Blogia
Calvaris in Deutschland

Caña caña caña! O vindeiro contra España!

Caña caña caña! O vindeiro contra España!

Esa foi unha das consignas que se berramos onte no partido que tanto tempo, por non dicir toda a vida, estiven a agardar. Si, o partido da Selección Nacional Galega.

O día comezou ben, recollendo a Laura e a Marcos na FIC e marchando en dirección Santiago. Chegamos xa á hora de xantar, así que fomos dereitos a Área Central e nos metemos nunha das cervexerías, onde había menú do día. A verdade é que tardaron moito en traernos o xantar, pero ao final estaba todo bo.

Despois tivemos a idea de ir no coche até o estadio e voltar a andar á cidade a dar unha volta, así teriamos o coche xusto ao ladiño ao saír do partido. Que tangadora! Dixo que serían uns 20 minutos a andar e foron máis de 40! Ao chegarmos á cidade polo menos eu xa non tiña ganas de nada, así que demos unhas voltas pola cidade na procura da tarta superdensa (segundo lle dixeran a Laura, hai un bar onde poñen unha tarta empalagosísima, como ten que ser), e vendo como estaba o ambiente na praza de Praterías, onde estaban os Siareiros Galegos a reivindicar unha selección que poida xogar competicións internacionais, co cal estou completamente dacordo e que non debería ser algo anormal, como pasa por exemplo coas seleccións escocesa, galesa...

Fomos á Praza de Galicia na procura da parada da liña número 6, que levaba ao estadio, porque despois do Camiño de Santiago que fixeramos antes, non estabamo dispostos. Cando atopamos a parada metémonos no bar de enfrente, onde estaba Carlos Blanco, curmán duns colegas meus, pero non lle dixemos nada, aínda que estiven a piques de ir falar con el.

Ao saír, estivemos un chisco a esperar, até que a parada estivo chea, que foi cando chegou o bus. Conseguimos entrar, menos mal, porque o bus xa non parou na parada seguinte. Xa aí comezaron os cánticos.

Ao chegarmos, collemos unha chea de cousas, entre elas, un exemplar do Vieiros en papel, edición especial do partido e merquei unha chapiña co escudo galego feito por Castelao.

Atopámonos entón con A.J. e compañía, que xa viñan un pouco borrachos e entramosss todos xuntos, conseguindo unhas bandeiras, un libro co posíbel once titular da selección galega literaria, etc.

Emoción, canto tempo levaba a agardar para oír e cantar o Hino Galego nun partido da nosa selección! O carallo foi que non o cantaron completo, coas estrofas máis bonitas e máis nacionalistas, pero deume igual, o importante era o feito.

E alá comezaron as bandeiras, cánticos e pancartas, que dicían cousas como:


  • Caña caña caña! O vindeiro contra España! (berrado tamén por megafonía, aínda que creo que a parte administración non lle fixo moita graza :-p )

  • Aghora vai o ghol!

  • Si si si! O vindeiro con Brasil!

  • Galegos somos, galegos seremos, por españois nunca pasaremos!

  • Fraga cabrón! Xa temos selección

  • Gol gol gol gol!! (coa música do hino)

  • Xa van gañando, Arsenio e máis Fernando!

  • Uruguai, guai, pero para guai, Galiza!

Galiza xogou incribelmente e grazas a iso, marcamos os tres goles, para ledicia da maioría que estabamos alí, ben cantados coa música do hino, e que eu non podía crer, porque teño que dicir, que pensaba que nos ían meter unha chosca de carallo, pero non foi así e gañamos naquel momento histórico, co estadio municipal da capital ateigado de siareiros coma min, con ganas de ver unha selección coa que nos identificamos de verdade.

Ao rematar, marchamos Marcos, Laura e mais eu outra vez a Área Central, ao mesmo sitio que ao mediodía, pero esta vez pedín un prato típico alemán (codillo ou Schweinshaxe) que me desilusionou bastante, porque era nin semellante ao que eu comera alá.

E de volta a La Curuña...

1 comentario

_luara_ -

Por alusións, véxome na obriga de matizar algunhas cousas das que se acaban de comentar aquí. A ver, eu non son ningunha tangadora! Díxenvos claramente que levaría uns 20 minutos ir de Área Central ao estadio (ou viceversa), e puidemos constatar que nos levou 13'. Despois quixestes ir ata a catedral, e iso non entraba na estimación anterior! Aínda diría mais: se me tivesedes preguntado canto levaría chegar dende Área Central ate a catedral, a andar, estimaría bastante mais da media hora que ao final nos levou!
E concernente ao da tarta: ninguén me dixo tal probeina eu mesma! (por recomendación e en compaña de Chema) Así que teredes que agardar a unha vindeira ocasión para probala vós :-P.