Mesa dun Servizo de dobraxe e subtitulación asumiría elaborar as lendas e dobrar para a televisión todos os filmes que se estreen nas salas comerciais, cedéndollelas gratuitamente ás distribuidoras ou ás televisións. Ademais, e como medida urxente, deberían dobrarse dez filmes comerciais que se van estrear en vindeiras datas. Os filmes, que A Mesa concreta, son 'O Código da Vinci', 'Piratas do Caribe 2: O cofre do morto', 'Ice Age 2: A fusión', 'Cars'', 'Inglorious Bastards', 'O regreso de Superman', 'Sin City 2', 'X-Men 3', 'Casino Royale', 'Misión imposíbel 3'.

Tamén inclúe outro conxunto de medidas, como a emisión monolingüe da publicidade na TVG, a promoción de solistas e grupos musicais en galego destinándolles programas televisivos específicos e toda a canle de Radio Galega Música, a posta en marcha dunha segunda cadea da TVG, a recuperación de Radio 4, aumentar as desconexións de RNE e TVE para a Galiza e en galego, a emisión en galego de 'Desde Galicia para o mundo', estabelecer un maior control da galeguización nas subvencións aos medios privados e na concesión de novas licenzas de novas emisoras de radio e televisión.

Outra vez Volksfest

Outra vez Volksfest

Alá fun despois de traballar todo o día con Dominique. Estaban alí unha chea de españois, entre eles bastantes galegos, cos que tiven a oportunidade de confraternizar en honra á patria, como tenta ser a foto, aínda que a sevillana de rosa de abaixo se negou a saír da foto, así que ao final non hai só galegos.

Trocaron o sistema do dous por un e a primeira cervexa tívena que pagar completa, pero despois díxome Cristian o que había que facer e coma el quería outra, pois alá fomos ao mostrador para recollermos as nosas fichas que despois poderiamos trocar por cervexas.

Pasamolo xenial, e despois cando xa estabamos un pouco calcados, fomos dar unha volta por aí Juanga, Silvia, Cristian e máis eu, a dicir o moito que nos queriamos, o fantásticos que eramos e até subimos na montaña rusa, que non era tan boa coma a outra vez, pero estivo ben.

Á volta atopei ao que está á dereita da foto coa camisola branca, que tiña unha ferida na man e estaba a agardar pola ambulancia. Alá fun con el, porque o pobriño non falaba moito alemán e porque para colmo non levaba a tarxeta sanitaria europea enriba. Leváronnos na ambulancia ao posto a Cruz vermella, onde nos fixeron agardar un cacho por coche para nos levar ao hospital, porque o tiñan que coser. Ao final collemos un taxi, por suxerencia do médico, que lle cobrou 8€ por cruzar unha ponte de merda. Alí, por sorte, curárono sen pagar os 200€ que sería máis ou menos o tema todo.

Despois collemos o U-Bahn cara Hauptbahnhof. El tiña para voltar a Untertürkheim, pero o meu derradeiro xa pasara, así que marchei a ver se podía coller o Nachtbus, que resultou que só funciona as fins de semana, así que chamei a Juan Pablo, que avisou a Till para me viren recoller ao centro.

Fußball

Fußball

Levabamos xa unha chea de tempo a cavilar nelo, pero ninguén fixera nada e ao final tivemos que ir a ver que pasaba. Do que falo é do tema do fútbol. Pois iso, que alá nos fomos Till e máis eu a recoller aos demais que viñan ao fútbol connosco onde se dan as clases de alemán, en Schreiberstraße. Puiden mercar algo de merenda, que morría da fame e alá nos fomos todos ao fútbol. Ao chegarmos comprobamos que as taquillas non están xa arestora onde antes, senón que lles trocaron o sitio. Ao chegarmos alí pedimos e non tiñan as que nós queriamos, que terían que ser uns 10€, así que tivemos que coller as únicas que ficaban, que eran unhas de 17. Con isto, xa tivemos a baixa de Silvia e Elena que non quixeron entrar por mor do prezo.

Alá entramos nós ao VfB Stuttgart-HSV (Hamburg), partido da Bundesliga.

O partido comezou ben, pero o cabo dun cacho marcou o HSV, e coido que así fomos ao descanso, no que por suposto, probei a tradicional salchicha do estadio, unha boa Bratwurst con mostaza, moi boa, por certo.

Xa na segunda parte conseguimos facerlle un gol, co cal xa estaba todo de novo aberto, pero o carallo é que non sei que pasou ao final que o HSV marcou un gol parvísimo, ficando cos 3 puntos. Así que marchamos fodidos para casa.

Xa na casa, tiven a oportunidade de escoitar o Depor-Atlético que deixara a gravar en mp3 aquí no portátil dende a internet.

Voksfest

Voksfest

Comeza a Volksfest. Así que alí nos vamos uns cantos a ver como estaba o tema, pero de relax, sen ánimo de moita festa. Chegamos e constatamos que efectivamente era moito meirande que a Frühlingfest. Alá nos imos todos cear unha boa salchicha de medio metro e despois como tiñamos ganas de algo doce, mercamos un Waffeln, que é coma unha especia de gofre feito da masa das filloas, boísimo.

Demos outra volta e ao final dubidamos entre a montaña rusa ou meternos nunha Bierzelt a degustar unha tradicional cervexa de litro e fartarnos a cantar cancións alemás... Coma se pode ver na foto, optamos pola derradeira opción e pasámolo bastante ben, aínda que non ficamos moito porque a xente e eu estabamos cansos e voltamos para casa cedo.

Cumpreanos de Silvia

Cumpreanos de Silvia

Outro día de traballo de carallo, pero a noite tivo a súa recompensa: festa de cumpreanos de Silvia e posterior velada á beira da lagoa.

A festa foi sorpresa. Decoraran toda a cociña. Eramos catro gatos cando comezou a chegar xente e máis xente. De repente, aparece o seu veciño negro (que non ten nada que ver a cor da pel) e púxose a cociñar. Comezou a protestar porque había xente a fumar e despois tamén polo ruido, todo iso mentres estaba cociñar. Despois enterámonos de que estaba picado porque non o invitaran á festa e incluso foillo dicir á interfecta, que por suposto, non sabía nada da súa festa sorpresa. Imaxinade a escena do fulano dicíndolle á outra que por que non o invitara á festa...

Pois iso, que Cristian a levou a cear fóra para os outros poderen arranxar a cociña para a festa e xa cando chegaron démoslle a sorpresa, que non sospeitara nada e todo xenial. Fixeron unha tarta riquísima.

Despois fomos todos á festa da lagoa que xa mencionara antes e onde o resto dos españois estaban a facer unha pequena fogueira. Coma o ambiente era agradábel, fiquei alí até case as catro da mañá, despois de falar con moita xente, entre eles Sergio, un madrileño moi boa xente que estaba moi borracho e que me seguía para dicirme que iso do nacionalismo estaba moi mal, que el se sentía tan galego coma min, que falase galego con el, que me entendía (non chegou á segunda frase) e que Madrid, sendo a capital de España! tiña que ter as mellores infrastructuras de todo o estado e ser moito mellor que as demais. En fin, non quero comentar nada máis ao respecto :-)